23 marzo 2012

O único que queda é o amor

Autor: Agustín Fernández Paz 
Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste  libro de relatos. Todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, “na vida o único que queda é o amor”. E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.

6 comentarios:

Alba 1º BACH.A dixo...

Este libro conta moitas historias nas cales, o tema principal é o amor, pero que non teñen un final feliz.
Cando leo un libro, non me gusta que cada capítulo conte unha historia diferente; senón que dende principio ata o fin trata do mesmo, é dicir,dunha única historia.
A historia que máis me emocionou foi a de Elvira, xa que con tan só 20 vinte e sendo moza de Suso, namórase de Adrián. Coñecéronse cando ela ía a Mondoñedo pasar as festas cos seus tíos; foi un amor a primeira vista, pasaron catro días xuntos nos cales se coñeceron moito. Regresou a Lanzós, pero ela estaba triste porque anhelaba a Adrián.Recibiu por carta un libro de "Rimas y Leyendas" e tamén unha foto del. Ela está confusa, gústalle Suso e pensa en Adrián; fala coa súa nai,pero esta non reacciona ben e convencea de que quen lle convén é Suso. Elvira escribe a Adrián e cóntalle que ten noivo formal e que non lle volva a escribir. Casa con Suso, pasan os anos, pero acórdase moito de Adrián. Suso morre dun ataque cardíaco e tempo dispois tamén Adrián. Recibe a noticia a través da súa prima Carmen, esta cóntalle a vida de Adrián: emigrara a Barcelona, casara, pero acabara separándose. Ela decide que mentres espera a súa morte, levará con ela o retrato de Adrián, o home co que quizais fose máis feliz.
A historia que menos me gustou foi a de un can chamado Argos e o seu amo. Os dous eran felices e compartíano todo. Un día, o seu dono, namórase e comeza a pensar máis na súa noiva ca nel. Chegan tempos tristes, o seu amo e a correspondente moza, rompen a relación e a tristeza contáxaselle a el. O seu dono, comeza a visitar a casa da súa nai e un día de treboada, teñen un accidente no cal morren os dous.
Pareceume unha historia triste.

Noemi Iglesias, 1ª BACH. dixo...

Este libro gustoume moito xa que nel recóllense moitas historias de amor, que a pesar de seren diferentes teñen algo en común. Historias dos primeiros amores, a nostalxia de lugares da infancia onde se viviron historias de amor que marcaron a vida dos personaxes, o amor dun can polo seu dono, historias tristes e desoladoras como a morte dun mozo nun accidente, amores covardes que non chegaron a nada e, tamén, amores con moita paixón.
Recomendo este libro, non só polo seu contido, senón por como fai pensar ao lector e polo capacidade que tivo de remover as historias dun mesmo a medida que vai lendo.

Fátima Iglesias dixo...

Escoller este libro é unha sabia elección para quen lle guste a novela romántica.
Trátase dunha sucesión de relatos que narran o sentimento do amor dende distintos suxeitos, épocas, concepcións..., cunha manchea de citas literarias facendo referencia ás obras de outros autores como Pablo Neruda ou José Ángel Valente e, por suposto, con respecto ao amor. Por esta razón "pica" moito na curiosidade por saber máis sobre a obra de ditos autores e pola poesía romántica en xeral. O que máis me gustou da novela, á parte do seu perfecto título, é a cantidade de contidos, tan realistas a maioría e cos que non me custou identificarme, referentes a ese sentimento tan fermoso e que ás veces, como ben reflicte 'O único que queda é o amor', pode ser tráxico e doloroso: o amor.

Carlota M.P 1ºBACH-A dixo...

“O único que queda é o amor” é unha novela de Agustín Fernández Paz que, a verdade, encantoume.
O primeiro que destacaría, antes de comezar a ler, é a grata sorpresa da encadernación: Xerais non nos ten acostumados a coidar tanto a aparencia dos libros. Dígoo por experiencia propia, xa que moitas veces unha mala presentación pode desanimarte a ler, aínda que “nunca debemos xulgar un libro pola súa portada”. A portada da obra paréceme moi fina e elegante, quizais ao principio podes pensar que é algo pesimista polo tipo de debuxo de Pablo Auladell e as cores que usa. Pronto descobres que é perfecta para a temática do libro. Seguindo coa “fisioloxía” da obra, cabe destacar que as follas son dunha textura marabillosa, cousa que me encanta e contribúe a gozar da lectura. O mesmo ocorre coa fonte de letra utilizada e as portadas de cada relato, sinxelas pero contundentes. Gran traballo coa aparencia do libro e gran traballo do ilustrador.
Con respecto á estrutura, gústame a forma do libro dividido en relatos, relacionados polos temas, a poesía ou incluso por personaxes que comparten un mesmo nome. Son relatos de aparencia sinxela, incluso algún moi sinxelo, pero que cunha pequena análise descubrimos unha profundidade e unha expresión e transmisión dos sentimentos fermosísima. O autor consegue atraparnos en historias de apenas 5 páxinas, sen necesidade de presentar os personaxes, centrándose sobre todo na súa situación sentimental e emocional. Quédome, se tivese que elixir, co relato de Loanza da filatelia (que breve, significativo e emotivo!), con Esta estraña lucidez (que maneira tan fermosa de profundizar na memoria e no recordo do desamor a través dun personaxe moi especial, un can) e Unha foto na rúa (unha historia innovadora e orixinal, ao tempo do sentimento de angustia que produce saber aos protagonistas “tan xuntos pero tan lonxe”). Que maneira tan incrible de tratar o desamor.
E que dicir das citas que dan paso a cada relato? É o broche perfecto desta obra. É, sinceramente, o que escollería de todo o libro. Parécenme preciosas e moi ben seleccionadas de acordo coa temática do relato que encabezan. Poderíase dicir que a cita que dálle título ao libro é unha das máis fermosas, pero non me atrevería a elixir. Fante reflexionar.
Outro aspecto especial de “O único que queda é o amor” é o tratamento da literatura. De maneira seguida ou a groliños, o autor imprégnanos de poemas ou fragmentos de libros fascinantes, incluso que chegan a pór a pel de galiña. É unha maneira de facer unha especie de antoloxía poética dentro dunha obra plenamente narrativa. Alucinante.
Non sabería que máis dicir. Quédome cun boísimo sabor de boca despois da lectura deste libro, é unha obra que recomendaría, xa que considéroa moi moderna e tanto xuvenil como madura. Recibe da miña parte un 9 de nota: o único que falla, na miña opinión, é que algunha parte pode ser algo repetitiva, inmadura ou bastante predicible. Se buscas atopar unha obra para reflexionar de temas de amor, existencialistas, etc; esta é a novela que estabas buscando.
O tempo cúrao todo.
Mais que ocorre se o tempo é a enfermidade?

Anónimo dixo...

"O único que queda é o amor".
O libro de Fernández Paz está formado por de relatos escritos nun amplo marco temporal.Todos eles teñen relacións entre si,dende varias perspectivas distintas todas tratan temas do amor e do desamor.
Ao comezo de cada relato aparece un poema que fai referencia á historia que se vai contar,para min é un dos detalles do libro que máis me gustó.
A linguaxe que emprega o autor é sinxela e está acompañada por imanes que describen o que sucede na historia que se está a contar.
A min pareceume un libro entretido e moi fácil de ler.
Gustoume bastante polo que o recomendo a calquera persoa que lle guste ler ou para facer algún traballo,debido ao pouco tempo que me levou pelo.

davidrc dixo...

Este libro contanos diferentes relatos no cal todos teñen un tema en común:O amor.
O amor aparece de distintas formas, amor tráxico, amor feliz, amor inesperado...
A maioría deste relatos aportanos unha especiae de 'moralexa', como se observa nunha das historias na que unha muller nos plantexa se a súa vida sería mellor se escollese a opción arriscada, na que había que saír da zona de comfort.
Un gran libro que che intriga desde o primero instante.