Miss Ourense reúne catro relatos de corte detectivesco, todos eles
desenvolvidos no Ourense dos últimos anos sesenta e protagonizados polo
inspector de policía Gumersindo Nespereira. Luanda, A cruz de prata, O
que enganan as iguanas e mais o relato que dá título a este volume son
narracións áxiles e ben tramadas que, máis alá dos sucesos que as
orixinan, nos deixan enxergar o tecido interno dun tempo de ocultacións e
de silencios. O Ourense recreado neste libro esconde no seu interior,
baixo a aparencia dunha cidade tranquila e provincial, ambicións de
poder e pecados de cobiza ante as cales unha sociedade cómplice intenta
pechar os ollos e aproveitar o que se poida, sen reparar demasiado nas
inevitables vítimas. O inspector Nespereira, que é dono dun Dauphine e
dun peculiar sentido do humor, sabe que as cousas sempre foron así e non
vai intentar cambialas. Pero tampouco vai deixar que ninguén o tome por
parvo.
1 comentario:
É unha novela que me sorprendeu enormemente desde o primeiro momento. O feito de atopar a historia de Sindo Nespereira, un inspector de policía que se enfronta a catro casos diferentes, chamoume moito a atención, pois, ao ler o título, pensaba que ía encontrar un relato relacionado con algún concurso de beleza na cidade.
Paréceme que a intención do autor, Bieito Iglesias, era a de acabar co estereotipo do policía perfecto, cunha vida organizada e exemplar, que o resto da cidadanía debería imitar. Mais o certo é que, a pesar da maneira de ser do protagonista e da súa complicada vida sentimental, sempre acaba resolvendo os casos que se lle presentan, aínda que, ás veces, as súas maneiras de actuar non sexan as máis recomendables.
O que máis me gustou deste libro foi que case toda a historia transcorre en Ourense e nos seus arredores, algo que me facilitou a localización dos lugares nos que ocorre cada suceso. Como describe a cidade dos anos 80, hai cousas que son diferentes e que foron cambiando cos anos, pero os nomes das rúas seguen sendo os mesmos. Ademais, fálase de certos acontecementos, como as festas da Ponte, que aínda son coñecidas hoxe en día.
A historia é interesante, pois os catro casos do inspector son moi entretidos e é difícil imaxinar cal pode ser a conclusión de cada un deles, o que fai imposible deixar a lectura ata que o descobres. Porén, esa resolución é o que menos me gusta da novela, xa que o autor dedícalle pouco tempo. Na miña opinión, despois dunha presentación do caso tan longa e dunha trama extensa, todos os finais son moi precipitados e non quedan nada claros.
Publicar un comentario