Marcos traballa na Agro da Presa, a explotación leiteira de cincocentas
cabezas que a súa familia leva en Cabanas, unha parroquia aparentemente
deserta de xente, que non queda moi lonxe de Santiago. O seu pai sempre
quixo ter a casa máis grande da aldea e que fose a que entregase máis
leite. Unha carreira tola na que tamén están os veciños da granxa de O
Penedo cos que non se leva. A nai de Marcos ocúpase do muxido e dos
traballos da casa, mentres que o seu irmán Daniel e a súa cuñada Iria
van co portátil a todas as partes para non perder nunca o control do que
sucede nas vacarizas. Os avós coidan da horta e María, a súa irmá,
despois de rematar a carreira, prepara oposicións nunha academia de
Compostela. Un relato da vida interior dunha aldea do noso tempo, dende a
ollada das persoas novas que apostaron por construír alí as súas vidas.
1 comentario:
A historia mestura amor,amizade,intriga,machismo,ámbitos rurais e urbanos...
Trata sobre Marcos,un rapaz de 26 anos que traballa na explotación gandeira que súa familia ten en Cabanas,unha aldea do interior de Galiza.
Case toda a historia xira ao redor dos amores de Marcos con Antía e Sara,a amizade entre a xuventude da aldea,a relación que este ten coa súa familia.
O espazo no que acontece a historia é relevante para os feitos que lle acontecen aos personaxes porque condicionan moito a súa maneira de actuar.
Podería dicir moitas cousas que me gustaron desta novela,entre elas,a trama da historia ou a forma en que relata os feitos o autor,pero,porén,seríame moi difícil dicir o que menos me gustou.
Das novelas que lin en galego foi das que máis gustei,para min unha das mellores.
Recoméndolla a calquera persoa que teña máis de 15-16 anos.
Publicar un comentario