Hai agora dez anos Galicia iniciaba o segundo curso escolar no que estaba en vigor o decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo.
A norma fora aprobada polo Goberno galego a mediados do ano anterior e
trouxera consigo un dos desencontros máis sonoros ata o momento entre as
forzas que sustentaban o Executivo, PSdeG e BNG, e o partido da
oposición, o PP. Dez anos despois de que aquela controversia estourase
ata tornar nunha das claves da posterior campaña electoral galega, o
contido daquel decreto e a súa orixe seguen presentes na contenda
política. Así sucedeu, por exemplo, no debate de política xeral que se desenvolve esta semana no Parlamento. Pero, de onde viña e que dicía aquel decreto?
O PP non sempre estivo en contra daquela norma. Ben ao contrario, o 22
de febreiro de 2007 compartiu mesa ante a prensa coa daquela conselleira
de Educación, Laura Sánchez Piñón, e mais cos representantes de PSdeG e
BNG para anunciar que, tras cinco intensas xuntanzas, existía un acordo
unánime para activar a nova regulamentación do galego no ensino.
Segundo a representante principal dos populares nas xuntanzas, a
ex-conselleira Manuela López Besteiro, o texto acordado combinaba "galeguismo", "equilibrio entre as dúas linguas oficiais" e "respecto á lingua materna". Pero ademais, indicaba López Besteiro, desenvolvía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega" que o Parlamento aprobara por unanimidade en 2004, tamén tras intensas negociacións.
O PXNL estaba, precisamente, na cerna do decreto. Nas medidas concretas dedicadas ao ensino -páxina 56 do apartado do plan dedicado á educación, familia e mocidade- aquel documento fixara un vieiro claro a seguir. En Primaria, "que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da
súa docencia en galego" e, ademais das áreas de coñecemento de medio
natural, social e cultural, que xa se impartían en lingua galega,
"fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a
etapa, como as matemáticas". Na ESO tamén se fixaba ese mínimo do 50%
e apostábase por que "se impartante neste idioma as matemáticas e a
tecnoloxía", alén das xa "establecidas legalmente". O limiar "mínimo" do
50% era tamén o criterio par Bacharelato e FP.
Nesta liña, o texto final do decreto fixou
o mínimo do 50% de materias en galego, incluíu as matemáticas e outras
áreas técnicas entre as áreas a impartir en lingua galega e agregou que o
alumnado debería rematar cada nivel educativo con "competencia nas dúas linguas oficiais".
A Consellería inzara o texto de mencións ao Plan Xeral de Normalización
e, a xeito de aclaración adicional, incluíu no decreto un anexo no
que transcribía o apartado do PXNL sobre educación. Isto é, ía aplicar o
texto que recibira os votos a prol de PP, PSdeG e BNG no pleno do
Parlamento do 21 de setembro de 2004 tras un prolongado proceso de
elaboración e participación de persoas e expertas e entidades de todos
os ámbitos.
Pero o que xurdira dunha unanimidade só comparable á que abeirara o nacemento da lei de normalización lingüística en 1983 pasou a ser poucos meses despois para o PP unha ruptura do "consenso" por non "garantir os dereitos lingüísticos"
e "abrir a porta a un modelo monolingüistico". Ao tempo, saltaban ás
páxinas dalgúns xornais galegos as reclamacións dun colectivo liderado
por unha docente dun instituto vigués que prometía "dar mucha guerra" no nome da "libertad lingüística". Facíanse chamar Galicia Bilingüe recollendo os preceptos dun manifesto divulgado a través de internet baixo o título Tan gallego como el gallego e
xunto a eles acabaría manifestándose a cúpula do PPdeG -agás Feijóo, de
viaxe en Sudamérica- o 8 de febreiro de 2008, ás portas da campaña
electoral. Se Feijóo gañaba, afirmaban, habería "una casilla en el sobre de matrícula" para que as familias decidisen o idioma do ensino.
As teses básicas daquelas protestas foran utilizadas polos
populares no seu retorno á Xunta para derrogar o decreto 124/2007 e
substituílo polo vixente, que tivo que ser modificado parcialmente por orde xudicial. O
novo conselleiro de Educación e actual alcalde de Ourense, Jesús
Vázquez, mantivo en público que detectaran unha presenza maioritaria do
galego nas aulas, se ben tres anos despois admitiran formalmente nunha resposta parlamentaria que o que detectaran fora xusto o contrario, que o maioritario era o castelán. Unha década despois recentes informes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura constatan que a escola está actual como axente "desgaleguizador" da rapazada e que os prexuízos sementados a respecto dunha suposta "imposición" do galego aceleraron este proceso.
Así e todo, o presidente da Xunta vén de volver empregar o principal
debate parlamentario do ano para axitar dalgún xeito as pantasmas
daqueles anos "nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de
Galicia nin aqueles que queren impoñer o galego coñecen realmente
Galicia", proclamou Feijóo nun discurso no que afirmou tamén que "nunca promovín nin promoverei conflitos". Quen o acusan de atacar o galego están instalados na "posverdade", afirmou o
presidente noutro treito do debate retrucando á líder do BNG, que tamén
empregara ese termo. Mentres, nas redes sociais, un destacado dirixente
do PPdeG afirmaba que "o que acabou co consenso" foi o decreto
124/2007, o que transcribía o Plan Xeral de Normalización aprobado por
unanimidade parlamentaria en tempos de Manuel Fraga.
Fonte:
http://praza.gal/politica/17632/o-galego-no-ensino-dez-anos-dunha-posverdade-incomoda/
Ningún comentario:
Publicar un comentario