17 decembro 2018

VANESSA GLEMSEL: " A metáfora perfecta"

Vanessa Glemsel, artista!!


Fonte: https://glemsels.wordpress.com/

A historia do noso é unha receita de cociña: croquetas caseiras de polo.
Non ligamos coma a manteiga e a fariña diluídas no leite ata que non houbo lume.
Despois, moito despois, de todas as rutineiras e prescritas voltas de culler obtivemos unha fina bechamel sen bolborotos e engadimos aquel polo reseso adubado cunha pouca cebola e unha presiña de pementa negra para darlle chispa. Amasei, amaseite con esa minuciosidade amorosa que lle poño a todos os pratos. Ti batías os ovos cun aquel de home posmoderno case contemporáneo. Afundímonos no pan relado para acabar queimados en dous dedos de aceite a ferver.
Eu seguín amasando con mans expertas os cilindros delicados, mornos, suaves que ti, sentado á mesa, devoraches cada sábado durante anos. Odiabas os sucedáneos e eu aprendín con esforzo a precisión dos aloumiños que a fariña e a manteiga precisaban para se converter nos pequenos artefactos da túa felicidade cotiá.
Alporizácheste a tarde en que por primeira vez a masa apegañouse no fondo da tixola. Fiquei chorando horas, mesmo despois de fregar aquel queimado de cheiro acre e eliminar así a mancha do meu delito.
Todo mudou tras a miña pequena transgresión culinaria.
Nunca máis quixeches croquetas para cea e eu toleaba entre as tarteiras para sorprenderte con menús diferentes cada noite, pero ningún guiso nos fixo xamais tan felices como aquel feixe de pasta modelado.
Un domingo fatídico, casual, atopei unha bolsa de croquetas de polo precociñadas nun andel do frigorífico.

Compoñente de "Dúas gamberras e un micro" : A volta a torniqueta dos recitais poéticos ou cando a literatura sae do libros e asalta a berros os bares .
https://www.facebook.com/duasgamberraseunmicro/
Compoñente de Grupo FDúas poetas, dúas bailarinas e un universo común. Proxecto escénico que mestura danza, voz, música e poesía.

Ningún comentario: