09 xaneiro 2020

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra.

O 17 DE DECEMBRO DE 2019  A Unión Astronómica Internacional anuncia que a HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar.

 A estrela de Rosalía (HD 149143) nunha imaxe de telescopio.

 Rosalía de Castro converteuse este martes 17 de decembro en universal ao anunciar a Unión Astronómica Internacional (IAU) que a estrela HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán a partir de agora o nome da escritora galega e do río Sar a carón do cal viviu e escribiu as súas obras. A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, e apoiada por multitude de persoas e institucións en Galicia, chegou a bo porto e conseguiu ser a máis votada a nivel estatal, polo que gañou o dereito a figurar a partir de agora no mapa do Universo.

A noticia anunciouse nunha rolda de prensa convocada en París pola IAU, na que se deu conta dos resultados da iniciativa Name ExoWorlds, lanzada pola organización científica co gallo do seu centenario, e que involucrou a máis de 110 países. Nos Museos Científicos da Coruña, onde Ío organizou unha xuntanza para seguir o anuncio, a alegría foi notoria ao saber a nova. Na votación española tamén participaban outros dous nomes con especial vinculación con Galicia, Breogán e Ith, propostos polos investigadores da Universidad Autónoma de Madrid Asier Castrillo e Isabel Rebollido (orixinaria de Boiro).

Se miramos cara a constelación de Ofiuco, o encantador de serpes, e atopamos a estrela que a partir de hoxe é xa a estrela de Rosalía, veremos unha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780, pois este sistema planetario está a case 240 anos luz da Terra. E durante boa parte do ano, se os ceos están despexados e nos afastamos da contaminación luminosa, poderemos observar, coa axuda dun telescopio, e mesmo con só uns prismáticos, a HD 149143.
A estrela de Rosalía forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, unha colección de datos estelares compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard, nos Estados Unidos. Pola súa parte, o planeta que o acompañará nese recuncho do universo, Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler. Ten un tamaño algo maior ca Xúpiter e xira moi preto do seu ‘sol’, facendo unha órbita completa arredor del cada catro días.
Máis información na FONTE DA NOTICIA:  https://www.gciencia.com/ciencia/ver-estrela-de-rosalia/

Ningún comentario: