24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA
Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día
de Rosalía de Castro 2020
Ambos
errantes polo mundo andamos,
dixo a muller. Daquela, as xentes silenciadas, ás que lle roubaran
ata as palabras, recuperaron o alento. Fixérono de golpe. Souberon
decontado o que eran, o que somos. Transmatria errante nunha
humanidade errante. Seres humanos que vagaron e vagan; que pularon e
pulan; que morreron e morren na procura do pan e da liberdade. Logo,
a muller aquela, desafiando leis masculinas, sentenciou: Toda
a terra é dos homes
e das mulleres. Toda a terra.
Foi
evidente entón que ela xa non precisaba apelidos. Sería sempre
Rosalía, e había sinalar futuros e denunciar dores e inxustizas.
Errantes polo mundo.
A
súa palabra inzou poderosa, precisa, contundente.
Outra vez os vaivéns da fertuna / para lonxe me arrastran,
afirmou, así que axiña entendemos que os camiños nos igualan e os
tránsitos nos fan humanos.
Si,
Ambos errantes polo mundo andamos! Elas
e nós. Ti e mais eu. Nosoutres.
Camiñamos.
Marchamos. Fuximos. E, no medio do desamparo, da dor da partida, do
mundo deixado e do degoirado, Rosalía amosou o desconsolo de migrar
e o afliximento de ficar. Tamén nos aprendeu a ollar, a saber, a
ser. Dende entón a nosa voz foi para sempre palabra de muller. No
éxodo infinito. A nosa voz errante polo mundo.
Velaquí
talvez o inaudito. Rosalía, unha daquelas que debían ser
silenciadas pola forza, daquelas que pretenderan enmudecer tantos
deuses e leis dun heteropatriarcado opresivo, ergueu a palabra libre
e entregóunola. Será por iso que habemos ser unha anomalía?
Unha transmatria errante con voz de muller. Unha nación errante que
nos iguala no camiño coas desposuídes.
Ambas errantes polo mundo.
Mais
que é de Rosalía agora? Vivimos tempos duros, sen dó, nos que
rexorden discursos de odio e medo. Decotío, vemos homes que acenan
carraxes co seu dedo. Berregan palabras de ferro. As vítimas son
sinaladas polos verdugos. No entanto, nesta transmatria nosa
conservamos armas lilas contra a desolación. Fabricounas unha muller
con versos irredentos. Vacinas contra a xenofobia que han formar
parte do noso ADN. Sermos errantes ha impedir que a arañeira do odio
medre no corazón. Grazas a Rosalía temos o sangue envelenado coa
afouteza das que foxen. Infectado con versos que denuncian e nos fan
ser as outres.
A
miseria está negra en torno deles / ai!, i adiante está o abismo!,
dixo.
Si,
o abismo. Cemiterios no mar. Refuxiadas. asasinadas. O silencio.
Cremos
por iso en identidades errantes, aquelas que elixamos nós. Ninguén
ha decidir o noso xénero nin os afectos. Ninguén nos ha retirar
dereitos nin nos ha facer súbditas. Ninguén nos ha expulsar de
ningures, porque Rosalía instalou en nós a insubmisión de ser e un
futuro para soñar. El serán os seus versos un andazo? Insubmisión
na denuncia da violación e da violencia de xénero: que
morden si acariñan, que cando miran queiman/ que dan dores de raiba,
que manchan e que afrentan. Insubmisión
contra o poder e o capital:
Embargaránnos todo, que non teñen/ esas xentes conciencia, nin tén
alma. Insubmisión
contra quen coloniza, contra quen explota:
déronlle fel por bebida/ peniñas por alimento.
É
difícil imaxinarnos sen Rosalía, como é difícil alentar sen ar ou
vivir sen auga. É difícil entendérmonos sen nos saber errantes.
Fagamos vivos os seus versos en cada persoa que foxe, en cada ser
humano que chimpa un muro, que se bota ao mar, que decide o seu
futuro e a súa identidade libremente. Levamos no sangue a valentía
de quen camiña e, grazas a Rosalía, sabemos que as errantes tamén
somos nós. Contra o medo e a intolerancia. Errantes polo mundo
e sempre libres!
Daniel
Asorey
Asociación
de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#ErrantesPoloMundo_rdc_20
Ningún comentario:
Publicar un comentario