A galega Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía
O xurado elixiu a obra Feliz Idade, da poeta orixinaria da Pobra do Brollón, "por tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo".
Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.
Así, o eixe de «Feliz Idade» é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.
FONTE: https://www.kalandraka.com/blogk/post/feliz-idade-premio-nacional-de-poesia-2020
Poema:“Tríscele”:
Eramos tres: meu pai, eu e a vida.
Eramos tres: meu pai, eu e a agonía.
Eramos tres: meu pai, eu, e o meu amor que viña.
OUTRO POEMA:
“Agora
eu mírote extasiada mentres dormes
e disólvome no costro fulgurante
coma unha estrela que lle dera de mamar
fósforo ao ceo.
E falo na linguaxe que non serve
na linguaxe da sílaba primeira:
deséxoche que sexas amada tolamentee
que ningún poder poida
amainar nunca
a túa
Feliz
Furia”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario