24 outubro 2020

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979), de Xulio Carballo

 Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979)

Autor: Xulio Carballo Dopico

Editorial: Xerais

En 2015, Xulio Carballo defendía na Universidade da Coruña a súa tese de doutoramento, elocuentemente titulada Para unha historia da banda deseñada galega.

 Aquela tese vén de ser transformada agora nun necesario libro de divulgación: Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979). Carballo establece unha cronoloxía das obras fundacionais da BDG e define detalladamente as pretensións dos autores que as fixeron posibles. O que os pioneiros Reimundo Patiño, Xaquín Marín, Chichi Campos ou Xosé Díaz tiñan en común era o desexo de empregar un medio popular, o cómic, para difundir unha mensaxe política emancipadora, unha chamada a tomar conciencia dos problemas políticos, sociais e económicos da época e transformar a realidade. Velaí a singularidade do caso galego, no que a serodia aparición da banda deseñada está claramente vinculada á escaseza de publicacións periódicas en galego e, en definitiva, á ausencia dunha cultura normalizada na nosa lingua.

Carballo sinala tamén a década dos 70 como o tempo no que se produciu a progresiva acollida das tiras cómicas en galego polos xornais do País, destacando de novo o labor de Xaquín Marín canda outros autores coma Xosé Lois, Esperante, Veiga ou Pepe Carreiro. Máis adiante chegarían os suplementos infantís e culturais, así como pequenos milagres coma a revista Vagalume, que en 1977 chegaba a contar en Galicia con máis de 5.000 subscritores. En 1979, o fanzine Xofre, promovido por un novísimo Miguelanxo Prado, Xan López Domínguez e Fran Jaraba, sinalaba o final dun tempo mediante a introdución dun novo paradigma na concepción da BD galega que, sen renunciar a reflectir a realidade do País, facíao abríndose a influencias do cómic que naquela altura estaba a producirse en España, Europa ou Norteamérica.

O libro ten outras virtudes máis incómodas, coma a de poñer en evidencia que o cómic galego ofrece un inxente campo de estudo que demanda atención académica, ou constatarmos que non existen, a día de hoxe, reedicións recentes de ningún dos grandes dos títulos fundacionais da nosa BD.

FONTE: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/88920-orixes-banda-desenada-galega


MOI ENTERESANTE TAMÉN  INFORMACIÓN DE :

http://www.komic.es/gl/lecturas/720-os-pioneiros-da-banda-desenada-galega-1971-1979-xulio-carballo.html 
Cando, hai uns anos, Xulio Carballo entrou en Komic Librería solicitando información para a súa tese doutoral sobre os primeiros pasos da banda deseñada galega, non podiamos sospeitar que o seu traballo ía ter un percorrido e unha repercusión tan relevantes, nin que da súa investigación naceran froitos tan interesantes e necesarios como a estupenda exposición BDG 70: a revolta do cómic galego, que comisariou no ano 2016 para a Sala Normal da Universidade da Coruña (e da que dá testemuño o seu excelente –tanto no contido como na súa edición– catálogo), ou o libro do que hoxe vos falamos, recén saidiño do prelo: Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979).

Os pioneiros da banda deseñada galega (1971-1979) preséntasenos como algo tremendamente necesario: para entender o presente é preciso coñecer o pasado.

 AH! e POR SE VOS DESPISTASTES, XULIO CARBALLO DO PICO FOI PROFE NO NOSO INSTITUTO NO CURSO 2018-2019!!!!

Ningún comentario: