25 novembro 2020

25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 NON SÓ O VIRUS MATA

 Presentamos este poema de María Lado, no que se percibe a anguria das mulleres maltatadas, subxugadas ao seu asasino, e a indiferenza da sociedade ao seu redor:

Mírao ben
este é o tren máis longo
que endexamais cruzou as túas terras.

É un espectro de lucecús
que chaman polo amor á noite
e son miles, son enxamio, son número bíblico, lexión

Son as mulleres mortas
ás que non soubeches amar

De verdade queres saber onde durmían
cando durmían
con quen as asasinou?

Fuxían ao souto vello da túa cabeza escura.
todas elas eran estrelas que podían abrir o día,
podían facerche brillar

De verdade queres saber
onde durmían?
Durmían ao teu carón.

Podías brillar por elas.
Non falamos do brillo que ten o ouro
que vale unha boa herdade.
É outra a moeda que se cambia no amor.
se ti soubeses algo diso...

Parecen insignificantes, pero
certos artrópodos, cando menos,
teñen esa maxia lumínica no seu ADN.
De verdade
queres saber?

Agora que o tren incendia
os teus campos, todo canto posuías,
se soubeses algo de amor
sería o teu corazón o que oes sobre as vías
e non ese son oco
que che bate nas tempas.


A pesar de todo, compañeiras, seguiremos loitando por un mundo sen machismo e sen violencia machista por NOSOUTRAS, polas NOSAS antepasadas e polas NOSAS herdeiras.

 
Este ano 2020 non só nos estamos enfrontando a un virus letal que nos arrebata a familiares e a seres queridos/as, senón que asistimos a un dobre virus: un sanitario, o Coronavirus e outro social, a violencia de xénero.

Ambos letais en moitos casos.

O confinamento nesta situación de pandemia fixo que milleiros de mulleres convivan cos seus agresores, vivindo 24 horas co seu maior inimigo. Os maltratadores víronse impunes ante unha situación dominada por eles, xa que o encerro dificulta ou impide as relacións fóra do fogar e a posibilidade de poñer unha denuncia. Ademais, a nivel psicosocial a corentena ten efectos nocivos sobre a vida mental das persoas, sendo unha situación ideal para que os maltratadores podan exercer o abuso e a violencia con maior facilidade cara as persoas do seu redor.

Os datos rexistrados ata o final do confinamento son:

-14 maio de 2020: recóllense 20.732 chamadas ao 016; 41,1% máis que as 14.662 no mesmo período do 2019.

-No período dende o 14 de marzo ao 28 de abril de este ano, oito mulleres foron asasinadas en sete semanas de confinamento: dúas polas súas parellas; tres polos seus fillos e unha vítima dun home sen identificar.
Destas oito mulleres, tan só dous tiñan denunciado antes ao seu agresor.

No confinamento viuse unha vez máis que as mulleres asumen o maior peso dos coidados que precisa o total da poboación. A carga de coidados, tarefas da casa e teletraballo crearon en moitas mulleres situacións de ansiedade e estrés, que non viron compartidas polas súas parellas.

Segundo a ONU Mulleres: “antes de que existira o COVID-19, a violencia doméstica xa era unha das violacións dos Dereitos Humanos máis flagrante”. Co confinamento a cifra creceu de xeito exponencial con efectos nefastos na saúde sexual e reprodutiva das mulleres, así como na súa saúde mental.

Tras estas anotacións cabe cuestionarnos: que está ocorrendo coas mulleres que sofren violencia de xénero fóra e dentro da pandemia no noso país? Os mecanismos de seguridade adoptados están sendo efectivos?...

Hai que criticar e reclamar a falta de medidas económicas concretas expostas ata a data en todos os países, e lembrar que na derradeira crise económica recortouse  nos presupostos para políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero.
 
Pedimos que se nos deixe participar na recuperación social e económica xurdida desta situación que estamos vivindo e na que, unha vez máis, as mulleres somos as máis damnificadas. Sen unha visión feminista, esta recuperación social e económica non será nin efectiva nin completa, chegando a unha situación de inferioridade de novo coa supremacía do patriarcado.

Son, dende 2003 ata xuño deste ano, 1.055 asasinatos por violencia machista. A contía ascende cada ano: en 2018 foron 89, en 2019 mataron a 99 mulleres e en 2020 (ata outubro) asasinaron a 72. Pódese comprobar que as cifras van en aumento ano tras anos; lonxe de paliar este gravísimo problema, agrávase.


Manifesto da Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mulleres da CI

Ningún comentario: