Xoana - Anceios
«Anceios», tema pertencente ó disco Dardos.‘Dardos’ xurdiu como unha proposta que axude a proporcionarlle á nosa lingua uns aires renovados que demostren a súa capacidade de desenvolverse en calquera eido e de tratar todo tipo de temáticas. Son os prexuízos e a ignorancia os que limitan un idioma, e é ben sabido o sufrimento que estes lle causaron ó longo dos anos á cultura de Galicia; de aí o meu empeño en demostrar a súa valía a través deste disco.
Máis información: https://www.xoana.gal/dardos/
Videoclip de animación realizado por Carlos Lago (O Terser Home). Produción musical, arreglo, mestura e masterización por José Portela. Letra de Eva Martínez Adega. Esta canción pon fin a unha primeira etapa musical e á vez dá comezo a outras. Cun arreglo musical diferente ó tema orixinal aproxímase a unha visión máis electrónica e actualizada. Este traballo foi unha mostra da variedade de posibilidades que ofrece o galego e ese foi o obxectivo ata o final. «Anceios» ten como protagonistas ás persoas obrigadas a marchar da súa terra na busca doutra á que poder chamar fogar, mantén o espírito de denuncia do disco. Xoana non estivo obrigada a nada, mais encontrou na música a súa casa.
LETRA:
«Quen dixo que é de noso esta Terra
para nela sementar férreas fronteiras?
Quen converteu o mar nun punto negro
ó que van naufragar soños eternos?
A pel que nos envolve e aloumiña
xa non acalafría ante a inxustiza;
xa non se quebra con cruel anguria
de quen anceia un lar mentres camiña.
Das pedras valoramos a dureza,
dos homes, disque agora, a vileza.
Chegou a hora de tatuar nas almas,
un corazón, un beixo, unha esperanza.
Se é tempo de liberarse,
se hai sorrisos no aire,
se ti e eu anceiamos sempre
unha vida, moitas, diferentes…
Sobran palmas que alzan o ego
de quen do mundo fai o seu feudo;
faltan mans que constrúan fogares
e destrúan barreiras de maldade.
Xa abonda de baldías escusas.
Dan vergonza as promesas obtusas.
Fan falla humanas obras e feitos
que á vida garantan o dereito.
Ringleiras de soños agatuñan murallas.
Alfaias sen vida aboian nas praias.
Hoxe é a primeira alba dunha era
que agarda, apaixonada, sen espera,
que deixa atrás, por fin no esquecemento
salaios, feridas, silencio…
Ningún comentario:
Publicar un comentario