24 maio 2016

O lapis do carpinteiro

Autor: Manuel rivas.
Unha historia de amor, melancolía e liberdade.Un grande amor en tempo de guerra e posguerra que chega ós nosos días entre Marisa Mallo, unha fermosa moza de Fronteira, filla dunha familia reaccionaria e o médico republicano Daniel Da Barca, posuídor da beleza tísica e seguidor da teoría da realidade intelixente do doutor Nóvoa Santos. Fronte a eles a mirada escrutadora dun home que non tiña medo, Herbal, o garda da cadea da Falcona que verá restaurada a súa condición de ser humano por obra e gracia de tantas formas de amor como o lapis do carpinteiro lle foi ensinando a debuxar.O lapis do carpinteiro é testemuño dunha traxedia curativa, unha metáfora de tódalas guerras, unha loita contra o esquecemento que demostra o poder salvífico do amor.

2 comentarios:

Sandra Caiña López (1º BAC A) dixo...

É unha das novelas galegas máis coñecidas e, debido ao seu éxito, no ano 2003 estreouse unha película baseada nesta fermosa historia de Manuel Rivas. Despois de vela o ano pasado, quedárame con ganas de saber máis e desexaba ler a novela, pois, como sempre sucede (e esta vez non me defraudou), o libro supera o filme.
A verdade é que nada máis comezar, decateime de que a lectura non ía ser tan sinxela como esperaba. A existencia de dous narradores e o feito de que os acontecementos non se atopen ordenados cronoloxicamente xa son dificultades dabondo, pero o que máis me chamou a atención foi a ausencia de guións ou raias que preceden as intervencións dos personaxes. Por estas razón, custoume ordenar os sucesos ata que me acostumei ao estilo do autor.
En canto á historia, paréceme moi dura nalgúns momentos, pero, ao mesmo tempo, destaco a súa fermosura, pois continúo emocionándome co amor tan grande existente entre Daniel Da Barca e Marisa Mallo. É incrible que a pesar de todas as dificultades que tiveron que afrontar, o seu amor fora máis forte que iso. Ademais, despois de tantos anos de casados, no primeiro capítulo os lectores somos testemuñas do moito que aínda se querían ao ler as palabras do narrador: “O doutor Da Barca mirábaa cos vellos ollos tatuados de desexo”.
Aínda admiro máis que o amor fora o triunfador ao descubrir que Manuel Rivas escribiu esta novela inspirándose no doutor Comesaña, ao que lle quixo facer unha especie de homenaxe pola súa loita contra o franquismo e do que recordou a súa historia de amor con Chonchiña.
Sen dúbida, un aspecto que me encantou da novela foi descubrir ao personaxe de Herbal en profundidade, xa que, na película, a visión que tivera del fora a dun monstro. Grazas á lectura, comprendín que o garda non era tan malo como parecía, senón que toda a súa vida estivera marcada dalgún xeito por Marisa, o seu amor desde a infancia, e o único que precisaba era algo de cariño.
Outro aspecto importante, que non se amosa na película, é a voz do pintor, que Herbal escoitaba desde o momento no que o asasinara e pasara a levar o seu lapis de carpinteiro na orella e que, pouco a pouco, ía modificando o seu comportamento, facéndoo mellor persoa. Deste xeito, resultan evidentes tanto a importancia que ten o lapis na historia coma as palabras do garda.
O que máis me sorprendeu foi o desenlace da novela, pois eu cría que Herbal morría. Porén, grazas á marabillosa técnica de Manuel Rivas, non me quedou nada claro, o que me deixou aínda máis intrigada. Ao non estar marcadas as intervencións dos personaxes, non sei como interpretar a última palabra, é dicir, “nada”. Por un lado, penso que pode referirse á resposta que lle dá Herbal a Manila, pero por outro creo que a nada simboliza o silencio, xa que a Morte acábao levando ser formularlle ningunha pregunta.

Alicia Rguez López (4ºA) dixo...

O lapis do carpinteiro é unha novela de Manuel Rivas publicada en 1998.Conta a vida do doutor Daniel Da Barca, centrándose na época que estivo na cárcere, durante a preguerra. A historia, na súa maioría, cóntase a través dunha conversa entre Herbal, personaxe con gran importancia na novela, e María da Visitaçión. Ademais de como transcorre a vida do doutor, fala do seu romance con Marisa Mallo, a enfermidade de Herbal e a razón pola que este odia ao doutor, as historias doutros presos, etc.
O lapis do carpinteiro é un libro que recomendo, a pesar do difícil que resulta lelo polos saltos temporais. Gustoume porque reflicte moitos aspectos da realidade da época da Guerra Civil en España, por exemplo, como as mulleres dos presos teñen que ir velos dende a distancia.