24 maio 2016

Que me queres, amor

Autor: Manuel Rivas
Un conxunto de dezaseis relatos. Un orixinal universo literario que enxalza a grandeza do pequeno, que descobre o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco. Unha ollada dura e, ao tempo, delicada sobre ese territorio no que a realidade linda cos soños, onde se agocha a verdade de cadaquén. 
Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester. 
Algúns relatos foron levados ao cine no filme A lingua das bolboretas.

1 comentario:

Sandra Caiña López (1º BAC A) dixo...

É un libro totalmente diferente a todos os que tiña lido ata agora. Nel, Manuel Rivas presenta dezaseis relatos independentes, polo que todos os aspectos das historias (personaxes, espazo, tempo…) son distintos en cada un dos casos. Porén, dous dos temas que están presentes en moitos deles son o amor e a morte, explicados de diversas maneiras.
O libro ten por título o nome do primeiro relato, que precisamente foi un dos que máis me gustou polo feito de que o narrador conta a historia estando xa morto. Así, volve atrás no tempo para relatar como perdeu a vida no atraco a un banco, mentres recorda a rapaza da que estaba namorado e da que non deixou de pensar en ningún momento. Outra das cousas que me chamou a atención é que este conto ten unha cantiga de amor a modo de introdución.
En canto aos relatos, paréceme que todos teñen a súa maxia, pero é distinta a importancia que ten cada un deles no conxunto da obra. Por exemplo, mentres que hai algunhas historias nas que se conta todo con moito detalle, tamén hai outras moi curtas e que poderían desenvolverse un pouco máis para entendelas mellor.
Creo que unha das historias máis bonitas e coñecidas do libro é “A lingua das bolboretas”, xa que foi levada ao cine xunto con outros dous relatos (“Un saxo na néboa” e “Carmiña”). Tamén me gustaron outros contos máis pequenos e para min descoñecidos ata o momento, como “Cousas”, porque son os obxectos da casa os que están comentando o crime que alí se cometeu, como se foran detectives.
Penso que o libro é moi recomendable, pois, ao ser diferente cada historia, pode ser que algunha guste menos, pero xa están as demais para compensalo. Ademais, considero que son necesarias dúas lecturas porque, ao final, os relatos son máis curtos e eu mesturábaos constantemente.