O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía
sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro.
Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex,
un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida.
Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou
mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto
asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por
iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser
quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co
ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo
en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da
infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos
sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non
coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca
visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente
silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade–
deixen de consideralas enfermas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario