A RAG alerta no Día da lingua materna da creba da transmisión lingüística interxeracional:
A Real Academia Galega difunde, co gallo do Día internacional da lingua materna, Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992 – 2016, unha nova publicación do Seminario de Sociolingüística que presenta unha visión panorámica da situación social da lingua galega co obxectivo de identificar as tendencias que marcan a súa evolución nas últimas décadas. O traballo advirte da crecente ruptura da transmisión interxeracional e duns usos minguantes do galego por parte da xente máis nova, especialmente nos ámbitos urbanos e periurbanos.
"A nosa
ética profesional, na liña da acción continuada da Real Academia
Galega canto entidade legalmente encargada da defensa e ilustración
da lingua galega, obrígamos a lanzar a voz de alerta, unha
voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse
en tons de alarma", salienta ao respecto na introdución o
coordinador do Seminario de Sociolingüística, o académico Henrique
Monteagudo. "Non pretendemos alimentar un discurso pesimista
sobre o futuro do galego, pero non podemos deixar de sinalar os
riscos que corre o noso idioma", engade.
A análise, un
resumo e unha actualización de Lingua
e Sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2013,
reflicte unha sociedade bilingüe cunha "vitalidade
incuestionable" da nosa lingua, con máis de 1,3 millóns de
galegofalantes habituais, pero esta cifra non pode ocultar que o
signo das tendencias é negativo, sobre todo cando se introduce o
factor tempo. Entre a poboación xeral, o perfil máis frecuente é o
das persoas que empregan como lingua habitual o galego (31 %) ou
tanto o galego como o castelán (42 %), e os datos do CIS de 2016
amosan que o galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou
máis anos, fronte ao 30,7% que teñen como lingua inicial o castelán
ou o 23,6% con ambas. Pero se na análise se ten en conta a poboación
máis nova, desde os 5 anos, e se detén nos 65, a lingua inicial
maioritaria empeza a ser o castelán (38% fronte ao 34% do galego e o
28 % de ambas), que é tamén o idioma que emprega habitualmente unha
maior proporción nesta ampla franxa de idade que conta coas
xeracións máis novas.
Estes
resultados -advírtese- ofrecen un prognóstico do que pode acontecer
a curto prazo nos usos lingüísticos se a situación non experimenta
"un drástico cambio, e sen necesidade de aplicar complicadas
fórmulas matemáticas". De feito, as xeracións máis novas
están xa protagonizando "un proceso acelerado de
monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os
resultados de estudos demolingüísticos previos".
Pero cales son
os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O
traballo explica que esta ruptura non é consecuencia tanto das
decisións das familias, senón que máis ben procede de "aspectos
relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria",
nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados
contextos semiurbanos. Sobre o papel da escola, aínda que se
evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como
demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde
os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido,
o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.
Con este
diagnóstico sobre a mesa, a RAG apela ao conxunto da sociedade e en
especial aos seus líderes políticos, económicos e sociais para
garantir o futuro da nosa lingua "Cómpre recoñecer as
dificultades do presente e os erros do pasado, pero sobre todo é
imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e
iniciativas máis ambiciosas por parte do goberno e do conxunto das
institucións galegas e dos distintos axentes sociais", conclúe
Henrique Monteagudo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario