Documentos completos
Extracto:
Folga estudantil
Queremos parar nos
colexios, institutos e universidades porque o sistema educativo en
todas as súas etapas é o principal espazo de socialización no que
se reproduce o actual sistema capitalista e patriarcal e está moi
lonxe de ser un espazo no que se crece en equidade e igualdade
social.
Desde o colexio e o
instituto constrúense os roles de xénero, os estereotipos e o amor
romántico heterosexual como modelo único de relación
afectivo-sexual, á vez que nós empezamos a construír a nosa
identidade sexual nuns centros que carecen dunha educación
afectivo-sexual diversa e están infestados de actitudes
LGTBIfóbicas. Ata a universidade, onde non é difícil ver a
división sexual á hora de elixir carreira e o teito de cristal á
hora de investigar ou promocionar na Universidade.
En todas estas etapas
tamén vemos que a historia das mulleres, a nosa historia, foi
invisibilizada e apartada das aulas e os libros de texto. Da mesma
maneira, as estudantes vémonos sometidas a unha tripla explotación
(estudantes, traballadoras e coidadoras) que nos aboca a unha
precariedade vital absoluta.
Por iso as estudantes do
movemento feminista queremos xuntarnos a esta folga do 8 de marzo
reivindicando:
• Unha educación
pública, laica e feminista.
• Unha educación que
transversalice a perspectiva de xénero en todas as disciplinas. Non
somos unha excepción, somos unha constante que foi calada.
• O noso dereito a unha
educación afectivo-sexual diversa, libre de estereotipos
heteropatriarcais e que non nos reduza a meros obxectos.
• A coeducación e a
corresponsabilidade.
• E seguir loitando
pola baixada das taxas e o aumento das bolsas que nos permita
conciliar a vida estudantil, laboral e de coidados.
Como propomos facelo?
• Non asistir a clase o
día 8 de marzo. Tes un exame ou unha clase na que controlan
asistencia? Lembra que tes dereito á folga: fala co equipo directivo
do teu insti e co equipo reitoral do teu uni para solucionalo.
• Informa sobre a folga
no teu cole, o teu insti ou a túa facultade. Non esquezas ás
mulleres traballadoras e profesoras! Organiza asembleas coas mulleres
do teu centro educativo para preparar o día de folga.
• Organiza accións e
pasacampus para o día de folga. Informa e debate sobre a situación
das mulleres estudantes: cuestionamento, humillación,
invisibilización, acoso nas aulas...
• Non te encargues dos
coidados (coller o teléfono, preparar a comida, organizalo todo) o
día de folga.
Ningún comentario:
Publicar un comentario