Xoán Antón Pérez Lema - Avogado e
analista político.
"PP e Cs desenvolven una absurda competición por lle amosar á
cidadanía quen é máis españolista. Deste xeito, o Goberno do Estado
estudou a introdución do castelán como lingua vehicular, mentres Cs vén
de propor una reforma da lei básica estatal de emprego público para que
ningunha das autonomías bilingües poida esixir o coñecemento da lingua
propia, que só podería avaliarse como simple mérito.
O galego na Galicia e o catalán na Catalunya non son linguas
minoritarias, senón as linguas propias de cadanseus países, ademais
amplisimamente espalladas en termos de comprensión pasiva e uso activo,
tanto na lectoescritura como na oralidade. Mais si son linguas
minorizadas. Porque a Constitución e os Estatutos construíronse sobre a
preeminencia do castelán, que todos temos o deber de coñecer, mentres
non se pode esixir o recíproco coñecemento da lingua propia. Para máis, o
castelán é omnipresente na vida empresarial, cultural, informativa, de
lecer…A desigualdade é abafante e o Estado só mira pola lingua castelá.
“Siempre fue la lengua compañera del Imperio”, que dicía Nebrija.
Entón, como única vía de garantir os dereitos lingüísticos dos
galegofalantes e unha educación común e inclusiva precisamos blindar
certos ámbitos da educación ao galego como lingua vehicular. O actual
modelo limitativo do galego, implantado por Feijóo no 2010, fracasou na
garantía do coñecemento fluente de ambas as dúas linguas ao remate do
ensino obrigatorio. E, no actual contexto de minorización, só un uso
vehicular do galego en termos do 60-70% do tempo lectivo pode reverter
esta falla de coñecemento efectivo da nosa lingua. Como tamén cómpre
garantir un uso equilibrado (loxicamente bastante menor) do inglés que
garanta un coñecemento real e xeralizado, non reservado a uns poucos
privilexiados, desta lingua como lingua franca europea e universal.
Porque o castelán entra xa por pura ósmose social.
A inmersión lingüística en galego, como a súa esixencia para
traballar en calquera emprego público e a equiparación xurídica real co
castelán, son medidas precisas non só para garantir os dereitos
lingüísticos das persoas, senón mesmo para garantir o dereito de todos a
unha educación común e inclusiva.
http://www.sermosgaliza.gal/opinion/xoan-anton-perez-lema/precisamos-da-inmersion-linguistica/20180225210658066395.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario