Víctor F. Freixanes, "La Voz de Galicia" 25/02/2018 05:00 h.
"Andrea ten 15 anos,
estuda derradeiro ciclo de secundaria nun colexio concertado en
Santiago, gústanlle as ciencias sociais, aínda que non ten decidido
cara a onde orientar os seus estudos futuros, no caso de que acceda á
universidade, que de seguro accederá. A reflexión que reproduzo é
súa, case que literal: «Nacín nunha familia galegofalante. Os meus
país e os meus avós falaron e falan galego comigo. Pero cheguei á
escola e dende o primeiro momento, xa dende moi pequeniña, decateime
de que, na práctica, o galego non contaba, ou contaba ben pouco, nas
relacións sociais, na comunicación cos mestres (con algunha
excepción), no tempo de recreo no colexio, nos cómics, no cine, na
televisión… O mundo, fóra da relación íntima cos meus pais,
vivía e desenvolvíase en castelán, e os nenos e as nenas, no
colexio, aínda que moitos estaban na miña situación, instalámonos
entre nós tamén en castelán, porque era a lingua que mandaba. ¿Que
podemos facer para que isto non suceda?».
E engade Andrea sobre a
súa situación, xunto con algúns outros compañeiros que me
visitan: «¿Que temos que facer para que a lingua galega, que nós
sabemos que é a lingua do noso país, a lingua dos nosos pais e dos
nosos avós, siga viva e medre arredor de nós?».
Cando Andrea di «arredor
de nós» refírese á vida social (as vías de socialización que
actúan alén da familia: a escola e os amigos fundamentalmente, que
é onde se establecen as primeiras relacións da convivencia). Cando
Andrea di «arredor de nós» refírese ás horas de recreo, a
relación cos mestres, a programación do tempo de lecer, os debuxos
animados, os xogos (incluídos os videoxogos), e cada vez máis, xa
metidos na adolescencia: as redes sociais, o cine, a música, as
primeiras discotecas, a prensa, a radio, a televisión, a
sinalización das cidades, os escaparates das tendas, o consumo...
Dende 1984 dispoñemos de medios de comunicación en galego (a CRTVG,
coa radio e a televisión autonómicas), pero ¿que outras ofertas
hai no dial, alén de meritorias propostas de radio local? ¿E os
medios impresos? ¿Que oferta ten o cidadán que se achega aos
quioscos de prensa, ou ás carteleiras de cine, nas plataformas
dixitais da televisión, na música?
O recente estudo que
presentamos dende a Real Academia Galega sobre a presenza/resistencia
da lingua galega nesta segunda década do século XXI, di dúas
cousas fundamentais. A primeira é que a lingua galega segue a ser a
lingua maioritaria da nosa poboación, ¡aínda a xente maior está
viva!; pero atención á segunda: a lingua perde aceleradamente
falantes nos sectores máis novos, moi principalmente no ámbito
urbano, que é onde se van deseñando e impoñendo os modelos de
futuro. Sobre estes sectores de mocidade é sobre os que cómpre
actuar, con vontade política, con recursos, con intelixencia e
firmeza, con afouteza (outra vez a palabra), sen retórica e sen
cortinas de fume, que ao final son demagoxia e ruído.
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2018/02/25/lingua-galega-na-mocidade/0003_201802G25P16993.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario