23 maio 2018

17 DE MAIO: Manifesto “En galego día a día”

 Manifesto “En galego día a día” 



 

Día a día para as nosas fillas e fillos malia a prohibición do galego nas materias da área científico-técnica, o tratamento como lingua extranxeira na educación infantil e a exclusión dos espazos de lecer infantís e xuvenís, incluída a televisión onde a presenza do galego para este público está restrinxida ao 4,6 a diario e ao 2,7 nas fins de semana.
Día a día nos medios de comunicación en galego que resisten, imprescindíbeis para a normalidade da lingua, a única oficial do Estado español que non conta cun xornal diario en papel, outra tarefa que o pobo galego realizará sen o apoio do seu goberno.
Día a día no audiovisual só pola implicación dos/as seus/súas profesionais e pola existencia dunha soa canle –pública– que emite en galego e dun público que ten limitado o acceso a produtos comercializados en galego incluso naqueles casos nos que existe dobraxe ou lexendado.
Día a día na xustiza aínda que só o 5% de xuíces e xuízas o empregan nas súas sentenzas e a inexistencia de recursos para o funcionariado poder traballar en galego con toda normalidade.
Día a día no ámbito socioeconómico pois no mellor dos casos a nosa lingua aparece subordinada, como se só un adorno e non unha necesidade e onde o Partido Popular negou a máis mínima igualdade de dereitos e obrigas na atención, información e sinalización.
Día a día na saúde onde as/os pacientes ven restrinxido ou prohibido o exercicio do dereito a se dirixiren na súa lingua ás/aos profesionais da saúde e a seren atendidos/as e entendidos/as nela. Mais sen o coñecemento da lingua da/o paciente non se pode ofrecer unha boa asistencia médica.
Día a día na administración pública onde se vulnera o dereito a sermos atendidos/as en galego. Aumentan as trabas para empregar o galego con normalidade e a Administración do Estado mantén espazos forzosos de exclusión.
Día a día na edición de libros en galego en descenso desde hai dez anos pola diminución de axudas da Xunta de Galiza.
Día a día nas rúas, na cultura, na toponimia, nos parques, no lecer, no deporte, no turismo, na onomástica, na música, nos servizos, no transporte, na literatura…
Queremos galego no día a día con toda normalidade e naturalidade, sen exclusións, coaccións, e limites para garantir o futuro de Galiza.A lingua galega e a sociedade que a mantén viva non pode ficar á intemperie exercendo as responsabilidades dun goberno absentista e agresivo contra o idioma que nos une.
 

Ningún comentario: