18 febreiro 2019

24 DE FEBREIRO "DÍA DE ROSALÍA"

Día de Rosalía de Castro 2019

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
*Manifesta o poema
o espolio                     dunha perenne miseria,
as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social          sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos      embargaránnos todo,
o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos                    en errantes hordas.
Do XIX ao XXI
*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe!
                                – Manifesta acción o poema
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.
Do XIX ao XXI
*Escrito en medio de todos-los desterros. Manifesta que sabe que non a escoitan
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.
*Indóciles nos camiños desertos eses versos.
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei
Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19

1 comentario:

dịch thuật chuyên nghiệp dixo...
Este comentario foi eliminado por un administrador do blog.