Cristina González Abelaira , filóloga nada en
Castroverde, logo de completar os estudos na Facultade de Humanidades
de Lugo e de ter unha estancia no Colegio de España en París, puido
comprobar como faltaban estudos científicos, salvo algúns feitos desde a
Universidade de Vigo, sobre a lingua de signos e a súa inclusión no
sistema educativo galego. Esta profesora no CPI San Tomé do Carballo de
Taboada acaba de defender en Lugo a súa tese -dirixida polos profesores
da USC Modesto Rodríguez e María Luz Zas- sobre a planificación
lingüística da lingua de signos na educación en Galicia. O traballo foi
recoñecida con sobresaínte cum laude. Fala con paixón sobre un traballo que fixo grazas a unha bolsa predoutoral da Xunta entre os anos 2013 e 2016.
Aquí recollemos algúns fragmentos da súa entrevista en "La Voz de Galicia" 24/02/2018. se queredes lela toda tedes o enlace na fonte de información.
(...)
-En que aspecto desta lingua se quixo centrar?
-Pois
foi un enfoque émico, coa intención, xa digo, de darlles voz ás persoas
xordas, e para iso foi importante documentarse con eles, graveinos,
escoiteinos, coa idea de saber que pensan, e así podelo transmitir na
tese. Creo que desde as Administracións non os escoitan. Por exemplo, eu
son profesora de Secundaria, e chama a atención como a Lomce e os reais
decretos permiten o emprego nas aulas da lingua de signos, pero no caso
de Galicia non aparece, porque o que redactou o decreto non o sabía.
Creo que as Administracións deben articular plans para a formación en
lingua de signos dos profesionais que traballan con alumnado xordo, e
fomentar maior presenza de intérpretes no centros.
-Hai moito descoñecemento...
-É que seguen a falar de conceptos como ‘xordomudo’ ou ‘linguaxe de signos’, e as persoas xordas non son mudas, emiten sons.
-Que lle pode achegar a lingua de signos a un rapaz?
-Saber
conceptos de calquera lingua sempre serán positivo e mellora as
competencias dos alumnos, sobre todo as comunicativas. Trátase dunha
lingua visual que non aproveitamos. A de signos non é só dos xordos, non
é propiedade destas persoas, senón que debería interesarnos a todos e
axuda a todos os nenos.
-E é unha lingua universal?
-En España só está recoñecida
a española e a catalá. Foi unha mágoa que non se intentase recoñecer a
lingua de signos galega, pero desde a federación de xordos non quixeron
no seu momento, cando a lei do 2007 si recoñeceu as outras dúas. En
Galicia hai signos propios pero cando se aprobou a lingua española
dixeron desde Madrid iso de que os signos eran feos e «pailáns».
Acabaron reproducindo o mesmo que pasou coas persoas que falaban galego
fronte aos castelán falantes. Por iso, agora, en Galicia, houbo un
proceso de substitución lingüística. Cando fixen a tese puiden falar con
informantes de idade avanzada que ao viviren en contornas illadas e que
estudaron en colexios de xordos signos en galego, aínda teñen as
expresións propias.
(...)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2018/02/24/span-langgl-lingua-signos-axuda-aos-nenosspan/0003_201802L24C12991.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario