Club de Lectura "Colegas das palabras".
IES JULIO PRIETO NESPEREIRA
07 outubro 2019
Coñecemento e uso do galego 4
Coñecemento e uso do galego 4
Do xornal Praza Pública recollemos unha serie de artigos baixo o lema común de "As cifras do galego"
Máis da metade da audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego(Autor David Lombao
@davidlombao
Case catro décadas despois de que o Estatuto de Autonomía
encomendase aos poderes públicos de Galicia "potenciar o
emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e
informativa", a lingua galega é minoría absoluta nos medios de
comunicación. O galego só é o idioma de uso habitual, alén
da CRTVG, nuns poucos xornais e publicacións periódicas, así como
nalgunhas emisoras de radio. Así o acreditan os datos que vén de divulgar o Instituto Galego
de Estatística (IGE) referentes ao ano 2018. Así e todo, a oficina
estatística pública tamén revela outro dato: máis da
metade audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en
galego, mesmo en maior proporción que hai media década,
primeira vez que o IGE realizou esta pregunta.
Pero neste, como en tantos outros casos, desexos e
realidade non cadran nin de lonxe. O castelán é maioritario na
consulta habitual de información en todos os soportes, especialmente
na información en internet e nos xornais impresos. A maior
proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión,
segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia.
A respecto da anterior edición do estudo, en 2013, o
único indicador que mellora para o galego é o da consulta de
internet, onde aumenta a proporción de poboación que di facelo
sempre ou maioritariamente en galego. Así e todo, a suma destes dous
indicadores é absolutamente minoritaria e entre ambos apenas superan
o 5%.
Vigo é a cidade onde menos se fala galego; Lugo e Santiago, onde máis
(Autores: Miguel Pardo e David Lombao. Venres 27, setembro 2019)
O uso do galego varía moito segundo a área
ou concello de Galicia que analicemos. Unha ollada aos datos
achegados polo IGE amosa como as áreas da Coruña suroriental, que
comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide, a Costa da
Morte son as que presentan maior porcentaxe de poboación que ten o
galego como lingua habitual sempre ou que a usa máis que o castelán,
con cifras superiores ao 93% e ao 92% respectivamente. Pola contra, a
área de Vigo é, con bastante diferenza, a zona onde menos se usa a
lingua propia, seguida da da Coruña (que comprende a comarca
coruñesa e a de Betanzos) e a de Ferrol-Eume-Ortegal.
Tendo en conta a evolución da porcentaxe de persoas que en cada área
definida polo IGE fala "sempre" en galego ou "máis en galego que en
castelán", o maior descenso no uso da lingua propia nos últimos cinco anos deuse na área de Ourense
(-8,2%) e na de Vigo (-5,5%), mentres que os maiores incrementos
tiveron lugar na da Coruña (+14%), Caldas-O Salnés (+14%) e
Barbanza-Noia (+12%).
O galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación
(Autor: Miguel Pardo. Venres 27, setembro 2019)
O uso do galego estáncase. A precaria evolución na transmisión
interxeracional, no ensino e no prestixio social provocan que a lingua
propia manteña a día de hoxe os problemas que os datos revelaron hai xa
cinco anos, sen mellora ningunha pero sen un grande empeoramento
tampouco. O galego resiste, malia todo, como idioma maioritario
da poboación galega pero segue a ser moi minoritario entre as xeracións
máis novas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario