20 novembro 2019

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS NA IGUALDADE

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS 
NA IGUALDADE

 Glosario de termos
Feminismos: movemento teórico, social e político que busca, desde diferentes formas, rachar coas desigualdades e inxustizas relacionadas co sistema sexo-xénero. Noutras palabras, busca a igualdade entre as persoas, o que supón unha toma de conciencia colectiva e a súa mobilización para transformar a sociedade.

Sexo: Habitualmente fai alusión á herdanza xenética que forman as persoas con certas anatomías e aspectos, unha vez máis dividíndonos en dúas opcións, home e muller. Na actualidade, esta perspectiva sobre o sexo está sendo rebatida, xa que non é posible afirmar que o sexo exista separado da cultura. Ademais, hai constancias de que hai diferentes culturas na que non existen só dous sexos.

Xénero: Termo utilizado para delimitar o que entendemos por masculino e feminino. É a construción cultural que fai unha sociedade nun momento histórico e cultural determinado a partir das diferenzas coñecidas como sexo, que no noso caso se dividen en dous.

Identidade de xénero: Fai referencia á identificación co sexo asignado no nacemento e que confronta co que se espera socialmente, tipicamente dentro de dúas opcións: muller e home. Se a persoa non se identifica co sexo asignado, será “trans” e se se identifica co sexo asignado, esta persoa será “cis”.

Transexual: É un termo de orixe médica que diagnosticaba un comportamento de xénero atípico. Hoxe úsase para referirse ás persoas que se desmarcan do xénero que se lles asignou ao nacer. Son persoas que cruzan as fronteiras que son construídas pola súa cultura para definir os patróns que son propios para os homes ou para mulleres. Como identidade, engloba unha heteroxeneidade de experiencias de persoas transexuais, transxéneros, e outros termos que sinalan a transgresión das normas de xénero binarias.

Estereotipos de xénero: Son aqueles que crean expectativas sociais, actitudes, roles que atribuímos a un grupo determinado, neste caso, ao colectivo de homes e de mulleres.

Roles de xénero: Sons construcións culturais da nosa sociedade que esperan das persoas certos comportamentos. Asignan aos homes a masculinidade e as mulleres a feminidade, para o caso das sociedades occidentais. Non todas as culturas perciben os mesmos roles de xénero, nin son necesariamente fixos, nin están ligados á lóxica binaria (muller/home).

Heterosexismo: Consiste en asumir a heterosexualidade como a orientación social maioritaria e normalizada. É o motor da transfobia e da homofobia desde as que se considera que o castigo á transgresión dos roles de xénero tradicionais forma parte inherente da aprendizaxe social.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO)

Ningún comentario: