Esta novela longa do profesor Ricardo Carvalho Calero foi publicada na
súa primeira edición por Sotelo Blanco (Santiago, 1987) e desde a súa
aparición xa foi obxecto de numerosas reimpresións. A este éxito
editorial non son alleos feitos como a concesión do “Premio da Crítica
Española para narrativa en galego” na convocatoria do ano 1988, ou a
extraordinaria acollida que tivo a obra entre o público lector e a
crítica especializada. Sen ir máis lonxe, na entrada da GEG, Kathleen N.
March considera que Scórpio é a súa obra maestra.Tres
décadas máis tarde, a Através Editora publica de novo o libro.
TÍTULO: Scórpio
AUTOR: Ricardo Carvalho Calero
Trátase
dunha novela ambiciosa e de delongada elaboración que, a partir de
elementos claramente autobiográficos, constrúe o relato dunha época
histórica perfectamente delimitada. Este período abrangue os
vinteoito anos da vida de Rafael Martínez Pinheiro, alcumado
“Scórpio”, desde 1910 ata 1938, deténdose principalmente nos
anos da República e da Guerra Civil. O antes e o despois
extradiexéticos son a penas referencias tanxenciais á narración. A
historia transcorre nun espacio igualmente ben preciso, concretamente
nas cidades de Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte, e na
segunda coa acción localizada en Madrid, Valencia, Andalucia e
Barcelona. Así pois, Scórpio
ocúpase dunha importante etapa histórica para o noso País, aquela
que vai desde principios de século ata a guerra civil española,
sempre desde a perspectiva do propio biografiado, retratando a
sociedade da época, as familias, as mulleres, os costumes
universitarios e ata chegarmos aos aspectos parciais do conflicto
bélico.
A
novela tamén é útil para coñecermos o período que vai desde a
infancia ata o remate da guerra civil española na vida do propio
Carvalho. O propio autor, e á vez grande crítico literario, confesa
que a novela é unha verdadeira saga, unha verdadeira narración
épica que presenta o destino da xeración que fixo a guerra. Tamén
engade que non se trata dunha novela autobiográfica no plano formal,
senón dunha novela heterobiográfica, por seren os biógrafos de
Scórpio persoas exteriores ao propio personaxe. Con todo, Carvalho
admite que hai moitos aspectos autobiográficos no personaxe
principal, sobre todo na narración das escenas de guerra en Madrid,
pero tamén os habería en Salgueiro en relación coa súa actividade
universitaria, ou en menor medida en personaxes como Barreiro e
Casado, e inclusive habería cousas do autor en case tódolos
personaxes masculinos e femininos que aparecen na novela.
A
novela tamén podería ser interpretada desde unha perspectiva
sociolóxica debido á impresionante galería de personaxes,
ambientes e situacións que literaturiza. Ou nunha clave
mítico-simbólica, podendo apreciar a historia de Scórpio como
unha viaxe heroica en tres partidas, as dúas primeiras a Santiago e
a Salamanca, con regreso, e a terceira sen regreso en dirección ao
oriente mítico, ao leste, Madrid, Valencia, Andalucia e finalmente
Barcelona (indicios suficientes para autorizar esta lectura simbólica
do proceso heroico-tráxico do pobo galego).
(FONTE: http://crebas.gal/?p=6932
Ningún comentario:
Publicar un comentario