Terbutalina estrea Espabila gallego cun concerto en Compostela
A Sala Capitol de Santiago acolleu este 31 de outubro a presentación do álbum.
https://www.terbutalina.net/ https://www.facebook.com/terbutalina/posts/2370566769849859/
Non fai falta tomarse en serio para soar ben, e así o amosaron
sempre Terbutalina, catro amigos da ría de Muros que observaban a
música como unha afección máis que como un traballo. E desde que
viu a luz o seu disco debut, Broncodilatador (2011), non
deixaron de medrar e medrar, facéndose un oco cada vez máis grande
nos escenarios galegos. Porque Terbutalina, como o seu propio nome
indica, son un broncodilatador en directo capaces de facer tremer
calquera recinto.
Con Espabila Gallego, os Terbutalina trocan parte do seu
cómodo estilo garage punk -que eles mesmos definían como
“gastropunk”- por un son alternativo máis inspirado no
rockabilly e no surf que no punk clásico. Cun certo aire
aos seus coetáneos Familia Caamagno ou incluso aos Novedades
Carminha de Juventud Infinita (2014), rebaixan os tempos e
suavizan as guitarras invitando ao baile sen ningún tipo de
pretensión.
Porén, os de Esteiro, abordaron esta transformación musical
facendo caso omiso a un problema estrutural: a instrumentalización
do punk -baseada na tríada clásica de guitarra, baixo e batería-
non é suficiente para o indie. Sen experimentación nin integración
de novos instrumentos, queda un disco baleiro que soa descoidado e
inmaturo. Terbutalina non evoluciona con Espabila
Gallego; involuciona no intento errado de subirse á ola
galega do indie surf. Tanto é así que custa crer que o
álbum dure tan só 20 minutos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario