QUEREMOS SABER:
O que arde, arte universal arraigada no local galego
Por Maka Arca Camba, membro de ProLingua , 2019-11-30 11:46:00
O que arde, terceira película de Óliver Laxe, terceira presentada no festival de Cannes, e terceira galardoada, neste caso co Premio do Xurado na sección Un certain regard, eleva a lingua galega ao rango de lingua de cinema, premiada en varios festivais internacionais, a un nivel parello ao que tiña acadado o catalán en 2011 con Pa negre de Agustín Villaronga ou en 2017 con Estiu de 1993, de Carla Simón[1].
Non entraremos a valorar aquí as calidades estéticas do filme,
sobradamente ponderadas por personalidades diversas. Centrarémonos só en
agradecerlle a Óliver Laxe a súa coherencia persoal porque O que arde
é, ante todo, a expresión dun mundo que desaparece, nun lugar concreto
do territorio galego, onde Benedicta, Amador, Helena e todos os veciños
viven e falan nunha lingua de seu. Afastados dos grandes núcleos de
poboación, cunhas condicións de vida case idílicas para o espectador
urbano, pero durísimas para quen as ten padecido, os personaxes d´O que arde falan no galego lugués, cos seus trazos característicos; así observamos, entre outros, o uso das formas léxicas mae por nai ou meco no canto de mimo; o emprego do artigo diante don nomes propios (O Amador) ; os pronomes persoais tu e vosoutros...
aínda que tamén se rexistran formas propias do galego oriental que
corresponde xustamente co territorio dos Ancares, onde se sitúa a
historia, coma o plural en –is de camiois (e non camións), as formas muito e cuando ou a terminación –ín de camín no canto do común camiño.
Profundamente galegas resultan tamén a retranca e a maneira de
responder unha pregunta con outra. Durante o enterro, un mozote rodeado
de amigos vai acender un cigarro e pregúntalle ao incendiario “Amador,
tes lume?, con retranca acompañada dunha gran dose de malicia. Cando
Benedicta intenta atopar un traballo para o seu fillo e solicita a
colaboración de Ignacio “Inacio, e o Amador non podería traballar con
vós?”. O Ignacio nin afirma nin nega, limítase a inquirir “ E il quere?”
A preocupación polo mundo rural, en vías de extinción, non é nova. La lluvia amarilla
do leonés Julio Llamazares constituíra xa en 1988 unha punxente chamada
de atención. Situada nunha aldea do Pirineo aragonés, abandonada por
mor do éxodo ás grandes urbes, a novela constitúe o monólogo do
derradeiro habitante que, ás portas da morte, evoca os seus veciños.
E a nostalxia da Galicia que ten as súas raíces na terra mesma, coa que
se identifican plenamente os personaxes principais, figura tamén na
novela Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias, Premio Merlín 2016. Moitos son os paralelismos entre esta última obra e a película de Óliver Laxe:
1. A importancia das árbores[2]
e a consideración destas coma seres vivos, que senten e padecen cando
son derrubadas polas forzas do home ou sorprendidas polo lume. As
primeiras imaxes d’O que arde resultan estarrecedoras: o
espectador asiste átonito á caída de altísimos eucaliptos, abatidos por
unhas monstruosas máquinas en medio dun ruído abouxante. Igual de
sobrecolledoras se presentan as escenas do incendio final.
2. O carácter taciturno dos principais personaxes masculinos. Homes de
poucas palabras establecen, emporiso, unha profunda comunicación coa
natureza, á salvagarda da cal dedican os seus esforzos[3],
Valente dende sempre e Amador dende a volta á casa. E patente tamén a
sensibilidade deste no trato cos animais (o can, as vacas) e, por
suposto, con Benedicta, a súa nai. A comunicación non verbal (miradas,
silencios, xestos) fai innecesario un longo discurso. Todo está dito de
antemán. Por iso, cando o fillo volta dunha longa estancia na cadea,
abóndalle con saudar cun “Mae, ola, mae!” a muller que o estivo
agardando, silandeira, tanto tempo. E ela responde, obviando a dor
pasada, cun tenro “Tes fame?” que lle podería preguntar ao seu neno ao
voltar da escola.
Tanto Valente como Amador reservan a súa dozura para os escasos
personaxes femininos que lles tocan de preto: a neta, no primeiro caso; e
a nai e Helena, a veterinaria, no segundo. Nas poucas palabras que
intercambian Amador e Helena, a primeira vez que se atopan, son
evidentes tanto a retranca coma un interese especial e mutuo por esa
persoa coa que non teñen coincidido nunca. E Amador, tan pouco coidadoso
coa súa aparencia física, estreará mesmo un par de zapatos o día no que
pensa ver de novo a moza en Navia, co pretexto dos coidados da súa
vaca. Mais os dixomedíxomes dos veciños frustrarán esa incipiente
amizade, anegando de dor o corazón do mozo e de bágoas os seus ollos.
Mentres conduce de volta á casa e no parabrisas do coche se reflicten as
imaxes das árbores coas que se cruza e que, horas despois, devirán en
cinza, a tristeza asolágao por completo e non deixa, pensamos, nin unha
mínima posibilidade de levar a cabo a acción da que despois o acusarán
arbitrariamente.
3. O terceiro trazo que, na nosa opinión, achega as dúas obras, ten que
ver co despoboamento rural. Valente conserva as chaves das casas de
todos os veciños que marcharon, nunha aldea da que el é o derradeiro
morador. E a súa neta decide explorar un día aqueles recantos de vida
abandonados. Coma ela, os bombeiros, que acoden a intentar salvar os
últimos habitantes que se resisten a abandonar a terra, penetran nestes
recunchos de intimidade, onde se refuxian as cabras, que triscan fotos
antigas, recordos de tempos idos.
Óliver Laxe crea unha obra de arte con valor universal partindo do
particular, Galicia, simbolizada na terra dos Ancares, co galego como
idioma que conforma esta obra de arte.
O feito de que O que arde estea expresada no noso idioma non
constitúe unha pexa para que os espectadores e espectadoras doutras
terras e doutras linguas poidan gozar do filme. Todo o contrario: a
película está a ser galardoada pola crítica en diferentes festivais
internacionais de cine e apreciada por milleiros de persoas en países
tan diversos como España, Francia, Arxentina, Grecia...
[1]
Unha ollada rápida á Wikipedia permítenos comparar o número de páxinas
consagradas ao cine en cada unha desas linguas vernáculas: 17 engalego,
122 en catalán. Parece evidente que o apoio institucional ao idioma
varía dunha comunidade a outra.
[2] Valente, protagonista de Todo o tempo do mundo, ensínalle á súa neta Ariadna a linguaxe das árbores.
[3]
Resulta conmovedor neste sentido o empeño de Valente en enfrontarse ás
máquinas que pretenden perforar as terras dun lugar sen nome (facilmente
identificable co Courel) para estableceren alí unha canteira a ceo
aberto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario