21 febreiro 2021

XELIÑA FALA GALEGO

"Xeliña fala galego" noutro día da lingua materna para pular pola transmisión interxeracional do idioma de Galicia.

 O galego é cada vez menos unha lingua de berce e, cada vez máis, unha lingua de elección que torna a poboación neofalante en clave para o seu futuro. Os datos sociolingüísticos máis recentes publicados ao respecto -do Instituto Galego de Estatística en 2018- acreditan unha creba na transmisión interxeracional e é nese punto onde colectivos e institucións poñen o foco neste 21 de febreiro para conmemorar, un ano máis, o Día da Lingua Materna.

 Neste contexto, a Real Academia Galega vén de recuperar un texto que afonda na importancia desa transmisión. É o relato Xeliña fala galego, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968. Nel, conta a experiencia de criar en galego á súa filla que daquela tiña sete anos, Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021 co Día das Letras Galegas. "Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa familia toda. E consideraron moi natural alar coa súa nena na lingua galega que eles adoitan acotío" principiaba o texto. https://drive.google.com/file/d/1-x6Y6jgalGP2M4eudOIJhW_sesOBHpLO/view?usp=sharing


  

 Para a Academia, esta é unha boa mostra da importancia da transmisión do galego entre xeracións, "unha riqueza que debemos celebrar", di o presidente da institución, Víctor F. Freixanes. Subliña Freixanes que, neste 2021, a UNESCO ten este ano "un obxectivo moi concreto" por este día, "fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade" e tamén nesa liña "o texto de Valentín Arias é moi significativo ao respecto".

 Así, o pai de Xela Arias detallaba como criar a nena en galego supuña apostar por non "renunciar ás raíces", senón "profundar nelas" para "construír unha sociedade sen complexos". "Partindo da 'lingua nai dos galegos', o conto augura" que a nena "se mergullará pronto noutros idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque 'é ben sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se coñezan'". "O narrador non se equivocou no seu prognóstico", toda vez que Xela Arias "converteríase, tempo despois, nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora".

FONTE: https://praza.gal/cultura/xelina-fala-galego-noutro-dia-da-lingua-materna-para-pular-pola-transmision-interxeracional-do-idioma-de-galicia

 

 

Ningún comentario: