Fonte: http://www.premiosmartincodaxdamusica.com/premiados/actual-edicion
Xosé Lois Romero é un dos nomes clave no rexurdimento da música
popular en Galicia nas últimas décadas. Recoñecido acordeonista,
percusionista e compositor formado na música tradicional, colaborou con
algúns dos proxectos e artistas máis influíntes de Galicia (Nova Galega
de Danza, Mercedes Peón, Fuxan os Ventos, aCadaCanto, Orquestra de Jazz
de Galicia, Radio Cos, Jane Joyd, Quique Peón Cía, Xabier Díaz,...).
Premiado en numerosas ocasións, a súa traxectoria está marcada pola
versatilidade e a busca permanente de novos camiños de expresión, sempre
dende a sensibilidade e a perspectiva galega.
Agora preséntase xunto a Aliboria, un colectivo de novos músicos
galegos cos que reinventa os cantos e os ritmos enxebres de Galicia
conxuntando as potentes voces das súas cantantes con innovadores
arranxos para percusión tradicional cheos de forza, raza e terra. As
mulleres e homes que conforman Aliboria representan unha nova xeración
de músicos cun coñecemento profundo do seu folclore e cunha gran
calidade técnica, un equipo perfecto para dar un novo paso adiante na
evolución da música popular galega, que está a vivir o seu momento máis
fértil e en permanente proceso de actualización.
A música de Xosé Lois Romero & Aliboria combina as voces
ancestrais da tradición oral de Galicia coa forza e o colorismo
multitímbrico de bombos, pandeiros, pandeiras, tixolas, tarrañolas,
cunchas, pandeiretas, latas, tambores, sachos… e todo interpretado coa
frescura e a enerxía que os seus membros ofrecen en directo.
Así se fixo Xosé Lois Romero & Aliboria:
Fonte: Xosé Lois Romero
Ningún comentario:
Publicar un comentario