31 outubro 2018

Forever in Galiza

Forever in Galicia, a primeira tradución ao inglés do Sempre en Galiza de Castelao, realizada na editorial Francis Boutle por Craig Patterson que, como el mesmo di "naceu inglés, ten pasaporte irlandés e corazón galego".


 Non creo que haxa que explicar o que significa o "Sempre en Galiza" de Castelao. Hoxe este libro, que debería formar parte do imaxinario de calquera galego digno de cualificarse con este adxectivo, pode consultarse en inglés grazas ao traballo de tradución feito por Craig Paterson.
Grazas ao blogue da biblioteca do IES  Ollos Grandes (Lugo), tiven coñecemento do vídeo que comparto ao inicio da entrada no que se informa da presentación da tradución na terra natal de Castelao. Unha segunda presentación tivo lugar no IES Félix Muriel, da mesma localidade.
Posiblemente a mellor introdución a este traballo será a que acharemos nesta entrevista de Marcos Pérez Pena para o dixital Praza Pública. Destaco dela algunhas palabras de Craig Paterson:
Optamos á mantenta por non buscar ou aceptar calquera subvención por parte dunha Xunta de Galicia que, dende 2009, por medio das súas políticas lingüísticas, educativas e culturais, fixo o maior dano á lingua galega dende a morte de Franco. En particular, eu creo que sería unha falta de respecto ao legado de Castelao vincular o proxecto con semellante filisteísmo, sendo a obra unha defensa magna dos dereitos insubornábeis e humanos de Galicia e os galegos. Colaborar con semellantes forzas representaría, para min, unha incoherencia hipócrita, contraproducente e destrutiva, que de paso lexitimaría os feitos inefábeis do goberno de Feijoo en contra da cultura e lingua galega.
Velaquí que me pareceu ésta unha excelente oportunidade de lembrar aquela iniciativa do Consello da Cultura Galega para conmemorar o 70 aniversario da obra, #sempreengz 

 
Grazas unha vez máis a Carta Xeométrica por estar sempre atento a recompilación e partillamento do que é de noso.

Ningún comentario: