AUTOR: DOMINGO VILLAR.
TÍTULO: A praia dos afogados
RESEÑA: Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos
esta apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da
Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as
tabernas da cidade de Vigo.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver
dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón,
na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de
plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa
tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da
embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no
ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e
mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden
falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para
Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo
de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo
estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as
cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés,
que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario