08 xaneiro 2020

Ollos de auga



TÍTULO: Ollos de auga.
AUTOR: DOMINGO VILLAR.
EDITORIAL: GALAXIA .
RESEÑA: novela coa que Domingo Villar iniciou a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humos nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.

1 comentario:

Sergio González dixo...

Unha das mellores narrativas policiais en galego. O libro absorbeume dende o comenzo xa que me deixaba coa intriga cada vez que pechaba o libro e presentaba unha linguaxe sinxela. Pese a iso, a historia goza dunha gran complexidade, a raíz do elaborado que é o deseño do crime, por non nomear a súa orixinalidade. En canto os personaxes, Leo Caldas e Rafael Estévez forman un espléndido dúo debido a que o inspector é a parte seria e sensata, mentres que o segundo aporta o humor á historia. Cabe resaltar a descripción que se fai dos galegos a través de Estévez, así, dende o seu punto de vista zaragozano, contestamos ás preguntas a medias sen unha resposta fixa (sempre cun "depende). Por outra banda, o autor realiza unha moi boa descripción da cidade de Vigo, dános a impresión de estar nas súas rúas, cafeterías e praias. Para rematar, outro aspecto para min destacábel é como o autor ambienta a escena incorporando as letras de jazz que están na historia a soar.