Amosando publicacións coa etiqueta 25 N. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 25 N. Amosar todas as publicacións

25 novembro 2020

"Sorriso triste" de Seso Durán

"SORRISO TRISTE", Primeiro single do álbum “Ascensión” (2021) 

de Seso Durán.

Contra a Violencia machista


Letra de Olga Lalín 

Produción e arranxos de Iago Lorenzo. Gravado e interpretado por Seso Durán, Iago Lorenzo e José Bruno . Mesturado por Iago Lorenzo. Masterizado por Robin Schmidt. Fotografías de Esther Medraño Montaxe e edición de video de Seso Durán. Textos revisados por Raquel Rodríguez. Mulleres no video: Esther Medraño, Paula Verde, Laura García, Verónica Martínez, Silvia Villar e Ilduara Pérez.

 

 


25 DE NOVEMBRO, DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 NON SÓ O VIRUS MATA

 Presentamos este poema de María Lado, no que se percibe a anguria das mulleres maltatadas, subxugadas ao seu asasino, e a indiferenza da sociedade ao seu redor:

Mírao ben
este é o tren máis longo
que endexamais cruzou as túas terras.

É un espectro de lucecús
que chaman polo amor á noite
e son miles, son enxamio, son número bíblico, lexión

Son as mulleres mortas
ás que non soubeches amar

De verdade queres saber onde durmían
cando durmían
con quen as asasinou?

Fuxían ao souto vello da túa cabeza escura.
todas elas eran estrelas que podían abrir o día,
podían facerche brillar

De verdade queres saber
onde durmían?
Durmían ao teu carón.

Podías brillar por elas.
Non falamos do brillo que ten o ouro
que vale unha boa herdade.
É outra a moeda que se cambia no amor.
se ti soubeses algo diso...

Parecen insignificantes, pero
certos artrópodos, cando menos,
teñen esa maxia lumínica no seu ADN.
De verdade
queres saber?

Agora que o tren incendia
os teus campos, todo canto posuías,
se soubeses algo de amor
sería o teu corazón o que oes sobre as vías
e non ese son oco
que che bate nas tempas.


A pesar de todo, compañeiras, seguiremos loitando por un mundo sen machismo e sen violencia machista por NOSOUTRAS, polas NOSAS antepasadas e polas NOSAS herdeiras.

 
Este ano 2020 non só nos estamos enfrontando a un virus letal que nos arrebata a familiares e a seres queridos/as, senón que asistimos a un dobre virus: un sanitario, o Coronavirus e outro social, a violencia de xénero.

Ambos letais en moitos casos.

O confinamento nesta situación de pandemia fixo que milleiros de mulleres convivan cos seus agresores, vivindo 24 horas co seu maior inimigo. Os maltratadores víronse impunes ante unha situación dominada por eles, xa que o encerro dificulta ou impide as relacións fóra do fogar e a posibilidade de poñer unha denuncia. Ademais, a nivel psicosocial a corentena ten efectos nocivos sobre a vida mental das persoas, sendo unha situación ideal para que os maltratadores podan exercer o abuso e a violencia con maior facilidade cara as persoas do seu redor.

Os datos rexistrados ata o final do confinamento son:

-14 maio de 2020: recóllense 20.732 chamadas ao 016; 41,1% máis que as 14.662 no mesmo período do 2019.

-No período dende o 14 de marzo ao 28 de abril de este ano, oito mulleres foron asasinadas en sete semanas de confinamento: dúas polas súas parellas; tres polos seus fillos e unha vítima dun home sen identificar.
Destas oito mulleres, tan só dous tiñan denunciado antes ao seu agresor.

No confinamento viuse unha vez máis que as mulleres asumen o maior peso dos coidados que precisa o total da poboación. A carga de coidados, tarefas da casa e teletraballo crearon en moitas mulleres situacións de ansiedade e estrés, que non viron compartidas polas súas parellas.

Segundo a ONU Mulleres: “antes de que existira o COVID-19, a violencia doméstica xa era unha das violacións dos Dereitos Humanos máis flagrante”. Co confinamento a cifra creceu de xeito exponencial con efectos nefastos na saúde sexual e reprodutiva das mulleres, así como na súa saúde mental.

Tras estas anotacións cabe cuestionarnos: que está ocorrendo coas mulleres que sofren violencia de xénero fóra e dentro da pandemia no noso país? Os mecanismos de seguridade adoptados están sendo efectivos?...

Hai que criticar e reclamar a falta de medidas económicas concretas expostas ata a data en todos os países, e lembrar que na derradeira crise económica recortouse  nos presupostos para políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero.
 
Pedimos que se nos deixe participar na recuperación social e económica xurdida desta situación que estamos vivindo e na que, unha vez máis, as mulleres somos as máis damnificadas. Sen unha visión feminista, esta recuperación social e económica non será nin efectiva nin completa, chegando a unha situación de inferioridade de novo coa supremacía do patriarcado.

Son, dende 2003 ata xuño deste ano, 1.055 asasinatos por violencia machista. A contía ascende cada ano: en 2018 foron 89, en 2019 mataron a 99 mulleres e en 2020 (ata outubro) asasinaron a 72. Pódese comprobar que as cifras van en aumento ano tras anos; lonxe de paliar este gravísimo problema, agrávase.


Manifesto da Asemblea de Mulleres do STEG e Organización de Mulleres da CI

25 novembro 2019

Sés: "Non son fada"





Que as nenas canten Non son fada para min é o orgullo máis grande. 
Recuperamos parte da entrevista de Praza do venres 29, decembro 2017, feita por Montse Dopico:
 Pensar que puiden axudar dalgunha maneira a que unha nena se plantee temas como a igualdade, ou a xustiza en xeral: de xénero, de raza, de idioma, do que sexa, é o máis que podo pedir. Que abran as súas mentes a todo iso dáme, ademais, esperanza en que sexan adultas que cuestionen, que critiquen, que loiten polos seus dereitos. Ese é o pago máis valioso que podo ter polo meu traballo.
Pertence ao Álabun Readmirando a condición, do seu primeiro traballo, ‘Admirando a condición’, e da nova versión completa, con novos arranxos e con todas as cancións gravadas de novo. (...) Pasaron seis anos eCon Sés segue admirando a condición e protestando ante a mentira ou a inxustiza. -





Non son fada nin princesa
Se teórica é a causa,
práctica é a consecuencia.
Non quero asumir ausencias
nin chorar para partir.
Comer e deixar que comas,
vivir e deixar que vivas,
loitar se a loita é precisa
e rir se é preciso rir.

Non son fada nin princesa a quen mirar.

Non sei cobrar cando estimo
nin dou se non quero dar,
quero falar e falar
sen dar nada por ouvido.
Camiñar cos pés no chan
negar deuses asasinos,
non crer sen ver, dubidar,
confiar só nos sentidos.

Fanme rir porcos de pé,
contemplo olvido e memoria.
Só forxa patrias a historia,
fabríqueas quen quixer.
Cuspo enriba do papel
que mutile a identidade,
viro as costas ás vaidades,
deséxolle a morte aos reis.

Sés: "É igual que hai cen anos. Calquera muller que non sexa submisa, molesta"

 


20 novembro 2019

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS NA IGUALDADE

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS 
NA IGUALDADE

 Glosario de termos
Feminismos: movemento teórico, social e político que busca, desde diferentes formas, rachar coas desigualdades e inxustizas relacionadas co sistema sexo-xénero. Noutras palabras, busca a igualdade entre as persoas, o que supón unha toma de conciencia colectiva e a súa mobilización para transformar a sociedade.

Sexo: Habitualmente fai alusión á herdanza xenética que forman as persoas con certas anatomías e aspectos, unha vez máis dividíndonos en dúas opcións, home e muller. Na actualidade, esta perspectiva sobre o sexo está sendo rebatida, xa que non é posible afirmar que o sexo exista separado da cultura. Ademais, hai constancias de que hai diferentes culturas na que non existen só dous sexos.

Xénero: Termo utilizado para delimitar o que entendemos por masculino e feminino. É a construción cultural que fai unha sociedade nun momento histórico e cultural determinado a partir das diferenzas coñecidas como sexo, que no noso caso se dividen en dous.

Identidade de xénero: Fai referencia á identificación co sexo asignado no nacemento e que confronta co que se espera socialmente, tipicamente dentro de dúas opcións: muller e home. Se a persoa non se identifica co sexo asignado, será “trans” e se se identifica co sexo asignado, esta persoa será “cis”.

Transexual: É un termo de orixe médica que diagnosticaba un comportamento de xénero atípico. Hoxe úsase para referirse ás persoas que se desmarcan do xénero que se lles asignou ao nacer. Son persoas que cruzan as fronteiras que son construídas pola súa cultura para definir os patróns que son propios para os homes ou para mulleres. Como identidade, engloba unha heteroxeneidade de experiencias de persoas transexuais, transxéneros, e outros termos que sinalan a transgresión das normas de xénero binarias.

Estereotipos de xénero: Son aqueles que crean expectativas sociais, actitudes, roles que atribuímos a un grupo determinado, neste caso, ao colectivo de homes e de mulleres.

Roles de xénero: Sons construcións culturais da nosa sociedade que esperan das persoas certos comportamentos. Asignan aos homes a masculinidade e as mulleres a feminidade, para o caso das sociedades occidentais. Non todas as culturas perciben os mesmos roles de xénero, nin son necesariamente fixos, nin están ligados á lóxica binaria (muller/home).

Heterosexismo: Consiste en asumir a heterosexualidade como a orientación social maioritaria e normalizada. É o motor da transfobia e da homofobia desde as que se considera que o castigo á transgresión dos roles de xénero tradicionais forma parte inherente da aprendizaxe social.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO)

POESÍA CONTRA A VIOLENCIA

POESÍA CONTRA A VIOLENCIA
 

NADA foi suficiente
roubaches o que ninguén che deu
para logo matarme
e non foi suficiente

usaches o meu corpo
e despois liberaches este río de sangue
para afogarme nel
para matarme
e non foi suficiente
porque entón golpeaches
con saña
reincidente
este rostro desfeito
para que ninguén vise o terror
cristalizado
nas pálpebras abertas
e non foi suficiente
que a boca e os ollos xa non puideran dar
noticia do meu nome
non era suficiente
e non foi suficiente
borrar a vontade
a vida
borrar a identidade
que fora testemuña
non era suficiente e
un a un
un
a
un
cortaches cada dedo
cada uña cortaches
as uñas que gardaban as probas do teu crime

e non foi suficiente
e non foi suficiente
e non foi suficiente
porque prendiches lume ao que de min quedaba
ao que de min quedaba
para que non quedara
nada
nada do que eu fora
teimaches en borrarme
anularme
desaparecerme

e non foi suficiente
e non foi suficiente


                      Marta Dacosta, De Acuática alma, 2011, Edicións Espiral Maior.

CURTAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

10 salas e cineclubs galegos únense nunha proxección conxunta de curtas contra a violencia machista:

Unha proxección conxunta das curtametraxes '16 de decembro' (Álvaro Gago) e 'Suc de síndria' (Irene Moray) acompañará os actos do 25-N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Galicia. As dúas pezas, que tratan distintos aspectos desta problemática, poderán verse nas pantallas dos cineclubs Lumiere (Vigo), Cangas, Carballiño, Valle Inclán (Lugo), Padre Feijoo (Ourense), Os Papeiros (Chantada) e La Lanterna (Viana do Bolo), e tamén nos cines Numax (Santiago), Dúplex (Ferrol) e Minicines Central (A Estrada).

O proxecto, financiado pola Federación de Cineclubs de Galicia (FECIGA) para os seus asociados, é unha iniciativa de Elena García Román, vicepresidenta da Federación de Cineclubs e delegada da Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais (CIMA). "A idea naceu despois de ver ‘16 de decembro’ no Festival de Locarno.
As proxeccións comezaron xa o pasado venres 15 no Cineclube Carballiño (Auditorio Manuel María) e continúan este xoves no Clube cultural Valle Inclán de Lugo (ás 20.00 horas no Auditorio Vello Carcere). O domingo 24 realizarase no Cineclube A Lanterna de Viana do Bolo (ás 20 horas na Casa da Cultura). E xa o luns 25 nos restantes cineclubs (con entrada de balde) e nas tres salas privadas que participan na iniciativa.

As curtas

  • ‘16 de decembro’ (14 minutos) é unha curtametraxe do director vigués Álvaro Gago, estreada este ano no prestixioso festival suízo de Locarno, cun percorrido posterior que inclúe a SEMINCI de Valladolid, o AFI Fest de Os Ánxeles ou o Gouna Film Festival de Exipto. A peza recibiu xa 11 premios en distintos certames, entre eles o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Compostela. Na curta, Lucía, de vinte e cinco anos, sae de adestrar a balonmán e vai buscar ao seu irmán en moto baixo as luces dunha cidade que cre coñecer.
  • ‘Suc de Síndria’ (22 minutos) está nomeada aos EFA (European Film Awards) e estreouse na 69 edición da Berlinale onde comezou unha xira chea de éxitos que a levou a exhibirse en festivais tan importantes coma Toronto, Chicago, Londres (BFI), Melbourne ou BAFICI (Bos Aires). Na curta, Bárbara e Pol vanse uns días de vacacións. Co apoio de Pol, no medio da natureza, entre bágoas e risas, Bárbara aprende a soltarse, sandar vellas feridas e redefinir a súa sexualidade.
  • FONTE: https://praza.gal/cultura/10-salas-e-cineclubs-galegos-unense-nunha-proxeccion-conxunta-de-curtas-contra-a-violencia-machista

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

As violencias de xénero son unha das formas de expresión das opresións derivadas das relacións do sistema sexo-xénero. Historicamente, elas estableceran relacións de poder desiguais entre mulleres e homes na nosa sociedade, levando as mulleres a unha situación de subordinación respecto ao xénero masculino. Polo tanto, é unha problemática na que todas as persoas estamos implicadas.
As violencias e desigualdades de sexo-xénero exprésanse de diferentes maneiras nos máis diversos espazos, porque elas aséntanse en pautas culturais, nos costumes e nas tradicións que aprendemos desde que nacemos. O ámbito educativo non está exento desas violencias. Alí tamén atopamos uns espazos que son ocupados de maneira desigual, os xogos reproducen estereotipos, así como a linguaxe e determinadas condutas sexistas. Tamén nos atopamos con actos ou ameazas de violencia sexual, física ou psicolóxica que poden ser explícitas ou non, e ir máis aló das paredes do centro educativo. Pero os centros educativos tamén poden ser un espazo estratéxico para traballar na prevención das violencias.
É preciso camiñar neste sentido para que consigamos construír sociedades máis xustas.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO): https://www.cig-ensino.gal/files/Documentos/25N/2019UD25NSecundaria.pdf



 

31 marzo 2019

el Diluvi - E ti, só ti (con SÉS)

El Diluvi, O grupo de reggae, cumbia e "mestizaxe mediterráneo" alicantino aliouse con oito grupos de mulleres ou  o liderados por elas para lanzar una campaña de reivindicación feminista en diversas linguas nas redes sosiais  para publicar con motivo del 25 de noviembre, Día Internacional contra aViolencia de Xénero.
Esta é a canción que fixo coa nosa cantora Sés 


Fontes: https://www.youtube.com/channel/UC-QeigkuT0jVePTpc6laJxw
 https://www.elsaltodiario.com/musica/el-diluvi-lanza-un-videoclip-feminista-por-el-25n-en-primicia-en-la-directa-y-el-salto

Letra:
 Serás aquela que quixeches ser
 serás a indómita muller
 serás no ar un puño a arder e ti,
 só ti 
a Terra ti farás tremer

 Emancipada xa de calquera dor 
vas sorrindo como aquela que non ten temor 
sabes ben que mañá 
sabes ben que mañá será mellor 

Xa liberada en calquera lugar 
non deixarás que ninguén te free máis 
serás a luz que traerá 
serás a luz que a liberdade traerá 

 Es a dura tormenta de abril 
para os teus inimigos un edén hostil 
es a dura tormenta de abril 
o sol que rebenta a flor 
para os inimigos un edén hostil 
o lume na noite febril 

Serás aquela que quixeches ser 
serás a indómita muller 
serás no ar un puño a arder 
e ti, só ti 
a Terra ti farás tremer

08 decembro 2017

NON Á VIOLENCIA CONTRA A MULLER

 Algunhas aportacións  para o 25N:

Sobre terminoloxía: Violencia contra a muller, violencia machista ou sexista // de xénero : http://portaldaspalabras.gal/lexico/mira-que-din/violencia-de-xenero/

Aldaolado. Contra a violencia machista. (2016):

 Campanha para a "Eliminação de todas as formas de Violência Contra as Mulheres" 2013:


Compartimos Plan





Compartimos Plan (v.o) from Compartimos Plan on Vimeo.

Compartimos Plan é a estratexia para elaborar, de maneira participativa, un estudo de diagnose e plan de acción das políticas de promoción da igualdade entre mulleres e homes e de prevención da violencia contra a muller na provincia da Coruña.
Non o dubides! Se formas parte dunha asociación que avoga pola igualdade, se es persoal técnico dalgún concello da provincia da Coruña, ou simplemente tes conciencia de non violencia sexista,  tes que participar. Ti es axente chave deste proxecto.
Cada aportación é importante, a túa opinión conta! Comparte para crear sinerxias, xerar confianza e engadir valor.
Síntete parte!
Nós xa estamos compartindo, e ti?