Amosando publicacións coa etiqueta IGUALDADE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta IGUALDADE. Amosar todas as publicacións

21 abril 2021

Descúbreas

 'Descúbreas': o espazo para que as mozas ocupen o lugar que lles corresponde no mundo da música: https://descubreas.com/

Nesta web falamos de música e de artistas, sonidistas, produtoras, profesoras, deseñadoras, managers, axentes, programadoras de eventos, riders… Compartimos a túa paixón.


 Descúbre-as é un programa da Deputación de Pontevedra que busca visibilizar a todas as mulleres que traballan na industria musical: artistas, pero tamén sonidistas, produtoras, representantes ou programadoras. A plataforma permite intercambiar experiencias, compartir coñecementos e buscar sinerxías, a partir da "colaboración, o compañeirismo e a diversión".

FONTE: https://praza.gal/cultura/descubreas-o-espazo-para-que-as-mozas-ocupen-o-lugar-que-lles-corresponde-no-mundo-da-musica

 

20 novembro 2019

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS NA IGUALDADE

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS 
NA IGUALDADE

 Glosario de termos
Feminismos: movemento teórico, social e político que busca, desde diferentes formas, rachar coas desigualdades e inxustizas relacionadas co sistema sexo-xénero. Noutras palabras, busca a igualdade entre as persoas, o que supón unha toma de conciencia colectiva e a súa mobilización para transformar a sociedade.

Sexo: Habitualmente fai alusión á herdanza xenética que forman as persoas con certas anatomías e aspectos, unha vez máis dividíndonos en dúas opcións, home e muller. Na actualidade, esta perspectiva sobre o sexo está sendo rebatida, xa que non é posible afirmar que o sexo exista separado da cultura. Ademais, hai constancias de que hai diferentes culturas na que non existen só dous sexos.

Xénero: Termo utilizado para delimitar o que entendemos por masculino e feminino. É a construción cultural que fai unha sociedade nun momento histórico e cultural determinado a partir das diferenzas coñecidas como sexo, que no noso caso se dividen en dous.

Identidade de xénero: Fai referencia á identificación co sexo asignado no nacemento e que confronta co que se espera socialmente, tipicamente dentro de dúas opcións: muller e home. Se a persoa non se identifica co sexo asignado, será “trans” e se se identifica co sexo asignado, esta persoa será “cis”.

Transexual: É un termo de orixe médica que diagnosticaba un comportamento de xénero atípico. Hoxe úsase para referirse ás persoas que se desmarcan do xénero que se lles asignou ao nacer. Son persoas que cruzan as fronteiras que son construídas pola súa cultura para definir os patróns que son propios para os homes ou para mulleres. Como identidade, engloba unha heteroxeneidade de experiencias de persoas transexuais, transxéneros, e outros termos que sinalan a transgresión das normas de xénero binarias.

Estereotipos de xénero: Son aqueles que crean expectativas sociais, actitudes, roles que atribuímos a un grupo determinado, neste caso, ao colectivo de homes e de mulleres.

Roles de xénero: Sons construcións culturais da nosa sociedade que esperan das persoas certos comportamentos. Asignan aos homes a masculinidade e as mulleres a feminidade, para o caso das sociedades occidentais. Non todas as culturas perciben os mesmos roles de xénero, nin son necesariamente fixos, nin están ligados á lóxica binaria (muller/home).

Heterosexismo: Consiste en asumir a heterosexualidade como a orientación social maioritaria e normalizada. É o motor da transfobia e da homofobia desde as que se considera que o castigo á transgresión dos roles de xénero tradicionais forma parte inherente da aprendizaxe social.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO)

CURTAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

10 salas e cineclubs galegos únense nunha proxección conxunta de curtas contra a violencia machista:

Unha proxección conxunta das curtametraxes '16 de decembro' (Álvaro Gago) e 'Suc de síndria' (Irene Moray) acompañará os actos do 25-N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Galicia. As dúas pezas, que tratan distintos aspectos desta problemática, poderán verse nas pantallas dos cineclubs Lumiere (Vigo), Cangas, Carballiño, Valle Inclán (Lugo), Padre Feijoo (Ourense), Os Papeiros (Chantada) e La Lanterna (Viana do Bolo), e tamén nos cines Numax (Santiago), Dúplex (Ferrol) e Minicines Central (A Estrada).

O proxecto, financiado pola Federación de Cineclubs de Galicia (FECIGA) para os seus asociados, é unha iniciativa de Elena García Román, vicepresidenta da Federación de Cineclubs e delegada da Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais (CIMA). "A idea naceu despois de ver ‘16 de decembro’ no Festival de Locarno.
As proxeccións comezaron xa o pasado venres 15 no Cineclube Carballiño (Auditorio Manuel María) e continúan este xoves no Clube cultural Valle Inclán de Lugo (ás 20.00 horas no Auditorio Vello Carcere). O domingo 24 realizarase no Cineclube A Lanterna de Viana do Bolo (ás 20 horas na Casa da Cultura). E xa o luns 25 nos restantes cineclubs (con entrada de balde) e nas tres salas privadas que participan na iniciativa.

As curtas

  • ‘16 de decembro’ (14 minutos) é unha curtametraxe do director vigués Álvaro Gago, estreada este ano no prestixioso festival suízo de Locarno, cun percorrido posterior que inclúe a SEMINCI de Valladolid, o AFI Fest de Os Ánxeles ou o Gouna Film Festival de Exipto. A peza recibiu xa 11 premios en distintos certames, entre eles o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Compostela. Na curta, Lucía, de vinte e cinco anos, sae de adestrar a balonmán e vai buscar ao seu irmán en moto baixo as luces dunha cidade que cre coñecer.
  • ‘Suc de Síndria’ (22 minutos) está nomeada aos EFA (European Film Awards) e estreouse na 69 edición da Berlinale onde comezou unha xira chea de éxitos que a levou a exhibirse en festivais tan importantes coma Toronto, Chicago, Londres (BFI), Melbourne ou BAFICI (Bos Aires). Na curta, Bárbara e Pol vanse uns días de vacacións. Co apoio de Pol, no medio da natureza, entre bágoas e risas, Bárbara aprende a soltarse, sandar vellas feridas e redefinir a súa sexualidade.
  • FONTE: https://praza.gal/cultura/10-salas-e-cineclubs-galegos-unense-nunha-proxeccion-conxunta-de-curtas-contra-a-violencia-machista

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

As violencias de xénero son unha das formas de expresión das opresións derivadas das relacións do sistema sexo-xénero. Historicamente, elas estableceran relacións de poder desiguais entre mulleres e homes na nosa sociedade, levando as mulleres a unha situación de subordinación respecto ao xénero masculino. Polo tanto, é unha problemática na que todas as persoas estamos implicadas.
As violencias e desigualdades de sexo-xénero exprésanse de diferentes maneiras nos máis diversos espazos, porque elas aséntanse en pautas culturais, nos costumes e nas tradicións que aprendemos desde que nacemos. O ámbito educativo non está exento desas violencias. Alí tamén atopamos uns espazos que son ocupados de maneira desigual, os xogos reproducen estereotipos, así como a linguaxe e determinadas condutas sexistas. Tamén nos atopamos con actos ou ameazas de violencia sexual, física ou psicolóxica que poden ser explícitas ou non, e ir máis aló das paredes do centro educativo. Pero os centros educativos tamén poden ser un espazo estratéxico para traballar na prevención das violencias.
É preciso camiñar neste sentido para que consigamos construír sociedades máis xustas.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO): https://www.cig-ensino.gal/files/Documentos/25N/2019UD25NSecundaria.pdf



 

11 outubro 2018

"Micromachismos. Machismo invisibilizado"

A Asociación Berenguela Pola Igualdade presenta "Micromachismos. Machismo invisibilizado", un vídeo colaborativo e interxeracional feito coa participación de veciñas, asociacións e establecementos de Vedra co obxectivo de facer visible o machismo cotiá, tan arraigado que chega a ser imperceptible.
 
 
Por partillar, coma tantas cousas... 

06 marzo 2018

8 de Marzo FOLGA FEMINISTA


Documentos completos

Extracto:
Folga estudantil
Queremos parar nos colexios, institutos e universidades porque o sistema educativo en todas as súas etapas é o principal espazo de socialización no que se reproduce o actual sistema capitalista e patriarcal e está moi lonxe de ser un espazo no que se crece en equidade e igualdade social.
Desde o colexio e o instituto constrúense os roles de xénero, os estereotipos e o amor romántico heterosexual como modelo único de relación afectivo-sexual, á vez que nós empezamos a construír a nosa identidade sexual nuns centros que carecen dunha educación afectivo-sexual diversa e están infestados de actitudes LGTBIfóbicas. Ata a universidade, onde non é difícil ver a división sexual á hora de elixir carreira e o teito de cristal á hora de investigar ou promocionar na Universidade.
En todas estas etapas tamén vemos que a historia das mulleres, a nosa historia, foi invisibilizada e apartada das aulas e os libros de texto. Da mesma maneira, as estudantes vémonos sometidas a unha tripla explotación (estudantes, traballadoras e coidadoras) que nos aboca a unha precariedade vital absoluta.
Por iso as estudantes do movemento feminista queremos xuntarnos a esta folga do 8 de marzo reivindicando:
• Unha educación pública, laica e feminista.
• Unha educación que transversalice a perspectiva de xénero en todas as disciplinas. Non somos unha excepción, somos unha constante que foi calada.
• O noso dereito a unha educación afectivo-sexual diversa, libre de estereotipos heteropatriarcais e que non nos reduza a meros obxectos.
• A coeducación e a corresponsabilidade.
• E seguir loitando pola baixada das taxas e o aumento das bolsas que nos permita conciliar a vida estudantil, laboral e de coidados.
Como propomos facelo?
• Non asistir a clase o día 8 de marzo. Tes un exame ou unha clase na que controlan asistencia? Lembra que tes dereito á folga: fala co equipo directivo do teu insti e co equipo reitoral do teu uni para solucionalo.
• Informa sobre a folga no teu cole, o teu insti ou a túa facultade. Non esquezas ás mulleres traballadoras e profesoras! Organiza asembleas coas mulleres do teu centro educativo para preparar o día de folga.
• Organiza accións e pasacampus para o día de folga. Informa e debate sobre a situación das mulleres estudantes: cuestionamento, humillación, invisibilización, acoso nas aulas...
• Non te encargues dos coidados (coller o teléfono, preparar a comida, organizalo todo) o día de folga. 



24 febreiro 2018

8 de Marzo: FOLGA FEMINISTA




Esiximos plena igualdade de dereitos e condicións de vida, e a total aceptación da nosa diversidade.
QUERÉMONOS LIBRES, QUERÉMONOS VIVAS, FEMINISTAS, COMBATIVAS E REBELDES!
Hoxe, a folga feminista non remata:
SEGUIREMOS ATÉ CONSEGUIR O MUNDO QUE QUEREMOS!

O Día Internacional da Muller, o 8 de marzo, ten este ano unha movilización especial: a folga de mulleres. Espérase que a iniciativa teña reflexo en 177 países. Houbo unha sorte de ensaio xeral en 2017, cando se convocaron manifestacións multitudinarias, e para esta ocasión prevíronse paros -non só laborais- que contan por primeira vez co respaldo dos sindicatos e dalgúns partidos. Estas son algunhas claves da protesta:
Que se convoca e que se reclama?
O manifesto de respaldo á folga do 8 de marzo foi consensuado nunha reunión de 400 mulleres celebrada en xaneiro en Zaragoza. É un texto con múltiples reivindicacións . As convocantes reclaman o final das agresións e a violencia machista, o pago de pensións xustas, unha educación “pública, laica e feminista” e engaden que a protesta é tamén contra os recortes ou contra a corrupción, entre outras ideas.
“Queremos demostrar que sen nós se para o mundo”, sinalan os distintos colectivos feministas. É unha folga laboral, en principio similar a unha convocatoria de folga xeral, pero dirixida só á metade da poboación. Pero non só. Tamén previron unha folga de coidados, estudiantil e de consumo. É dicir, en primeiro lugar solicitan ás mulleres que ese día non acudan aos seus postos de traballo. Tamén lles piden que non asuman os coidados de familiares que mayoritariamente afrontan elas -as mulleres dedican o dobre de horas ao traballo non pago, con 26,5 horas semanales para coidar fillos ou familiares, tarefas domésticas, colaboracións sen soldo fronte a 14 deles-. A terceira protesta é que non consuman (principalmente produtos gravados coa chamada taxa rosa, como os de higiene feminina) e que as alumnas e profesoras non vaian a clase.
Xuntamos á convocatoria de folga laboral e folga de coidados e consumo proposta por varios colectivos, grupos de mulleres e feministas de multitude de ámbitos e territorios. Por iso animamos a secundar a Folga Feminista: laboral, de coidados, de consumo e estudantil e a participar nas manifestacións e actos que se van desenvolver o 8 de marzo nas diferentes cidades e vilas do país.
Facemos un chamado a todas as mulleres a parar nos nosos postos de traballo, nos espazos de coidados e nos hábitos de consumo. Queremos que esta folga sexa visible e teña repercusión.
Fai que máis mulleres se xunten
Promove asembleas na túa vila, cidade, barrio, asociación… e convida a outras mulleres para difundir a Folga Feminista e organizar formas creativas de adhesión á Folga de Mulleres. Animamos a que a convoquedes na vosa contorna mais próxima e accesible (unha praza, na casa, na tenda, oficina, centro de ensino ou cadea de montaxe, todo vale). Temos moitas razóns para parar:
  • Paramos porque non queremos que haxa nin unha menos.
  • Paramos porque o noso traballo de coidados no fogar e fóra del non se valora nin visibilizan.
  • Paramos porque non temos igualdade no emprego.
  • Paramos porque os nosos corpos se seguen mercantilizando.
  • Paramos porque a nosa sexualidade está colonizada.
  • Paramos porque non nos deixades parar.
  • Paramos para que nos escoitedes.
  • Paramos porque estamos encabuxadas.
  • Paramos porque somos insumisas ao sistema patriarcal.
  • Paramos para visibilizar que sen nós o mundo para.
Se tan innecesarias somos, pois paramos.

No seguinte enlace tendes “Motivos e Reivindicacións”/ “Como apoiar a folga” / O manifesto da folga” / Materiais….e todo o que precisedes para acudir e participar neste movemento internacional de mulleres de todo o mundo que xa non imos parar.
https://folgafeminista.org/conta-atras-para-a-folga-feminista/

(FONTE:  https://www.iessanclemente.net/2018/02/20/dia-8-de-marzo-dia-internacional-da-das-mulleres-folga-feminista/)