"Xeliña fala galego" noutro día da lingua materna para pular pola transmisión interxeracional do idioma de Galicia.
Neste contexto, a Real Academia Galega vén de recuperar un texto que afonda na importancia desa transmisión. É o relato Xeliña fala galego, escrito polo mestre e tradutor Valentín Arias en 1968.
Nel, conta a experiencia de criar en galego á súa filla que daquela
tiña sete anos, Xela Arias, a autora homenaxeada neste 2021 co Día das
Letras Galegas. "Os pais de Xeliña son galegos. O mesmo que a súa
familia toda. E consideraron moi natural alar coa súa nena na lingua galega que eles adoitan acotío" principiaba o texto.
https://drive.google.com/file/d/1-x6Y6jgalGP2M4eudOIJhW_sesOBHpLO/view?usp=sharing
Para a Academia, esta é unha boa mostra da importancia da transmisión do
galego entre xeracións, "unha riqueza que debemos celebrar", di o
presidente da institución, Víctor F. Freixanes. Subliña Freixanes que,
neste 2021, a UNESCO ten este ano "un obxectivo moi concreto" por este día, "fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade" e tamén nesa liña "o texto de Valentín Arias é moi significativo ao respecto".
Así, o pai de Xela Arias detallaba como criar a nena en galego supuña
apostar por non "renunciar ás raíces", senón "profundar nelas" para
"construír unha sociedade sen complexos". "Partindo da 'lingua nai dos
galegos', o conto augura" que a nena "se mergullará pronto noutros
idiomas con máis facilidade que os rapaces monolingües, porque 'é ben
sabido que é máis doado aprender unha nova lingua cantas máis linguas se
coñezan'". "O narrador non se equivocou no seu prognóstico", toda vez que Xela Arias "converteríase, tempo despois, nunha destacada tradutora, ademais de poeta e editora".
FONTE: https://praza.gal/cultura/xelina-fala-galego-noutro-dia-da-lingua-materna-para-pular-pola-transmision-interxeracional-do-idioma-de-galicia