Amosando publicacións coa etiqueta EDUCACIÓN. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta EDUCACIÓN. Amosar todas as publicacións

20 novembro 2019

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS NA IGUALDADE

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS 
NA IGUALDADE

 Glosario de termos
Feminismos: movemento teórico, social e político que busca, desde diferentes formas, rachar coas desigualdades e inxustizas relacionadas co sistema sexo-xénero. Noutras palabras, busca a igualdade entre as persoas, o que supón unha toma de conciencia colectiva e a súa mobilización para transformar a sociedade.

Sexo: Habitualmente fai alusión á herdanza xenética que forman as persoas con certas anatomías e aspectos, unha vez máis dividíndonos en dúas opcións, home e muller. Na actualidade, esta perspectiva sobre o sexo está sendo rebatida, xa que non é posible afirmar que o sexo exista separado da cultura. Ademais, hai constancias de que hai diferentes culturas na que non existen só dous sexos.

Xénero: Termo utilizado para delimitar o que entendemos por masculino e feminino. É a construción cultural que fai unha sociedade nun momento histórico e cultural determinado a partir das diferenzas coñecidas como sexo, que no noso caso se dividen en dous.

Identidade de xénero: Fai referencia á identificación co sexo asignado no nacemento e que confronta co que se espera socialmente, tipicamente dentro de dúas opcións: muller e home. Se a persoa non se identifica co sexo asignado, será “trans” e se se identifica co sexo asignado, esta persoa será “cis”.

Transexual: É un termo de orixe médica que diagnosticaba un comportamento de xénero atípico. Hoxe úsase para referirse ás persoas que se desmarcan do xénero que se lles asignou ao nacer. Son persoas que cruzan as fronteiras que son construídas pola súa cultura para definir os patróns que son propios para os homes ou para mulleres. Como identidade, engloba unha heteroxeneidade de experiencias de persoas transexuais, transxéneros, e outros termos que sinalan a transgresión das normas de xénero binarias.

Estereotipos de xénero: Son aqueles que crean expectativas sociais, actitudes, roles que atribuímos a un grupo determinado, neste caso, ao colectivo de homes e de mulleres.

Roles de xénero: Sons construcións culturais da nosa sociedade que esperan das persoas certos comportamentos. Asignan aos homes a masculinidade e as mulleres a feminidade, para o caso das sociedades occidentais. Non todas as culturas perciben os mesmos roles de xénero, nin son necesariamente fixos, nin están ligados á lóxica binaria (muller/home).

Heterosexismo: Consiste en asumir a heterosexualidade como a orientación social maioritaria e normalizada. É o motor da transfobia e da homofobia desde as que se considera que o castigo á transgresión dos roles de xénero tradicionais forma parte inherente da aprendizaxe social.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO)

CURTAS CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA

10 salas e cineclubs galegos únense nunha proxección conxunta de curtas contra a violencia machista:

Unha proxección conxunta das curtametraxes '16 de decembro' (Álvaro Gago) e 'Suc de síndria' (Irene Moray) acompañará os actos do 25-N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller en Galicia. As dúas pezas, que tratan distintos aspectos desta problemática, poderán verse nas pantallas dos cineclubs Lumiere (Vigo), Cangas, Carballiño, Valle Inclán (Lugo), Padre Feijoo (Ourense), Os Papeiros (Chantada) e La Lanterna (Viana do Bolo), e tamén nos cines Numax (Santiago), Dúplex (Ferrol) e Minicines Central (A Estrada).

O proxecto, financiado pola Federación de Cineclubs de Galicia (FECIGA) para os seus asociados, é unha iniciativa de Elena García Román, vicepresidenta da Federación de Cineclubs e delegada da Asociación de Mulleres Cineastas e Medios Audiovisuais (CIMA). "A idea naceu despois de ver ‘16 de decembro’ no Festival de Locarno.
As proxeccións comezaron xa o pasado venres 15 no Cineclube Carballiño (Auditorio Manuel María) e continúan este xoves no Clube cultural Valle Inclán de Lugo (ás 20.00 horas no Auditorio Vello Carcere). O domingo 24 realizarase no Cineclube A Lanterna de Viana do Bolo (ás 20 horas na Casa da Cultura). E xa o luns 25 nos restantes cineclubs (con entrada de balde) e nas tres salas privadas que participan na iniciativa.

As curtas

  • ‘16 de decembro’ (14 minutos) é unha curtametraxe do director vigués Álvaro Gago, estreada este ano no prestixioso festival suízo de Locarno, cun percorrido posterior que inclúe a SEMINCI de Valladolid, o AFI Fest de Os Ánxeles ou o Gouna Film Festival de Exipto. A peza recibiu xa 11 premios en distintos certames, entre eles o Festival Internacional de Cine Curtocircuíto de Compostela. Na curta, Lucía, de vinte e cinco anos, sae de adestrar a balonmán e vai buscar ao seu irmán en moto baixo as luces dunha cidade que cre coñecer.
  • ‘Suc de Síndria’ (22 minutos) está nomeada aos EFA (European Film Awards) e estreouse na 69 edición da Berlinale onde comezou unha xira chea de éxitos que a levou a exhibirse en festivais tan importantes coma Toronto, Chicago, Londres (BFI), Melbourne ou BAFICI (Bos Aires). Na curta, Bárbara e Pol vanse uns días de vacacións. Co apoio de Pol, no medio da natureza, entre bágoas e risas, Bárbara aprende a soltarse, sandar vellas feridas e redefinir a súa sexualidade.
  • FONTE: https://praza.gal/cultura/10-salas-e-cineclubs-galegos-unense-nunha-proxeccion-conxunta-de-curtas-contra-a-violencia-machista

25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

 25 N: Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

As violencias de xénero son unha das formas de expresión das opresións derivadas das relacións do sistema sexo-xénero. Historicamente, elas estableceran relacións de poder desiguais entre mulleres e homes na nosa sociedade, levando as mulleres a unha situación de subordinación respecto ao xénero masculino. Polo tanto, é unha problemática na que todas as persoas estamos implicadas.
As violencias e desigualdades de sexo-xénero exprésanse de diferentes maneiras nos máis diversos espazos, porque elas aséntanse en pautas culturais, nos costumes e nas tradicións que aprendemos desde que nacemos. O ámbito educativo non está exento desas violencias. Alí tamén atopamos uns espazos que son ocupados de maneira desigual, os xogos reproducen estereotipos, así como a linguaxe e determinadas condutas sexistas. Tamén nos atopamos con actos ou ameazas de violencia sexual, física ou psicolóxica que poden ser explícitas ou non, e ir máis aló das paredes do centro educativo. Pero os centros educativos tamén poden ser un espazo estratéxico para traballar na prevención das violencias.
É preciso camiñar neste sentido para que consigamos construír sociedades máis xustas.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO): https://www.cig-ensino.gal/files/Documentos/25N/2019UD25NSecundaria.pdf



 

13 outubro 2019

As razóns do galego

AS RAZÓNS DO GALEGO na Facultade de Bioloxía da USC.

Unha vez máis, grazas ao blog https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/10/as-razons-do-galego-facultade-de.html podemos compartir doadamente campañas normalizadoras e dinamizadoras do noso idioma:



O SNL da USC proponnos unha nova campaña de sensibilización para o uso do galego. Trátase de visibilizar os prexuízos que impiden usar esta lingua. Neste primeiro vídeo o alumnado da Facultade de Bioloxía expoñen as razóns para utilizaren (ou seguiren utilizando) o galego habitualmente na súa actividade académica.
No segundo vídeo tócalle a quenda ao profesorado da mesma facultade. 

Temos o dereito, a necesidade e a obriga ética e moral, de transmitir coñecementos no noso idioma, do contrario, as carencias  serán o herdo que lle deixemos ao noso futuro.

02 outubro 2019

II ROMARÍA FEMINISTA DE BARBADÁS

II ROMARÍA FEMINISTA DE BARBADÁS
DÍA 5 DE OUTUBRO:


II ROMARÍA FEMINISTA EN BARBADÁS
O día 4 de outubro ábrese a Romaría Feminista coa apertura de postos de comida na rúa e a actuación de “Carolina Rubirosa Band” e Paula Do Campo.
O 5 de Outubro
10: 50h.: Apertura coas Pandereteiras “Euquechesei”
11:00h.: Mesa de apertura: “Movemento feminista nas políticas públicas”
12.30h.: Recital de Poesía de Irma Ruth del Ángel
13:00h.: Mesa Debate: “ A muller no deporte”
DESCANSO PARA COMER E INTER-RELACIONAR
17:00H.: Mesa debate: “Activismo Feminista nas redes”
19:00h.:Charanga “O Son da Líla”
21:00h.: Actuacións musicais: LEILÍA, BANDA DA LOBA E BAMBINA
O espazo no que se desenvolverá a festa feminista será na zona do pavillón da Valenzá e no parque dos Carrís, ao carón do río dos Muíños
OBXECTIVOS:
  • Achegar o feminismo a todas as mulleres, creando espazos nos que estean representadas por diferentes mulleres do eido político, económico, cultural e/ou social” é o principal obxectivo da segunda edición da Romaría Feminista de Barbadás, sinala Elisabet González Nistal, concelleira de Igualdade.
  • A romaría pretende nesta segunda edición tanto nas mesas de debate coma nas actividades e nas actuacións musicais “centrarse na sororidade coma ferramenta feminista”.
  • O lema “Xuntas camiñamos” é o eixo para facer fincapé no que a feminista mexicana Marcela Lagarde chama “pacto político entre mulleres”.
  • As mesas de debate abordarán as diferentes formas de violencia contra as mulleres, “tratando específicamente a violencia sexual e a cultura da violación, as políticas públicas nesta Cuarta Ola e tamén sobre o activismo feminista nas redes sociais”.
MÁIS INFORMACIÓN:
  • O día 4 de outubro será o prólogo da Romaría coa presenza na zona de fook trucks e a actuación a partir das 21,00 horas de Carolina Rubirosa Band e Paula Do Campo.
  • O día 5 de outubro o grupo de pandereteiras de Piñor “Euquechesei” protagonizarán a actuación de apertura da Romaría ás 10,50 horas da mañá.
  • A Continuación a primeira mesa de debate está prevista para as 11,00 horas baixo o título “Movemento feminista nas políticas públicas”. Nesta mesa intervirán Pilar Cancela, presidenta da Comisión de Seguemento do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, María del Consuelo Vispo, deputada e portavoz do PP en Barbadás, Zaida Rodríguez, Secretaria provincial de Igualdade do PSdeG, Cristina Cid, alcaldesa de Allariz e moderadora e Noa Presas.
  • Ao mediodía (12,30 horas) está previsto un recital de poesía protagonizado por Irma Ruth del Ángel, ddo Círculo Poético de Ourense.
  • Ás 13,00 horas comezará a segunda mesa de debate titulada a muller no deporte coa participación de Marta Bobo (primeira olímpica española e galega de ximnasia rítmica), Lorena Novas (árbitra de primeira división feminina de España), Carmen Cid “Witch” (atleta do Clube Box 001 Rumaniak), Mercé Barrientos (presidenta da Asociación de Mulleres Deportistas Galegas, MUDEGA) e Silvia Vieito (moderadora, de Xornalistas Galegas).
  • Pola tarde a partir das 17,00 horas está prevista a mesa centrada en torno ao “Activismo feminista nas redes” coa presenza de Towanda Rebels (iutubers feministas), Feminista Ilustrada (ilustradora e educadora visual feminista), Daniela Fernández (AMIZANDO, Asociación LGTBI Galega) e Laura Seara (moderadora e Ex_Secretaria de Estado de Igualdade. Avogada e consultora de xénero).
  • Ás 19,00 horas actuará a charanga “O son da Lila”.

29 setembro 2019

II ROMARÍA FEMINISTA DE BARBADÁS

II Romaría Feminista de Barbadás 

4 de outubro: a partir das 21,00 horas actuación de  Carolina Rubirosa Band e Paula Do Campo.

5 de outubro: 
Bases reguladoras para a colocación de postos temporais
AS MULLERES PODERÁN EXPOÑER A SÚA ACTIVIDADE ARTÍSTICA, ARTESANAL, COMERCIAL, INFORMATIVA OU DE OUTROS ÁMBITOS NA ROMARÍA FEMINISTA DE BARBADÁS.
O concello de Barbadás, a través da Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Participación Veciñal e Sanidade organiza a II Romaría Feminista de Barbadás, que ten por obxecto reflexionar sobre distintos aspectos relativos á igualdade de xénero, promocionar e visibilizar o papel da muller nas diferentes disciplinas artísticas, así como, poñer en valor todas as actividades realizadas por mulleres no eido creativo, artístico, comercial, asociativo, etc.
Poderán poñer un posto, todas as mulleres que desexen amosar a súa actividade, podendo ser esta, de carácter artístico, artesanal, comercial, informativo ou outro que se considere acaído en relación ao obxecto da Romaría, ate completar aforo.
Bases reguladoras postos Romaría Feminista 2019
ANEXO I -Solicitude de colocación de posto
Para calquera dúbida ao respecto contactar con:
Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Participación Veciñal e Sanidade
Centro de Información á Muller (CIM)
Barrio Fornos, 4- 32890 Barbadás
Tel. 988222251
email: igualdade@barbadas.gal

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 3

 Na Rebusca... febreiro de 2018:«A lingua de signos axuda aos nenos»


Cristina González Abelaira ,  filóloga nada en Castroverde, logo de completar os estudos na Facultade de Humanidades de Lugo e de ter unha estancia no Colegio de España en París, puido comprobar como faltaban estudos científicos, salvo algúns feitos desde a Universidade de Vigo, sobre a lingua de signos e a súa inclusión no sistema educativo galego. Esta profesora no CPI San Tomé do Carballo de Taboada acaba de defender en Lugo a súa tese -dirixida polos profesores da USC Modesto Rodríguez e María Luz Zas- sobre a planificación lingüística da lingua de signos na educación en Galicia. O traballo foi recoñecida con sobresaínte cum laude. Fala con paixón sobre un traballo que fixo grazas a unha bolsa predoutoral da Xunta entre os anos 2013 e 2016. 
Aquí recollemos algúns fragmentos da súa entrevista en "La Voz de Galicia"  24/02/2018. se queredes lela toda tedes o enlace na fonte de información.
(...)
-En que aspecto desta lingua se quixo centrar?
-Pois foi un enfoque émico, coa intención, xa digo, de darlles voz ás persoas xordas, e para iso foi importante documentarse con eles, graveinos, escoiteinos, coa idea de saber que pensan, e así podelo transmitir na tese. Creo que desde as Administracións non os escoitan. Por exemplo, eu son profesora de Secundaria, e chama a atención como a Lomce e os reais decretos permiten o emprego nas aulas da lingua de signos, pero no caso de Galicia non aparece, porque o que redactou o decreto non o sabía. Creo que as Administracións deben articular plans para a formación en lingua de signos dos profesionais que traballan con alumnado xordo, e fomentar maior presenza de intérpretes no centros.
-Hai moito descoñecemento...
-É que seguen a falar de conceptos como ‘xordomudo’ ou ‘linguaxe de signos’, e as persoas xordas non son mudas, emiten sons.
-Que lle pode achegar a lingua de signos a un rapaz?
-Saber conceptos de calquera lingua sempre serán positivo e mellora as competencias dos alumnos, sobre todo as comunicativas. Trátase dunha lingua visual que non aproveitamos. A de signos non é só dos xordos, non é propiedade destas persoas, senón que debería interesarnos a todos e axuda a todos os nenos.
-E é unha lingua universal?
-En España só está recoñecida a española e a catalá. Foi unha mágoa que non se intentase recoñecer a lingua de signos galega, pero desde a federación de xordos non quixeron no seu momento, cando a lei do 2007 si recoñeceu as outras dúas. En Galicia hai signos propios pero cando se aprobou a lingua española dixeron desde Madrid iso de que os signos eran feos e «pailáns». Acabaron reproducindo o mesmo que pasou coas persoas que falaban galego fronte aos castelán falantes. Por iso, agora, en Galicia, houbo un proceso de substitución lingüística. Cando fixen a tese puiden falar con informantes de idade avanzada que ao viviren en contornas illadas e que estudaron en colexios de xordos signos en galego, aínda teñen as expresións propias.
(...)

Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2018/02/24/span-langgl-lingua-signos-axuda-aos-nenosspan/0003_201802L24C12991.htm

14 de xuño. DÍA NACIONAL DA LINGUA DE SIGNOS

Xa, xa sei... pero aínda que pasou o día, NON PASOU A ROMARÍA!
Coas súas palabras:
No día no que se celebra o “Día Nacional da Lingua de Signos” o CPI "As Mirandas" de Ares,  conseguíu a Mención Honorífica na III edición do Concurso “Cantamos coas mans”, coa canción "O fío do que pendo" da cantautora galega  MJ Pérez. Parabéns a todas as rapazas e rapaces que interpretaron maxistralmente o videoclip e a todo o equipo que está detrás deste traballo, especialmente á nosa intérprete de lingua de signos Luísa Lombardero, xa quen sen ela isto non sería posible.



Moitas Grazas pola vosa voz!!!! 

TERRA - Videoclip en lingua de signos

Á REBUSCA!!!
O día 27 de maio de 2014 a comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela-GALIZA), despois dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar, rematou a gravación do Videoclip en Lingua de Signos TERRA. TERRA, con música do grupo galego DAKIDARRÍA, é un canto de amor a Galiza, ás súas aldeas, barrios, vilas e cidades, ao seu mar e ao seu campo... á Terra. O canto ceibe dun pobo que chama a mocidade activa a berrar e a facer camiño. Unha música que como o vento rebelde que vén de lonxe, clama por unha sociedade aberta que saiba ESCOITAR, APRENDER e COMPARTIR. Foi este o lema que engaiolou á comunidade educativa do IES Chapela e que conseguiu xuntar as enerxías do IES Audiovisual de Vigo no proxecto "Escoitando a Terra", seleccionado neste curso como "excelente" pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.




Cando un grupo de alumnas e alumnos do IES Chapela propuxo ao EDLG do Centro a realización dun videoclip en Lingua de Signos, todo confluíu. A música, Galiza, a lingua galega, os dereitos das persoas xordas. TERRA pretende achegar á mocidade de Chapela e da comarca de Vigo unha lingua que día a día perde falantes entre a xente nova, mais tamén quere visibilizar a realidade dun sector da poboación que non oe, pero que escoita, e sobre todo quere ser escoitado. Na defensa da nosa lingua, por unha sociedade que teña en conta as nosas diferenzas en busca da igualdade, aquí está TERRA. Na gravación implicáronse activamente máis de 250 persoas. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais... que quixeron neste VIDEOCLIP apoiar os dereitos das persoas xordas e dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro... precisa de nós. No making-of do videoclip (http://youtu.be/HuNzW9iLKzg) podes ver o traballo de preparación e gravación do vídeo e a implicación que tivo toda a comunidade educativa do IES de Chapela. AVANTE COS DEREITOS DAS PERSOAS XORDAS! AVANTE COA LINGUA GALEGA! Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela Chapela, 24 de xuño de 2014 http://oberete.blogaliza.org

Por ti recuperei este tesouro!! 

24 xuño 2019

TÁBOA PERIÓDICA INTERACTIVA EN GALEGO

Táboa Periódica interactiva en galego realizada polo Departamento de Física e Química do IES de Melide coa participación do alumnado.

Parabéns por este traballo ao IES de Melide e, como non, a "Carta xeométrica" pola súa axuda a difundir.

Fontes:http://www.edu.xunta.gal/centros/iesmelide/node/801  

https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/06/a-taboa-periodica-prohibida-do-ies-de.html#comment-form

 

m