Amosando publicacións coa etiqueta POESÍA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta POESÍA. Amosar todas as publicacións

21 novembro 2022

Mallou - Bos amores (Rosalía de Castro/Fran Pérez "Narf")

 Grupo: Mallou. Canción "Bos amores" musicado por Fran Pérez "Narf"( http://www.galiciantunes.com/bandsandartists/404 no seu traballo a Rosalía de Castro no 2013 "Nas tardes escuras", Libro-CD.

Mallou: son Sabela Rey Bello e Benxamín Vázquez. Este proxecto nace como a consecuencia natural dunha viaxe conxunta e individual de ambos dende músicas lonxanas, dende as linguaxes da música americana de raíz: country, blues e soul ata a música galega.

Mallou achega un repertorio de cancións que forman parte do ideario musical galego con creacións e composicións propias, cunha profunda inspiración na maneira de crear de referentes como Fran Pérez, Narf; sentindo a música como elemento de encontro entre xéneros, estilos e realidades.

Mallou é unha paisaxe sonora, con fortes raíces na tradición, ensambladas con diversas infuenzas musicais, onde se crean alianzas estilísticas e entre xéneros musicais.

Mallou é tamén a homenaxe ao gaiteiro Xoán Bello Mallou, avó de Sabela, de quen toman o nome.

FONTE: https://descubreas.com/gl/profesional/mallou-2/

Letra do poema Rosalía de Castro :

 Bos amores

Cal olido de rosas que sai de antre o ramaxen
nunha mañán de maio, hai amores soaves
que n'inda vir se sinte, nin se ve cando entraren
pola mimosa porta que o corazón lles abre
de seu, cal se abre no agosto
a frol ó orballo da tarde.
E sin romor nin queixa, nin choros, nin cantares,
brandos así e saudosos, cal alentar dos ánxeles,
en nós encarnan puros, corren coa nosa sangre
i os ermos reverdecen do esprito onde moraren.
Busca estes amores..., búscaos,
si tes que chos poida dare;
que éstes son sóio os que duran
nesta vida de pasaxen. 

 

 

28 abril 2021

E HAME CUSTAR (Blues psicodélico de Germán son). Xela Arias LETRAS GALEGAS 2021

 Un blues psicodélico homenaxe a Xela Arias, letras galegas 2021, de Germán son:

 


 FONTE: https://www.youtube.com/channel/UCbmTXRzjAqo5m37yMZto6zw/featured

A letra principal que ven despois da presentación, está tomada do seu libro, Dario a Diario.

A banda da loba: Darío a diario ( XELA ARIAS. LETRAS GALEGAS 2021)

A banda da loba: Darío a Diario (Homenaxe a Xela Arias.                                                             Letras galegas 2021)

Novo  EP do  seu disco, Hasme oír homenaxe a Xela Arias. Recolle un poema no que ela fala da maternidade e que é para o seu fillo Darío

 


 Letra do poema:

DARÍO A DIARIO
Darío a diario.
Invasión que se me convén fantástica.
Invasión sen ocasión.
Invadíuseme a vida de cueiros e biberóns,
de roupiñas pequenas e xoguetes de colores,
de risas, choros,agarimos,agarimos.
Darío a diario.
A túa man ocupa un cuarto da miña xigante,
por iso detesto un pouco tantas palabras.
Todas para ti, ¡son a raíña parlante!,
¡emperatriz de sons guturais en diante!

 


 

 

:

21 abril 2021

Celso Emilio ferreiro. Poemas musicados de O soño sulagado

 Celso Emilio ferreiro,  O soño sulagado

Mensaxe dende o silenzo
Ti ben sabes, amigo, o gran segredo
dise tempo que pasa e que nos moe
cun rodicio de sombras,
sin mañá e sin onte.

Nas nosas maus de lama nada queda,
todo se nos desfai, todo nos foxe
coma o vento que brúa,
coma a iauga que corre.

Non somos máis que cousas
con diferentes nomes:
camiño, verme, folla,
estrela, arbre, home.

Cousas
que o tempo ha de pór podres.

E mentras tanto
de ningures pra lonxe,
igoal que toupas imos cegamente
furando o longo túnel dunha noite
que endexamais ten fin; sempre furando
sin máis norte que a morte.

Preguntas e preguntas e preguntas,
decote a preguntar. Ninguén responde.

                                            O soño sulagado (1955)

Por Licalaterna


 

Celso Emilio Ferreiro, poemas musicados de Longa noite de pedra III

 Deitado frente ao mar…

Língoa proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra língoa.

Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os valeiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.

Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E tí vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño…

Por Dios ke te crew:


 

Celso Emilio Ferreiro: poemas musicados de Longa noite de pedra II

 

Espranza
Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.

Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non sabrán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes,
na libertá creemos.
Viva, viva, decimos
aos que están no desterro
e soñan cun abrente
de bandeiras ao vento.

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!

 Por O Neno Elliott:


 
Non
Si dixese que sí,
que todo está moi ben,
que o mundo está moi bon,
que cada quén é quén..
.
Conformidá.
Ademiración.
Calar, calar, calar,
e moita precaución.
Si dixese que acaso
as cousas son esí,
porque sí,
veleí,
e non lle demos voltas.
(Si aquíl está enriba
i aquil outro debaixo
é por culpa da vida.
Si algunhos van de porta en porta
cun saco de cinza ás costas
é porque son unhos docas.)

Si dixera que sí…
Entón sería o intre
de falar seriamente
da batalla de froles
nas festas do patrón.
Pero non.

Por STUDIO CLANDESTINO


Por O Cadelo Lunático:


 


Celso Emilio Ferreiro: poemas musicados de Longa noite de pedra I

Celso Emilio Ferreiro

 Longa noita de pedra de Longa noite de pedra (1978)

 O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.

 Por Arredemo:


 Por SANGRE DE MUERDAGO:


 Monólogo do vello traballador de Longa noite de pedra (1978)

Agora tomo o sol. Pero até agora
traballei cincoenta anos sin sosego.
Comín o pan suando día a día
nun labourar arreo.
Gastei o tempo co xornal dos sábados,
pasou a primavera, veu o inverno.
Dinlle ao patrón a frol do meu esforzo
i a miña mocedade. Nada teño.
O patrón está rico á miña conta,
eu, á súa, estou vello.
Ben pensado, o patrón todo mo debe.
Eu non lle debo
nin xiquera iste sol que agora tomo.

Mentras o tomo, espero.

Por Ataque Escampe:


http://www.ataqueescampe.org/p/inicio.html

 

Por Raiba:


 María Soliño
de Longa noite de pedra (1978)

 Polos camiños de Cangas
a voz do vento xemía:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Nos areales de Cangas,
muros de noite se erguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As ondas do mar de Cangas
acedos ecos traguían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

As gueivotas sobre Cangas
soños de medo tecían:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

Baixo os tellados de Cangas
anda un terror de auga fría:
ai, que soliña quedache,
María Soliña.

 

Cantada por Luar na Lubre:

 



 

Laura LaMontagne & PicoAmperio: Ondas do mar de Vigo

A poeta e cantautora Laura LaMontagne xunto co  produtor e Dj PicoAmperio forman este singular dúo políglota que mestura composicións  medievais galaico-portuguesas, ambiente hip hop e poesía, poñendo especial atención nas obras de Martín Codax, Airas Nunes, Rosalía de Castro ou Fernando Pessoa. A través da electrónica, o hip hop ou o trance indio aplican una intensiva operación cirúrxica ao folklore galego. 

Neste video interpretan   'Ondas do mar de Vigo'  no programa Feeel da betevé (Barcelona TV).

 


 

02 abril 2021

A banda da loba: Intempériome (Homenaxe a Xela Arias. Letras galegas 2021)

 A Banda da Loba presenta nun videoclip o primeiro tema do seu novo disco, Hasme oír, de homenaxe a Xela Arias: Intempériome (2013).

Homenaxe composta por catro temas baseados en cada un dos poemarios que a protagonista do Día das Letras Galegas publicou en vida. A canción de presentación toma a letra de distintos poemas de Intempériome (2003).


Letra da canción (combinación de cinco poemas do libro de Xela Arias "Intempériome" (2003): Vide. 
Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo. 
Vide que vos convido 
a vos ver. 
Ven que te reto 
a te ver a ti desde ti en ti. 
 
Hasme oír, hasme oír: 
agora busco que coxugues 
ben o verbo dos posibles, 
e que ti esquezas esa radio de cousas previas 
amarrada sempre ós pensamentos, sempre ós pensamentos. 
 
 Incéndiate 
á calor da observación. 
E repasa logo a ollada 
no pouso dos afectos. 
 Hasme oír, hasme oír: deixa 
que te percibas a ti, 
que te percibas 
tamén ti atropelada das palabras, 
á procura de trazos que nos 
describan. 
que nos describan. 
Intempestiva, 
serse intempestiva. 
 
 E domea-la furia, e domea-la furia, e domea-la furia 
á procura 
da froita madura. 
 
 Vencerse é cousa 
de se tratar.

03 marzo 2021

XELA ARIAS: LETRAS 2021

 A Real Academia Galega dedicaralle a Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003) o Día das Letras Galegas de 2021. 

Imos curioseando:

Xela Arias, poeta, editora e tradutora

Xela Arias Castaño (Sarria, 1962-Vigo, 2003) publicou o seu primeiro libro de poemas, Denuncia do equilibro, en 1986, e a el seguírono o celebrado Tigres coma cabalos (1990), Darío a diario (1996) e Intempériome (2003). Mais a súa escrita non queda aí, pois mantéñense inéditos Lili sen pistolas e Maldito lindo; e a filóloga Chus Nogueira xuntou a súa obra no volume Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), en Xerais.

Alén de poeta, Xela Arias foi tradutora e verteu para o galego autores como Castelo Branco, Gianni Rodari, Roald Dahl e James Joyce, entre moitos outros. No eido da edición, a poeta formou parte de Edicións Xerais de Galicia, desde 1979 até 1996, e nos últimos anos da súa vida tamén exerceu a docencia en Lingua galega.

Agora chégalle a honra do Día das Letras, logo de ser xa proposta en 2014 e en 2015 e de ser homenaxeada en 2019 pola plataforma da crítica literaria A Sega. http://www.asega-critica.net/2019/09/xela-arias-e-o-dia-das-galegas-nas.html


Xa que estamos á voltiña do 8M, imos ver como cómpre moito "Día de" en feminino!!!

5 de 58

Xela Arias convértese na quinta muller homenaxeada no Día das Letras Galegas nos 58 anos desta celebración, despois de Rosalía de Castro (1963), Francisca Herrera Garrido (1987), María Mariño (2007) e María Victoria Moreno (2018).

Recollemos as palabras :

Xela Arias. Declárome inconforme

Por Ana Romaní ( FONTE: https://nova.academia.gal/letras-galegas/2021/xela-arias/biografia)

Pois se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contradictoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa.

 Escribo en galego porque estou aquí e, desde logo, Galicia pertence, aínda, aos derrotados: 

Quere iso dicir que un pobo que se alonxa do seu idioma alónxase da súa cultura. Quere iso dicir que a un pobo ó que alonxan do seu idioma alónxano da súa cultura. Quere iso dicir que Galicia ten aínda hoxe os seus mitos, a súa tradición sen resolver porque ten aínda sen resolve-la aceptación do seu propio idioma.

 

18 febreiro 2021

MJ PÉREZ: Nom existe a morte

 "Musicando Carvalho 2020". 

MJ recupera e transforma o tema "Nom existe a morte", que nace dun poema de Ricardo Carvalho Calero e que foi finalista do concurso "Musicando Carvalho 2020". A cantautora escolle este poema no que Carvalho fai unha reflexión sobre o paso do tempo e a partir de aí desenvolve unha composición musical que intenta acompañar e apoiar a mensaxe do poema xogando coa narración e a música.

O videoclip pretende ser un percorrido visual a través do poema, enfatizando a mensaxe, a través da técnica de siluetas en movemento con video integrado. Colaboración especial de Laura Romero na ilustración e rotoscopia (nos momentos instrumentais). 

FONTE: https://www.youtube.com/c/MJPerezMusic/videos


 Poema de Ricardo Carvalho Calero

A tua carne é moza.
A morte está longe.
Non existe a morte.

Oh corpo florido.
O esprito está alén.
Non existe o esprito.

Todo o mundo é teu.
Deus está no ceu.
Ceu azul só é.

Realidade farta.
Realidade oca.
Nada entre unha e outra.

O rio do tempo
leva-te a outros climas.
A mar ja se albisca.

Ao desembocar,
a verdade é outra,
outro o degarar.

Todo o que veías
se desfai no espello
desa água tranquila.

Paira sobre a água
o que agora é todo
e antes era nada.

Morte, esprito e Deus.
Existe só iso.
Trindade sen veus.

Carvalho Calero, R., (1961), Salterio de Fingoi

 

25 novembro 2020

"Sorriso triste" de Seso Durán

"SORRISO TRISTE", Primeiro single do álbum “Ascensión” (2021) 

de Seso Durán.

Contra a Violencia machista


Letra de Olga Lalín 

Produción e arranxos de Iago Lorenzo. Gravado e interpretado por Seso Durán, Iago Lorenzo e José Bruno . Mesturado por Iago Lorenzo. Masterizado por Robin Schmidt. Fotografías de Esther Medraño Montaxe e edición de video de Seso Durán. Textos revisados por Raquel Rodríguez. Mulleres no video: Esther Medraño, Paula Verde, Laura García, Verónica Martínez, Silvia Villar e Ilduara Pérez.

 

 


20 outubro 2020

Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández 2020

 A poeta galega Alba Cid foi galardoada co "Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020" pola súa obra Atlas, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deporte, que concede este galardón, dotado con 20.000 euros.

O xurado elixiu esta obra "por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo".

"É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma", sinala o xurado que destacou que é unha obra "escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía".

 Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética dá casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016).

FONTE: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/alba-cid-premio-nacional-poesia-xoven-2020/20201020141218107294.html

Compartimos un video feito polas Letras Galegas 2020.


 

 Tamén publica textos de creación e recensións nas revistas Grial, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora da Radio Galega; ilustra e mantén un “Gabinete de curiosidades”. Os seus poemas foron traducidos para o castelán, o grego, o inglés e o portugués, e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, serie web da Academy of American Poets. Na actualidade, encárgase do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.

17 outubro 2020

Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía

 A galega Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía

O xurado elixiu a obra Feliz Idade, da poeta orixinaria da Pobra do Brollón, "por tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo". 


 Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.

 Así, o eixe de «Feliz Idade» é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

FONTE: https://www.kalandraka.com/blogk/post/feliz-idade-premio-nacional-de-poesia-2020

Poema:

 “Tríscele”:

Eramos tres: meu pai, eu e a vida.

Eramos tres: meu pai, eu e a agonía.

Eramos tres: meu pai, eu, e o meu amor que viña.

 

 OUTRO POEMA:

 

Agora

 eu mírote extasiada mentres dormes 

e disólvome no costro fulgurante 

coma unha estrela que lle dera de mamar

 fósforo ao ceo. 

E falo na linguaxe que non serve

 na linguaxe da sílaba primeira: 

deséxoche que sexas amada tolamentee 

que ningún poder poida 

amainar nunca

 a túa 

Feliz 

Furia”.

 

 


14 outubro 2020

#MusicandoCarvalhoCalero

 Su Garrido Pombo- Saudade dumha voz


 

 #MusicandoCarvalhoCalero

 “Musicando Carvalho Calero” é um concurso musical desenhado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) em colaboraçom com a CRTVG. Todos os grupos ou solistas de qualquer estilo musical poderám candidatar-se a este concurso. Podes consultar as bases e ler toda a informaçom em:

http://musicando.carvalho2020.gal 

 Para máis información de Su Pombo garrido: http://sugarridopombo.com/

E lembra que podes ...https://colegasdaspalabras.blogspot.com/search?q=su+pombo

01 febreiro 2020

Porque te quero de Baldo Ramos

Porque te quero de Baldo Ramos.

Ilustrador: Anxo Rodríguez Fariña (Ex-alumno do noso instituto)

Lese practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda.
Estes poemas son reversibles.
 Data Publicación : 23-01-2020 
Colección : Árbore,  Editorial Galaxia.

18 xaneiro 2020

"Tecín soia" da Banda da Loba

"Tecín soia" da Banda da Loba e outro tema do Álbum Fábrica de luz. Nesta ocasión a letra é do poema de Rosalía "Tecín soia a miña tea...(As viúdas dos vivos e as viúvas dos mortos de  FOLLAS NOVAS) :

 
   Tecín soia a miña tea,
   sembrei soia o meu nabal,
    soia vou por leña ó monte,
    soia a vexo arder no lar.
    Nin na fonte nin no prado,
    así morra coa carrax,
    el non ha de virme a erguer,
    el xa non me pousará.
    ¡Que tristeza! O vento soa,
    canta o grilo ó seu compás…;
    ferve o pote…, mais, meu caldo,
    síña te hei de cear.
    Cala, rula; os teus arrulos
    ganas de morrer me dan;
    cala, grilo, que si cantas,
    sinto negras soidás.
    O meu homiño perdeuse,
    ninguén sabe en onde vai…
    Anduriña que pasache
    con el as ondas do mar;
    anduriña, voa, voa,
    ven e dime onde está.

09 xaneiro 2020

O grupo norteamericano Da Terra Meiga emprende o "Galician Mini Tour"

O grupo norteamericano Da Terra Meiga emprende o "Galician Mini Tour", con paradas no Café Cultural Auriense (Ourense) a quinta 9 de xaneiro, na sala Filomatic (Coruña) a sexta 10 e no Patio da Tola, na aldea de Vieiros (O Courel) o sábado 11.
 
  ¡Pra Habana! de Rosalía de Castro cantada por Da Terra Meiga, un grupo de New Mexico



Malia viren de Nuevo México, ademais de en inglés, cantan en galego. A razón é sinxela: a emigración. A vocalista, Laura G. Cruz, e o guitarrista, Rubén Cortiñas Ares, son da Coruña, aínda que levan tempo en Alburquerque. "Estarmos lonxe da casa, a morriña, fixo espertar o noso interese na música galega", conta Cortiñas.
Para alén dos galegos, a banda conta con membros de Nuevo México e Nueva Jersey. Da Terra Meiga emprende esta primeira xira fóra dos Estados Unidos de América na Galiza porque querían que os demais "se enchoupasen da nosa cultura", explica Cortiñas.

20 novembro 2019

POESÍA CONTRA A VIOLENCIA

POESÍA CONTRA A VIOLENCIA
 

NADA foi suficiente
roubaches o que ninguén che deu
para logo matarme
e non foi suficiente

usaches o meu corpo
e despois liberaches este río de sangue
para afogarme nel
para matarme
e non foi suficiente
porque entón golpeaches
con saña
reincidente
este rostro desfeito
para que ninguén vise o terror
cristalizado
nas pálpebras abertas
e non foi suficiente
que a boca e os ollos xa non puideran dar
noticia do meu nome
non era suficiente
e non foi suficiente
borrar a vontade
a vida
borrar a identidade
que fora testemuña
non era suficiente e
un a un
un
a
un
cortaches cada dedo
cada uña cortaches
as uñas que gardaban as probas do teu crime

e non foi suficiente
e non foi suficiente
e non foi suficiente
porque prendiches lume ao que de min quedaba
ao que de min quedaba
para que non quedara
nada
nada do que eu fora
teimaches en borrarme
anularme
desaparecerme

e non foi suficiente
e non foi suficiente


                      Marta Dacosta, De Acuática alma, 2011, Edicións Espiral Maior.