Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 4º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 4º ESO. Amosar todas as publicacións

21 novembro 2022

Agosto do 36. Xosé Fernández Ferreiro

TÍTULO: Agosto do 36.
AUTOR: Xosé Fernández Ferreiro. 

EDITORIAL: XERAIS, COLECCIÓN LITERARIA. 

 Agosto do 36, "unha novela tensa e violenta" -en palabras do seu autor-, narra un "paseo" protagonizado por catro falanxistas e do que foron víctimas, nos primeiros días da Guerra Civil, unha parella de mestres rurais. É unha crónica dunha morte anunciada na que o autor escolle a voz colectiva dos veciños para contar os verdadeiros móbiles e antecedentes dun crime que tiña máis de vinganza persoal premeditada e liquidación de vellas xenreiras entre familias que de asunto político.

23 marzo 2021

Lume de cobiza

TÍTULO: LUME DE COBIZA.

AUTOR: MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ.

EDITORIAL. GALAXIA. 

Logo da súa peripecia de sabuxos nos depravados ambientes de Hollywood, Frank Soutelo regresa para afrontar o seu primeiro caso en Galicia. Un mozo acaba de morrer e a súa familia sospeita que o pasamento foi inducido. Coa axuda do ex-garda civil Poncio e da moza Dalia Maxino, Soutelo rematará por mergullarse no mundo do ladrillo e da especulación, entre a vaga de lumes que arrasa o país no verán de 2006.

Bícame Frank de Miguel Anxo Fernández

 

TÍTULO: Bícame Frank

AUTOR: Miguel Anxo Fernández

EDITORIAL: Galaxia

Todo comeza co roubo do manuscrito de “Vento mareiro”, de Cabanillas, e despois co dun valioso papiro exipcio vinculado ás revoltas da primavera árabe. Demasiada xente quere o papiro, ao prezo que sexa… Soutelo sospeita que todo ten que ver coa aparición dun cadáver sen mans na praia da Lanzada. Coa súa retranca característica.

 

 

 FONTE: https://www.wikiwand.com/gl/Miguel_Anxo_Fern%C3%A1ndez_Fern%C3%A1ndez#/Ficci%C3%B3n

  Saga de Frank Soutelo, detective creado polo autor:

Un nicho para Marilyn (2002). Galaxia. 144 páxs. E edición corrixida e ampliada en 2012. Traducido ao inglés como A Niche for Marilyn, Small Stations Press, 2016.[18]

 Luar no inferno (2006). Galaxia. 242 páxs. 

Tres disparos e dous friames (2008).Galaxia. 232 páxs. 

Frank Soutelo e o manuscrito de Cabanillas (2010). LasIdeas.

Lume de cobiza (2011). Galaxia. 284 páxs. Foi traducida ao inglés.[19]Bícame, Frank (2013). Galaxia. 272 páxs.Un dente sen cadáver (2016). Galaxia. 248 páxs.

30 xaneiro 2021

Os dous de sempre de Castelao


 Título: Os dous de sempre.

Autor: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

 Esta novela, publicada por primeira vez en 1934 ( Editorial Nós), converteuse, desde a súa recuperación por Galaxia en 1967, nun dos libros preferidos polos nosos lectores, que fixeron del unha das obras de máis difusión de toda a historia da literatura galega.Os dous de sempre é a única novela de Castelao.

 É a historia de dous tipos universais, Pedriño e Rañolas, que encarnan dúas maneiras de ser de sempre. O primeiro, que ve o mundo desde a perspectiva da ra, sería quen de comer o seu pai polos pés. O segundo, que se fose rico andaría nun cabalo branco, ve o mundo desde a perspectiva alta do paxaro

. 

Pedriño, o manxador, válese do escrequenado Rañolas para encherse

 

 

 Todo París é de Rañolas

27 decembro 2020

Fóra do normal de María Reimóndez

 

TÍTULO:Fóra do normal

AUTORA:María Reimóndez (Autor/a) 

Ilustrador/a): Antonio Seijas

EDITORIAL: INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO

2ª Edición - Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017

André, igual ca os heroes da Banda Deseñada como Superman, Batman e A muller marabilla que tanto admira, vive en conflito co seu corpo e coa súa identidade. Un conflito que lle parece irresoluble ata que ao seu instituto de Teis chega Mucha das Anzas, unha rapaza de Ribadeo que, contra todo prognóstico, non se sente fóra de lugar malia a súa orixe rural e a súa forma de entender a vida allea ao contexto urbano no que se ve obrigada a inserirse. Axiña, a amizade de André e Mucha pasará a verse ampliada nunha especial Patrulla Trans, grazas a Martín e Xela, outras dúas persoas moi distintas que axudan a André a comprender que cómpre coñecer para querer. Así, por fin amparado pola súa rede afectos e pola lectura das aventuras dos heroes do cómic clásico, un camiño para a comprensión do mundo, André asumirá que para a superación dos conflitos a auténtica fortuna reside en rodearse de persoas que non teñan medo a ser quen son: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir»

Esta novela identifica os heroes e as heroínas contemporáneas entre aquelas persoas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.

A caixiña de rancores de Héctor Cajaraville

     

AUTOR:  Héctor Cajaraville

TÍTULO: A caixiña dos rancores

EDITORIAL:INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO

5ª Edición - Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil, 2015 - Recomendado pola "Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade" da Xunta de Galicia. 

A xuíza Felpeto, acabada de chegar á localidade costeira de Valdomar, revoluciona a vila coas súas orixinais sentenzas. Cando Estevo é obrigado a pasar todo o verán visitando a Chiruca, a anciá a que atropelara co seu ciclomotor, imaxina unhas soporíferas xornadas aturando as historias daquela muller que cruzara polo paso de cebra sen mirar. Pero todo cambia cando a casualidade fai que o mozo descubra un segredo que ten na súa cerna a Chiruca e que ela mesma descoñece. Coa axuda de Paula, a noiva de Estevo, o nobelo daquel misterio irase desenredando ao mesmo tempo que xorde entre os tres protagonistas unha relación tan profunda como inesperada, que pasa por riba da diferenza de idade e que demostra que a amizade verdadeira non entende de prexuízos nin de convencionalismos.

O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas

                                                     

TÍTULO: O diario violeta de Carlota.

AUTORA:O diario violeta de Carlota de Gemma Lienas.

EDITORIAL: GALAXIA, COLECCIÓN COSTA OESTE.

Un día, Carlota recibe da súa avoa a encomenda de observar o mundo cunhas lentes de cor violeta, é dicir, dende unha óptica feminista e igualitaria. Axiña vai entender, e nós con ela, que hai moitísima situacións do noso día a día que tomamos como normais cando, en realidade, son todo un exercicio de discriminación e inxustiza.
 Moito máis ca novela, moito máis ca un diario

 

19 novembro 2020

O que sei do silencio

       

Título: O que sei do silencio.

Autora: Andrea Maceiras

Editorial: Xerais, Colección Fóra de Xogoa. Finalista do Premio Raíña Lupa 2017

Reseña:  «Chámome Delia e son unha covarde. Esta é a historia de como acosamos a Silke durante os meses que estudou no noso instituto. E de como todo se nos foi das mans. Das miñas mans inútiles. E das manipuladoras mans de Xulia, Lara e Daniela. Das mans indiferentes de Marcos. Das sucias e miserables mans de Vítor. Das indecisas mans do meu irmán Iago. Diso vai este blog que acabo de abrir. Dos meses que pasei en silencio. Do que aprendín naqueles días da crueldade e da covardía. Isto é o que sei do silencio.»"O que sei do silencio" é o relato estremecedor de como Delia se converteu en acosadora pasiva dunha rapaza inocente de 3º da ESO. Historia inspirada libremente nun suceso real, afonda dende voces diversas na xénese, desenvolvemento e consecuencias dun caso de acoso escolar.

                                         

14 novembro 2020

O grupo de An Alfaya

 

TÍTULO: O grupo

AUTORA: An Alfaya

EDITORIAL: INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO E-book

XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil - Lista de Honra 2019 da OEPLI

Sentiches discriminación algunha vez polo teu aspecto, a túa orixe ou a túa orientación sexual? Serías quen de desprazarte a diario pola túa cidade nunha cadeira de rodas? Imaxinas ter un pai maltratador? Antón, Runa, Carla, Amina e Nico son adolescentes que viven en primeira persoa algunha destas situacións. Deciden acudir ao Centro Cívico do seu barrio seguindo o consello dos adultos nos que confían. Non se coñecían, mais a carón de Sandra, unha traballadora social que conduce os encontros, as súas voces álzanse de xeito testemuñal amosando a súa vulnerabilidade. Non obstante a coordinadora arrastra feridas pendentes de cicatrizar que a fan dubidar da súa capacidade profesional cando se atopa fronte ao Grupo.

08 xaneiro 2020

TÍTULO: Guernica . AUTOR:  Heliane Bernard

TRADUTORA: : Emma Lázare Rodríguez
 ILUSTRADOR: Olivier Charpentier
 Ed Kalandraka Editora.

RESEÑA:  Cun plantexamento cronolóxico, esta obra desgrana os episodios que conduciron á materialización dunha das obras da Arte Contemporánea máis famosas de todos os tempos, Entre malo e xuño de 1937, o pintor Pablo Picasso plasma toda a rabia, a impotencia e a dor que Ile causa o bombardeo sobre Guernica.
O mural foi un encargo para representar a España na Exposición Universal de París, pero converteuse nun símbolo da libertade, unha metáfora sobre o drama humano, o despropósito político e a antesala da debacle posterior, co estourido da II Guerra Mundial.
Heliane Bernard asómase á vida persoal do artista malagueño e repasa os feitos dende varios puntos de vista: aborda o complexo contexto histórico, métese na pel das vítimas da violencia, empatiza con aqueles que -como Picasso- asisten aos acontecementos dende a distancia e proxecta a conmoción que Ile causa tanta destrucción. As ilustracións de Olivier Charpentier, de trazos sobrios e audaces, xogan co simbolismo cromático: o vermello e o negro do sangre e da morte apodéranse do universo azul do pintor, dominando o seu impulso creativo.
O álbum contén un anexo con máis información sobre a historia de España na década de 1930 e unha biografía de Pablo Picasso que percorre a súa etapa parisina, a súa evolución artística e a súa obra máis universal; Heliane Bernard analiza os personaxes, elementos e composición do "Guernica" para que os lectores reflexionen sobre o seu significado: a crueza extrema dos conflictos bélicos, un berro contra a senrazón, un lenzo comprometido, que actualmente se pode visitar no Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, de Madrid.
FONTE: http://culturagalega.gal/lg3/novidade.php?Cod_prdccn=1274

25 maio 2018

Aqueles anos do Moncho

 
Autor: Xosé Neira Vilas.
Editorial: Galaxia.
Transcorre nunha aldea galega durante os anos da Guerra Civil. Todo xira arredor da existencia dun neno duns nove anos, cheo de curiosidade mais ao que lle custa entender o que acontece. Con todo, vai madurecendo e vai percibindo algo nese mundo a un tempo estreito e universal. Con tenrura e sinxeleza. Moncho vaise achegando ao que sucede ata o punto de querer incorporarse a unha loita que está máis alá das súas posibilidade.

09 febreiro 2018

Elas que din.

 Autor: Miguel Sande
Este volume recolle tres textos premiados: "Á alba pide comigo vivir", un monólogo dunha moza universitaria que queda embarazada no seu último ano de carreira. Tamén inclúe o texto "Ninguén chorou por nós", premio Rafael Dieste, estrenado en boa parte de Galicia e en Lisboa: un arrendatario histórico perde a terra que traballou toda a vida e a casa o mesmo día no que a súa filla le a tese de licenciatura na facultade. Finalmente o libro recolle unha terceira obra, "39 veces chao", un monólogo dunha muller através dun teléfono móbil; na conversa vai aparecendo a frustración dunha relación e moitas experiencias vitais.

Ulises

Autores: Lino Braxe e Ana Pontón.Ilustracións de   Xosé Cobas. Editorial: Everest Galicia.

 «Este Ulises de Ana Pontón e Lino Braxe vén ser unha adaptación humorística para o teatro escolar d’A Odisea que recrea e reinventa a obra de Homero. Un traballo conxunto que deu como resultado unha actividade moi interesante e, sobre todo,unha lectura moi divertida.» 

«Ulises e Penélope,así como o elenco que os acompaña, amosan unha imaxe diferente á das ríxidas figuras gregas ás que estamos afeitos, pero é unha imaxe que os aproxima aos lectores,tanto pola linguaxe que empregan–ocorrente, descarada e vulgar– coma por determinados comportamentos e pensamentos anacrónicos.»

«A esencia do poema épico orixinal, o seu tema e o seu argumento mantéñense nesta peza teatral»

26 decembro 2017

Reo

Autor: Xesús Fraga

Esta é a historia de Reo, un rapaz calquera dun barrio calquera.
Premio Fervanzas Literarias 2014 ao Mellor Libro de Literatura Xuvenil

Pero Reo é o rei dos graffiteiros da cidade: o que máis bombardea coa súa sinatura, o máis comprometido coa súa arte; o mellor. O graffiti é o que lle permite dar saída a todas as inquedanzas que lle bolen na cabeza. Ata que un día un misterioso rival o reta nos muros da cidade. Unha confrontación da que emerxerá transformado, aínda que non como Reo espera. Velaquí un dos argumentos da novela gañadora do Premio Raíña Lupa de Literatura Xuvenil 2013 e na que, ademáis de envolvernos nunha trama trepidante arredor de Reo, o hip hop, as bandas dos barrios e ás veces a tristeira vida cotiá de quen ten horizontes máis grandes, deita unha interesante reflexión sobre a vida dos mozos e mozas dos nosos días, sobre as súas angueiras e esperanzas.

21 decembro 2017

22 segundos


O que non se di é coma se non existise, afirmara o avó un día, e xa ía sendo hora de existir. Ata ese momento só vivira de portas para dentro. Agora xa non había marcha atrás. A cámara pedíalle que falase."Son Álex, un mozo transexual. Abro este vlog para compartir con vós a miña vida. Quen me coñeza e estea a ver este vídeo entenderá moitas cousas, ou mesmo non comprenderá –ou non quererá comprender– nada. O distinto asusta, dá vertixe porque obriga a cuestionarse tantas cousas... E por iso fago este vídeo, porque non quero ter máis medo, nin vergoña de ser quen son."Antes de que lle dese tempo a pensar, conectou a cámara co ordenador. Vinte e dous segundos. Ese foi o tempo que tardou o arquivo en subir á rede. "22 segundos" relata, en primeira persoa, anacos da infancia e adolescencia dun mozo transexual que, desde os primeiros anos sabe –sen poñerlle etiquetas– que a súa identidade de xénero non coincide co sexo que lle asignaron ao nacer. Unha obra que busca visibilizar, desde a empatía, un colectivo de persoas historicamente silenciadas e denigradas que loita por que as leis –e a sociedade– deixen de consideralas enfermas.

12 novembro 2017

Ámote Leo A. Terminal de... chegadas

Autora: Rosa Aneiros.
 «Mamá, volvo á casa. Xa.» Así lle escribe Leo á súa nai unha noite de primavera, catro meses despois do inicio da súa fascinante viaxe polo mundo. A moza non ten gana de máis. O roubo e as cascudas de Barcelona. A saia de tule de Praga. O piso do Trastévere. O Gran Canal de Venecia. O incendio da Alhambra nos ollos. O cheiro das xardas asadas de Eminonu. A mirada triste de Zerdali na Capadocia. As cobras da praza Djema-El-Fna. E, inseparable a todas as lembranzas, esa misteriosa mensaxe que aparece nos recantos máis insospeitados dos lugares que visita: Ámote Leo A. Pero esta madrugada do 11 de maio a Leo tanto lle teñen as pintadas, a morriña do vivido ou os soños aínda por cumprir. Só devece por regresar á casa. En cambio, unha sucesión de acontecementos inesperados fará que a súa vontade dea varias voltas sobre si mesma ata deixala ao bordo do precipicio. Deberá decidir entón se se atreve a dar o gran salto cara ao descoñecido. Que fará Leo nesta encrucillada? Cumprirá o seu propósito de chegar á casa o 8 de xullo, tal e como prometera? ...

Ámote Leo A. Estación de tránsito

Autora: Rosa Aneiros.
Abril de 2011. Un autobús percorre lentamente a Anatolia. No seu interior, Leo sente que lle ferve a cabeza nunha dura batalla entre os medos, as esperanzas e as dúbidas. Vai para tres meses que abandonou a súa casa coa intención de facer unha viaxe polo mundo adiante. Dispoñía de seis meses e seis mil euros para cumprir o seu soño de atravesar todas as fronteiras, as visibles e as invisibles, e converterse na Marco Polo que admiraba de cativa. Agora, nese vehículo incómodo que atravesa Turquía, Leo ten que decidir que facer. Que visitar. Con quen. Como. A rapaza bota a man á cabeza acabada de rapar e suspira. Logo das peripecias de Destino xalundes, Leo deberá superar dificultades e asumir sorpresas tan marabillosas como imprevistas no seu camiño. Haberá novas cidades, novas amizades e novas pintadas para unha viaxe que parte de cero cada día. Cales serán os seus próximos pasos? Conseguirá Leo cumprir o seu soño? Acompáñaa e déixate seducir por un mundo fascinante da man da infatigable Leo A.

Ámote Leo A. Destino Xalundes

Autora: Rosa aneiros
Catro amigos e unha gran viaxe. Este era o plan de Leo ao rematar os estudos universitarios. En cambio, todo se esborralla uns meses antes de partir, cando os seus colegas se botan atrás e Leo debe afrontar unha decisión transcendental: desistir ela tamén ou marchar soa. A encrucillada é difícil e as dúbidas afógana, pero a ansia por coñecer mundo pode máis que todos os medos. Por fin, unha mañá de xaneiro fai oídos xordos ás advertencias familiares e toma un avión con destino ao sur. Estará fóra exactamente seis meses, nin día máis nin día menos. Aquí comeza un periplo cheo de aventuras e de personaxes fascinantes no que os seus pés a levarán moito máis lonxe do que nunca imaxinara. Lisboa, Barcelona, Granada, Marrakech, O Cairo e Istambul serán as primeiras escalas desta apaixonante viaxe perseguida por unha enigmática pintada que aparece nos lugares máis insospeitados: Ámote Leo A. Quen estará detrás da misteriosa mensaxe?  Inicia así unha engaiolante triloxía na que Leo deberá resolver estas e outras incógnitas que lle deparará o camiño, para descubrir que as cousas non sempre son como as soñamos. Ás veces resultan moito mellores.

Presas Fáciles

Autor: Miguelanxo Prado.

10 de marzo de 2014, Juan Taboada, comercial do Banco Ovejero, aparece morto no seu domicilio por presunto envelenamento. Tresdías atrás ,José Manuel de la Vila,  conselleiro delegado de Bancamar, era atropelado por un coche; esa mesma tarde morría no hospital. Nun escenario onde os altos cargos que levaron ao país á quebra son recompensados con indemnizacións millonarias e a ciudadanía sofre as consecuencias da fraude bancaria pola venda de accións preferentes. A Inspectora Tabares e o inspector Sotillo deben descubrir que relación existe entre os crimes recentes e a crise financeira.

Raclette


Autor:  Santiago Cortegoso

Obra gañadora do XXII Premio Álvaro Cunqueiro de textos teatrais.
É unha obra que mestura a comedia co dramatismo, abordando temas universais desde a perspectiva da sociedade actual. Cunha sólida reflexión arredor de temas como a incomunicación, a morte, a relación de parella, a maternidade, a sobreprotección ou a violencia. Preséntanos a cinco personaxe sentados nunha mesa que compoñen un complexo mosaico humano. A partir de aí, o autor constrúe un texto caracterizado por unha inquedante estrutura dramática, dentro da que a información chega ao lector-espectador dun xeito rigorosamente dosificado, nunha liña de acción que avanza con sutil equilibrio entre a ironía e o humor corrosivo, espindo as contradicións dunha sociedade enferma que devora os seus integrantes.