Amosando publicacións coa etiqueta GCIENCIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta GCIENCIA. Amosar todas as publicacións

09 novembro 2019

Crean un videoxogo baseado no roubo do Códice Calixtino

Crean un videoxogo baseado no roubo do Códice Calixtino.

Estudantes de Comunicación e Telecomunicación da UVigo colaboran nun traballo inspirado nun relato do escritor e profesor Miguel Anxo Fernández (o detective Frank Soutelo investiga o roubo do Códice Calixtino. Este personaxe será o protagonista de Timo Calixtino).



Serán preto de 20 alumnos e alumnas de cinco materias dos graos en Comunicación Audiovisual, Publicidade e Relacións Públicas e Enxeñaría de Tecnoloxías de Comunicación participan na iniciativa que por terceiro curso consecutivo promove o grupo de innovación docente ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) co propósito de achegar ao alumnado aos procesos de traballo da industria do videoxogo. Este novo proxecto sucede ao impulsado o ano pasado coa novela Apocalipsis Z, de Manel Loureiro, e A viaxe do Elefante, en colaboración coa Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo.
As fases do proxecto: o alumnado de Videoxogos, comunicación e desenvolvemento, do grao en Comunicación Audiovisual, responsabilízase “da parte de narrativa” e ideación do xogo, debendo presentar ao remate da materia o deseño completo do xogo. Os estudantes de Tecnoloxía multimedia e computer graphics, Produción audiovisual e Programación de sistemas intelixentes, do grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, “céntranse na parte de programación”. Os tres equipos suman así mesmo estudantes da materia Comunicación alternativa: medios virtuais e novos soportes publicitarios, do grao en Publicidade e RRPP, “que achegan todo o que é o uso de redes sociais, blogs e outra serie de ferramentas para comunicar todo o que están facendo os grupos”. Exercendo nese senso como a axencia á que recorrería unha produtora real, este grupo de estudantes encargouse tanto de renovar a web do proxecto como de xestionar as redes sociais desta iniciativa.

 

‘Libro das Invasións’: a lenda de Breogán

Chega a Galicia o ‘Libro das Invasións’: a lenda de Breogán: 

Así é o manuscrito medieval que narra como os Gaels dende Brigantia conquistaron (PorEduardo Rolland-

O Libro de Leinster (Lebor Laignech) é un manuscrito medieval irlandés datado arredor do ano 1160. O manuscrito foi producido por Áed Ua Crimthainn, quen foi abade do mosteiro de Tír-Dá-Glas en Shannon, hoxe no condado de Tipperary.
A obra é capital para a xenealoxía e a mitoloxía irlandesa, xa que contén os textos fundacionais da súa identidade, como o Lebor Gabále Erenn  (‘Libro das Invasións’) e o Táin Bó Cuailnge (‘O roubo do touro de Cuailnge’). Pero o máis destacado para Galicia é o Lebor Gabále Érenn, literalmente o ‘Libro da toma de Irlanda’, coñecido como o Libro das Invasións. Aquí atopamos por primeira vez unha mención a Breogán, líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda dende o Faro de Birgantium. Séculos máis tarde, o historiador Manuel Murguía incorporaría a lenda de Breogán a tradición cultural e identitaria de Galicia. O Libro das Invasións reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

Breogán e a suposta conquista de Irlanda polos galaicos aparece en dous dos libros do Lebor Gabále Érenn.  No segundo libro, que narra a ‘Historia temperá dos Gaels’, aparece ao final Breogán, que é descendente dos primeiros Gaels. Tras vagar polo Mediterráneo xunto ao seu pobo, conquista Iberia e funda unha cidade chamada Brigantia, onde constrúe unha alta torre. Dende ela, o seu fillo Íth consegue albiscar Irlanda. Unha vez máis, estamos ante a ‘terra prometida’.
Nos seguintes capítulos da obra, os autores esquecen a Breogán e pasan a contar a historia de Irlanda en sucesivas invasións cos seus reis e dinastías. Pero o caudillo de Brigantia regresa triunfal no oitavo libro, titulado ‘Milesians’. Segundo os estudosos, este nome provén do latín ‘Miles Hispaniae’, ou ‘soldados de Hispania’ e supón un engadido dos escritores cristiáns que redactaron o ‘Libro das Invasións‘. Porque, en realidade, a obra trata de unir dous mundos: o das tradicións ancestrais gaélicas coas do orbe latino e cristián.

 Agora, a lenda de Breogán e dos Gaels que une Galicia con Irlanda regresa á terra de Brigantia. Oito séculos máis tarde, o ‘Libro das Invasións‘ volve a Galicia e, dende o vindeiro 14 de novembro, poderá verse en Compostela.

FONTE: https://www.gciencia.com/historias-gc/xa-esta-en-galicia-o-libro-de-leinster-a-lenda-de-breogan/?fbclid=IwAR2TzYDm9GuyHW-YCX-YBnuUV90xabA_ntGkZdHprpKNh747ZSV1Jk9NPcE