Amosando publicacións coa etiqueta LINGUA DE SIGNOS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LINGUA DE SIGNOS. Amosar todas as publicacións

29 setembro 2019

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 3

 Na Rebusca... febreiro de 2018:«A lingua de signos axuda aos nenos»


Cristina González Abelaira ,  filóloga nada en Castroverde, logo de completar os estudos na Facultade de Humanidades de Lugo e de ter unha estancia no Colegio de España en París, puido comprobar como faltaban estudos científicos, salvo algúns feitos desde a Universidade de Vigo, sobre a lingua de signos e a súa inclusión no sistema educativo galego. Esta profesora no CPI San Tomé do Carballo de Taboada acaba de defender en Lugo a súa tese -dirixida polos profesores da USC Modesto Rodríguez e María Luz Zas- sobre a planificación lingüística da lingua de signos na educación en Galicia. O traballo foi recoñecida con sobresaínte cum laude. Fala con paixón sobre un traballo que fixo grazas a unha bolsa predoutoral da Xunta entre os anos 2013 e 2016. 
Aquí recollemos algúns fragmentos da súa entrevista en "La Voz de Galicia"  24/02/2018. se queredes lela toda tedes o enlace na fonte de información.
(...)
-En que aspecto desta lingua se quixo centrar?
-Pois foi un enfoque émico, coa intención, xa digo, de darlles voz ás persoas xordas, e para iso foi importante documentarse con eles, graveinos, escoiteinos, coa idea de saber que pensan, e así podelo transmitir na tese. Creo que desde as Administracións non os escoitan. Por exemplo, eu son profesora de Secundaria, e chama a atención como a Lomce e os reais decretos permiten o emprego nas aulas da lingua de signos, pero no caso de Galicia non aparece, porque o que redactou o decreto non o sabía. Creo que as Administracións deben articular plans para a formación en lingua de signos dos profesionais que traballan con alumnado xordo, e fomentar maior presenza de intérpretes no centros.
-Hai moito descoñecemento...
-É que seguen a falar de conceptos como ‘xordomudo’ ou ‘linguaxe de signos’, e as persoas xordas non son mudas, emiten sons.
-Que lle pode achegar a lingua de signos a un rapaz?
-Saber conceptos de calquera lingua sempre serán positivo e mellora as competencias dos alumnos, sobre todo as comunicativas. Trátase dunha lingua visual que non aproveitamos. A de signos non é só dos xordos, non é propiedade destas persoas, senón que debería interesarnos a todos e axuda a todos os nenos.
-E é unha lingua universal?
-En España só está recoñecida a española e a catalá. Foi unha mágoa que non se intentase recoñecer a lingua de signos galega, pero desde a federación de xordos non quixeron no seu momento, cando a lei do 2007 si recoñeceu as outras dúas. En Galicia hai signos propios pero cando se aprobou a lingua española dixeron desde Madrid iso de que os signos eran feos e «pailáns». Acabaron reproducindo o mesmo que pasou coas persoas que falaban galego fronte aos castelán falantes. Por iso, agora, en Galicia, houbo un proceso de substitución lingüística. Cando fixen a tese puiden falar con informantes de idade avanzada que ao viviren en contornas illadas e que estudaron en colexios de xordos signos en galego, aínda teñen as expresións propias.
(...)

Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2018/02/24/span-langgl-lingua-signos-axuda-aos-nenosspan/0003_201802L24C12991.htm

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 2

 CONTINUAMOS:
"SITUACIÓN DE RECESIÓN"
Pero a situación de involución da lingua de signos galega non debería sorprender agora a ninguén. González Abelaira lembra que xa "no ano 2008, no que se edita a revista As nosas mans, un ano despois do recoñecemento oficial de dúas linguas de signos españolas, a LSE e a LSC, xa se considera a situación de recesión á que está condenada a LSG, pola crecente presenza da LSE en todo o ámbito estatal e dentro da comunidade xorda e polo seu recoñecemento por parte da comunidade oínte".
Ademais, o asociacionismo dende Galicia con outros colectivos xordos de España determinou "unha maior uniformidade lingüística, en detrimento das formas de cada territorio", aporta a profesora da USC.
En Galicia existiu unha lingua de signos diferente a outras na Península Ibérica e aínda que todavía é unha lingua viva, pódese considerar en perigo de extinción. O certo é que nós, tras facer unha busca en Google sobre "lingua de signos galega" só recibimos 702 resultados no maior motor de busca de información que existe; unha proba máis da precaria saúde da LSG.
Himno galego en lingua de signos galega:



  González Abelaira, C. (2016). Unha lingua de signos galega? Estud. lingüíst. galega, 8, pp. 89-106. DOI: http://dx.doi.org/10.15304/elg.8.3065
FONTE: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/33312-lingua-signos-galega-condenada-desaparecer

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 1

“A lingua de signos galega está condenada a desaparecer”, este era o titular que publicaba Galicia Confidencial o 12/08/2016. 

Reproducimos parte do contido da publicación: 

Cristina González Abelaira, profesora da Universidade de Santiago, alerta de que "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento" e explica o proceso de imposición do sistema en español. Pola contra, en Cataluña gozan da súa propia lingua de signos, recoñecida oficialmente.

 No Estado español só existen dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente: a castelá e a catalá. Logo dunha reivindicación histórica por parte do colectivo xordo, a lexislación admitiu a existencia destas dúas linguas de signos. A Lei 27/2007, do 23 de outubro, recoñece estas dúas linguas e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, así como o dereito a aprendelas e usalas xunto con outros medios de comunicación orais. Porén, o galego segue inédito no sistema de linguas de signos recoñecidas oficialmente. Por isto, Cristina González Abelaira, profesora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pregúntase se é posible o recoñecemento oficial dunha lingua de signos galega (LSG) e alerta de que esta variedade "está condenada a desaparecer" pola falla de apoio. (...)

González Abelaira sentenza que se pode afirmar que "o que sucedeu en Galicia coas linguas orais, entre o castelán e o galego, reproduciuse coas linguas de signos, xerando así unha relación asimétrica entre a lingua de signos maioritaria, a española, e as outras variedades, neste caso, a galega".(...)  "Os signos propios da lingua de signos galega ou LSG foron considerados signos antigos e foron desprezados fronte a outros máis innovadores chegados da capital",
"A oralización en castelán foi froito dunha planificación que tiña como eixo principal o monolingüismo e como protagonistas os educadores e outros profesionais, na súa maioría oíntes. Nunha segunda fase, é o colectivo xordo o que se erixe como protagonista do proceso, pero en Galicia séguese a proposta que a CNSE [Confederación Estatal de Personas Sordas] lidera en Madrid", explica a autora do artigo.
Entre os criterios que conducen á recesión da variedade galega, sitúa en primeiro lugar o cambio de modelo educativo que se desenvolveu en Galicia, ó igual que no resto de España, a partir da publicación da LOXSE en 1990. "A inclusión do alumnado xordo en centros ordinarios supuxo a súa dispersión en diferentes colexios e, polo tanto, a desmembración da comunidade signante formada ó redor das escolas. Este factor e, en xeral, o proceso planificador descrito foi o que ocasionou a súa recesión". (...)

O caso galego contrasta coa boa saúde da que goza a lingua de signos catalá, oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir da publicación do seu Estatuto de Autonomía. Ademais, foi reforzada coa Lei 17/2010, de 3 de xuño, da lingua de signos catalá (LSC). "Porén, nin no ámbito autonómico, nin no estatal se recoñeceu oficialmente unha lingua de signos galega", advirte Cristina González Abelaira.
"Todo apunta a que a diferenciación soamente de dúas linguas de signos no Estado español non atende a criterios lingüísticos internos, senón máis ben políticos e sociais", denuncia a profesora de Lingüística, baseándose nunha análise histórica e émica do proceso de planificación lingüística en Galicia a través dunha metodoloxía etnográfica, o cal "permite observar como se organizou a diversidade lingüística na comunidade e lévanos a concluír que tras a oralización en castelán do colectivo xordo, buscouse unha uniformización lingüística que conduciu á falta de recoñecemento das diferentes variedades lingüísticas, entre elas a galega.
Segundo esta experta, a oficialidade que a Lei 27/2007 outorga á LSE en Galicia e no resto de España, agás en Cataluña, "deu lugar á asimilación lingüística das variedades minoritarias, entre elas a galega, á variedade lingüística española, a cal acadou un novo status e maior prestixio".
CONTINÚA...

14 de xuño. DÍA NACIONAL DA LINGUA DE SIGNOS

Xa, xa sei... pero aínda que pasou o día, NON PASOU A ROMARÍA!
Coas súas palabras:
No día no que se celebra o “Día Nacional da Lingua de Signos” o CPI "As Mirandas" de Ares,  conseguíu a Mención Honorífica na III edición do Concurso “Cantamos coas mans”, coa canción "O fío do que pendo" da cantautora galega  MJ Pérez. Parabéns a todas as rapazas e rapaces que interpretaron maxistralmente o videoclip e a todo o equipo que está detrás deste traballo, especialmente á nosa intérprete de lingua de signos Luísa Lombardero, xa quen sen ela isto non sería posible.



Moitas Grazas pola vosa voz!!!! 

TERRA - Videoclip en lingua de signos

Á REBUSCA!!!
O día 27 de maio de 2014 a comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela-GALIZA), despois dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar, rematou a gravación do Videoclip en Lingua de Signos TERRA. TERRA, con música do grupo galego DAKIDARRÍA, é un canto de amor a Galiza, ás súas aldeas, barrios, vilas e cidades, ao seu mar e ao seu campo... á Terra. O canto ceibe dun pobo que chama a mocidade activa a berrar e a facer camiño. Unha música que como o vento rebelde que vén de lonxe, clama por unha sociedade aberta que saiba ESCOITAR, APRENDER e COMPARTIR. Foi este o lema que engaiolou á comunidade educativa do IES Chapela e que conseguiu xuntar as enerxías do IES Audiovisual de Vigo no proxecto "Escoitando a Terra", seleccionado neste curso como "excelente" pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.




Cando un grupo de alumnas e alumnos do IES Chapela propuxo ao EDLG do Centro a realización dun videoclip en Lingua de Signos, todo confluíu. A música, Galiza, a lingua galega, os dereitos das persoas xordas. TERRA pretende achegar á mocidade de Chapela e da comarca de Vigo unha lingua que día a día perde falantes entre a xente nova, mais tamén quere visibilizar a realidade dun sector da poboación que non oe, pero que escoita, e sobre todo quere ser escoitado. Na defensa da nosa lingua, por unha sociedade que teña en conta as nosas diferenzas en busca da igualdade, aquí está TERRA. Na gravación implicáronse activamente máis de 250 persoas. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais... que quixeron neste VIDEOCLIP apoiar os dereitos das persoas xordas e dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro... precisa de nós. No making-of do videoclip (http://youtu.be/HuNzW9iLKzg) podes ver o traballo de preparación e gravación do vídeo e a implicación que tivo toda a comunidade educativa do IES de Chapela. AVANTE COS DEREITOS DAS PERSOAS XORDAS! AVANTE COA LINGUA GALEGA! Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela Chapela, 24 de xuño de 2014 http://oberete.blogaliza.org

Por ti recuperei este tesouro!!