Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 1º BACH. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 1º BACH. Amosar todas as publicacións

27 novembro 2022

Lourenço xograr

 

AUTOR: Manuel Portas.

EDITORIAL: Galaxia. Premio García Barros 2015.

Mediado o século XIII, Lourenço, un rapaz, un humilde vilán, soña con ser trobador. Como xograr do cabaleiro Joam García de Guilhade, buscará fortuna nas cortes peninsulares no empeño de que a súa arte sexa recoñecida polos escritores contemporáneos. Nin as burlas, nin os desprezos clasistas, nin as penalidades das continuas viaxes, nin sequera as descualificacións sobre os seus dotes literarios conseguirán vencer a súa férrea vontade. Unha morea de poetas, moitos deles nobres sen diñeiro, pululan polas cortes á procura do favor do rei. Eles non van consentir que un vulgar xograr, un aprendiz de ferreiro, fillo dun soldado anónimo e dunha simple cociñeira, poida equipararse a eles. Por se fose pouco, o mozo é de carácter namoradizo e arrastra desde a adolescencia unha historia de amor coa filla dunha das familias máis sobranceiras da época.
O apaixonante e convulso mundo medieval en que se desenvolve a lírica galego-portuguesa, as intrigas palacianas, as batallas, os asaltos a castelos na guerra civil que sacode o reino de Portugal, convértense no pano de fondo para o devalar biográfico do protagonista

A arte de trobar

AUTOR: Santiago Lopo.

TÍTULO: A arte de trobar.

EDITORIAL: Xerais.    Premio Xerais de Novela, 2017
No século XIII, unha "troupe" de artistas itinerantes procedentes de Galicia percorre os reinos do Camiño de Santiago. É un momento de cambio político, cultural e lingüístico nunha Europa inmersa en cruentas loitas de poder. As persecucións relixiosas e as ansias expansionistas coinciden co auxe das cantigas galego-portuguesas e co declive da lírica provenzal. Un códice oculto, a Inquisición, a herexía cátara e os segredos da alquimia uniranse ás cantigas medievais para conformar unha engaiolante trama nunha novela con grandes doses de intriga."A arte de trobar" é unha novela luminosa, escrita con felicidade e coñecemento, que non renuncia ao humor.

21 novembro 2022

Agosto do 36. Xosé Fernández Ferreiro

TÍTULO: Agosto do 36.
AUTOR: Xosé Fernández Ferreiro. 

EDITORIAL: XERAIS, COLECCIÓN LITERARIA. 

 Agosto do 36, "unha novela tensa e violenta" -en palabras do seu autor-, narra un "paseo" protagonizado por catro falanxistas e do que foron víctimas, nos primeiros días da Guerra Civil, unha parella de mestres rurais. É unha crónica dunha morte anunciada na que o autor escolle a voz colectiva dos veciños para contar os verdadeiros móbiles e antecedentes dun crime que tiña máis de vinganza persoal premeditada e liquidación de vellas xenreiras entre familias que de asunto político.

Sanson Troleyro, de Enrique Vázquez Pita.

 TÍTULO: Sansón Troleyro, Estudante de pan e sardiña.

AUTOR: Enrique Vázquez Pita. 

ED. XERAIS, COL. FÓRA DE XOGO.

 Sansón Troleyro, estudante de Medicina, posiblemente sexa o veciño máis intelixente e espelido de Santiago en 1672. Pero ninguén recoñece a súa agudeza. O seu señor, o colexial don Baltasar, obrígao a compoñer poemas, móeo a couces e trátao coma un can. O bacharel Sansón tamén ten enredos coa Inquisición, que o persegue porque disque é bisneto dunha meiga de Cangas e porque lles anda a vender herbas da risa aos peregrinos. Os seus profesores e compañeiros téñeno por burricán e búrlanse das súas novas teorías sobre a circulación do sangue. Ademais, Troleyro vive atormentrado polo sospeitoso pasado da súa familia de menciñeiros e curandeiros, pese a que el interésanlle mñías as ciencias e a razón que ilumina Europa. É un inadaptado, un rebelde fóra de tempo e lugar que ve como a vida pasa e se lle escorre entre as lecturas prohibidas polo Santo Oficio. Pero grazas ao seu enxeño e a novos aparellos como o microscopio gaña fama pola súa agudeza para resolver crimes e salvar a vida de inocentes, que non de doentes.

02 abril 2021

Red Lion de María Alonso Alonso

 

TÍTULO: Red Lion.

AUTORA: María Alonso Alonso.

EDITORIAL:Galaxia.

Lolita Dinamita iluminou a cicatriz que atravesaba o seu rostro cun sorriso de satisfacción cando se decatou de que CaraDeTolo enviara un dos seus para facerse co control da venda de droga na zona. Sabía que chegara o momento que tanto esperara. Acompañada por un grupo de malnacidos, cuxas vidas xa viñan arruinadas de serie, Lolita Dinamita volve a un pasado que doe, a un lugar en estado de excepción onde se practica todo tipo de abusos de xeito sistemático e baixo a máis total e absoluta das impunidades.

Red Lion lévanos a unha cidade calquera, a un arrabaldo onde emerxe o lado máis miserento da sociedade durante as vertixinosas horas en que unha muller decide darlle un envorco á súa vida para tomar a vinganza pola súa man. Centos de vidas truncadas, milleiros de historias silenciadas, corpos aldraxados, espíritos violentados. Morte, corrupción, vicio. A cara máis escura da humanidade quedara oculta baixo un limoeiro no patio traseiro do que no seu día fora un dos lugares máis famosos do país.
 
ETIQUETAS: NOVELA NEGRA ( volvendo ás raíces clásicas mais sen deixar de verse influenciada pola moda nórdica).

Apocalipse Z. A ira dos xustos de Manuel Loureiro

TÍTULO: Apocalipse Z. A ira dos xustos.

AUTOR: MANUEL LOUREIRO.

EDITORIAL: URCO. 

 Nun mundo devastado por unha apocalipse zombi no que os poucos sobreviventes resisten como poden , atopar un enorme patroleiro tripulado por impolutos mariñeiros resulta, cando menos, estraño. Porés non é ouro todo o que reloce e toda sociedade agocha lixo baixo da alfombra.

A un tempo, quen ía dicir que un país enteiro sobreviviría ás mareas de Non Mortos? Mais así é, Corea do Norte agarda, intacta a que pase a furia da tempestade vírica para se facer ama e señora do mundo, agora xa non hai gobernos que se opañan ao seu avance.

Os protagonistas das anteriores entregas de Apocalipse Z mergullaranse na meirande lea que nunca virion e, alén de se enfrontar aos xa típicos mortos viventes, terán que se ver as caras con ianquis fanáticos cristiáns, neonazis, un exército coreano e unha revolta de escravos a piques de estoupar.

Velaquí a derradeira e a máis trepidante entrega da mundialmente famosa serie Apocalipse Z.

 Etiquetas: Ciencia Ficción, Distopía, Narrativa, Terror.

Apocalipse Z. Os días escuros de Manuel Loureiro

 

TÍTULO: Apocalipse Z. Os días escuros.

AUTOR: MANUEL LOUREIRO.

EDITORIAL: URCO.

Segunda entrega.despois de  Os superviventes de Apocalipse Z. O comezo da fin conseguen finalmente chegar ás illas Canarias, unha das últimas zonas libres de Non Mortos. Porén, o que alí van atopar é un estado militar nun ambiente de pre-guerra civil e cunha poboación sen apenas recursos para sobrevivir.

Modifícanse os espazos galegos que se acobillaban na primeira entrega –O comezo da fin–  para ceder protagonismo, coas mesmas doses de calidade, divertimento e tensión, ao deseño dun Madrid apocalíptico.

 Etiquetas: Ciencia Ficción, Distopía, Narrativa, Terror.

Apocalipse Z. O comezo da fin de Manuel Loureiro.


 TÍTULO: Apocalipse Z. O comezo da fin.

AUTOR: MANUEL LOUREIRO.

EDITORIAL: URCO. 

A colección Apocalipse Z reúne as tres novelas do pontevedrés Manel Loureiro, encadradas no xénero post-apocalíptico zombi, traducidas á nosa lingua.

Que acontecería se un día ao te ergueres descubrises que a civilización está a se caer en pedazos?
Iso é o que lle sucede ao protagonista de Apocalipse Z. O comezo da fin, un avogado que leva unha vida tranquila e rutineira en Pontevedra, até que un escuro incidente nun afastado país do Cáucaso provoca unha epidemia de proporcións devastadoras que ameaza con aniquilar a toda a humanidade da face da terra. A medida que a enfermidade se achega devorando país tras país, o caos comeza a estar presente tamén na Galiza.
Urco Editora presenta para o público galego a tradución desta novela de terror zombi, éxito de ventas mundial, que se completa coa publicación das seguintes partes: Apocalipse Z. Os días escuros e Apocalipse Z. A ira dos xustos

  Etiquetas: Ciencia Ficción, Distopía, Narrativa, Terror.

01 abril 2021

Sangue 12 de Cris Pavón

 

TÍTULO: Sangue 12.

AUTORA: Cris Pavón.

EDITORIAL: Urco, Alcaián.
Fábula vampírica que conxuga fíos de feminismo, tecnoloxía e literatura para tecer a historia do delongado transo adolescente da protagonista, unha rapaza que asume os propios devezos e constrúe unha identidade vista como aberrante polos demais.

Os séculos XIX e XXI, coa primeira revolución industrial e o ciber-arestora, únense neste texto de feitura ‘bizarra’, dacabalo entre Galicia e Inglaterra, onde se mestura o real e o fantástico, onde o soño da razón produce monstros.

FONTE: https://crispavon.com/sangue-12/ 

 Etiquetas: Fantasía, Narrativa, Terror.  

23 marzo 2021

Lume de cobiza

TÍTULO: LUME DE COBIZA.

AUTOR: MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ.

EDITORIAL. GALAXIA. 

Logo da súa peripecia de sabuxos nos depravados ambientes de Hollywood, Frank Soutelo regresa para afrontar o seu primeiro caso en Galicia. Un mozo acaba de morrer e a súa familia sospeita que o pasamento foi inducido. Coa axuda do ex-garda civil Poncio e da moza Dalia Maxino, Soutelo rematará por mergullarse no mundo do ladrillo e da especulación, entre a vaga de lumes que arrasa o país no verán de 2006.

Bícame Frank de Miguel Anxo Fernández

 

TÍTULO: Bícame Frank

AUTOR: Miguel Anxo Fernández

EDITORIAL: Galaxia

Todo comeza co roubo do manuscrito de “Vento mareiro”, de Cabanillas, e despois co dun valioso papiro exipcio vinculado ás revoltas da primavera árabe. Demasiada xente quere o papiro, ao prezo que sexa… Soutelo sospeita que todo ten que ver coa aparición dun cadáver sen mans na praia da Lanzada. Coa súa retranca característica.

 

 

 FONTE: https://www.wikiwand.com/gl/Miguel_Anxo_Fern%C3%A1ndez_Fern%C3%A1ndez#/Ficci%C3%B3n

  Saga de Frank Soutelo, detective creado polo autor:

Un nicho para Marilyn (2002). Galaxia. 144 páxs. E edición corrixida e ampliada en 2012. Traducido ao inglés como A Niche for Marilyn, Small Stations Press, 2016.[18]

 Luar no inferno (2006). Galaxia. 242 páxs. 

Tres disparos e dous friames (2008).Galaxia. 232 páxs. 

Frank Soutelo e o manuscrito de Cabanillas (2010). LasIdeas.

Lume de cobiza (2011). Galaxia. 284 páxs. Foi traducida ao inglés.[19]Bícame, Frank (2013). Galaxia. 272 páxs.Un dente sen cadáver (2016). Galaxia. 248 páxs.

30 xaneiro 2021

Os dous de sempre de Castelao


 Título: Os dous de sempre.

Autor: Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

 Esta novela, publicada por primeira vez en 1934 ( Editorial Nós), converteuse, desde a súa recuperación por Galaxia en 1967, nun dos libros preferidos polos nosos lectores, que fixeron del unha das obras de máis difusión de toda a historia da literatura galega.Os dous de sempre é a única novela de Castelao.

 É a historia de dous tipos universais, Pedriño e Rañolas, que encarnan dúas maneiras de ser de sempre. O primeiro, que ve o mundo desde a perspectiva da ra, sería quen de comer o seu pai polos pés. O segundo, que se fose rico andaría nun cabalo branco, ve o mundo desde a perspectiva alta do paxaro

. 

Pedriño, o manxador, válese do escrequenado Rañolas para encherse

 

 

 Todo París é de Rañolas

27 decembro 2020

Fóra do normal de María Reimóndez

 

TÍTULO:Fóra do normal

AUTORA:María Reimóndez (Autor/a) 

Ilustrador/a): Antonio Seijas

EDITORIAL: INFANTIL E XUVENIL>FÓRA DE XOGO

2ª Edición - Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2017

André, igual ca os heroes da Banda Deseñada como Superman, Batman e A muller marabilla que tanto admira, vive en conflito co seu corpo e coa súa identidade. Un conflito que lle parece irresoluble ata que ao seu instituto de Teis chega Mucha das Anzas, unha rapaza de Ribadeo que, contra todo prognóstico, non se sente fóra de lugar malia a súa orixe rural e a súa forma de entender a vida allea ao contexto urbano no que se ve obrigada a inserirse. Axiña, a amizade de André e Mucha pasará a verse ampliada nunha especial Patrulla Trans, grazas a Martín e Xela, outras dúas persoas moi distintas que axudan a André a comprender que cómpre coñecer para querer. Así, por fin amparado pola súa rede afectos e pola lectura das aventuras dos heroes do cómic clásico, un camiño para a comprensión do mundo, André asumirá que para a superación dos conflitos a auténtica fortuna reside en rodearse de persoas que non teñan medo a ser quen son: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir»

Esta novela identifica os heroes e as heroínas contemporáneas entre aquelas persoas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.

08 xaneiro 2020

Ollos de auga



TÍTULO: Ollos de auga.
AUTOR: DOMINGO VILLAR.
EDITORIAL: GALAXIA .
RESEÑA: novela coa que Domingo Villar iniciou a súa andaina na narrativa policial en galego. Protagonizada polo inspector Caldas, esta obra salienta por combinar suspense, personaxes orixinais, ambiente urbano e humos nas doses precisas que esixe o xénero negro. Un novo autor para a literatura galega e unha novela na que lectura e diversión son sinónimos.
Na torre da illa de Toralla, en plena ría de Vigo, aparece o cadáver dun saxofonista. O asasinato, dunha crueldade e sangue frío inusitados, vai ser investigado por Leo Caldas, inspector de policía que busca o seu lugar no mundo e que, ademais do seu traballo na comisaría, intervén nun consultorio radiofónico ao que os cidadáns se achegan coas queixas máis diversas. O seu axudante, Rafael Estévez, é un aragonés destinado na cidade, un elemento estraño en terra hostil cun carácter demasiado impetuoso para os seus novos veciños. O caso desenvolverase entre o ambiente cálido e nocturno dos clubs de jazz e a atmosfera tensa e afectada da alta burguesía viguesa.
Novela policial salferida de humor e con grandes doses de suspense, Ollos de auga sitúa ao seu autor na liña de escritores que, coma Andrea Camilleri e Henning Mankell, renovan o xénero negro desde Europa cunha obra na que o interese da narración se ve acrecentado por unha visión crítica da sociedade. Na obra de Domingo Villar conviven certa melancolía coa ledicia da música e o viño branco. Unha historia de misterio zarrapicada de ironía, unha intriga retranqueira, unha novela negra en cores.

A praia dos afogados

 
AUTOR: DOMINGO VILLAR.
TÍTULO: A praia dos afogados
RESEÑA: Despois do éxito de Ollos de auga, Domingo Villar preséntanos esta apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo.
A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos.

O bebedor de rakia


AUTOR:XESÚS MANUEL MARCOS
TÍTULO: O bebedor de rakia.
EDITORIAL: XERAIS.
RESEÑA: Branca sabe que na entrada do xulgado ten que pedirlle algo moi difícil á súa cuñada Chelo. O futuro de Alberte está en xogo. Mentres, no silencio espeso do calabozo, quen fora soldado profesional, especialista en transmisións, rememora a experiencia vivida quince anos antes, cando formou parte das tropas da misión española na guerra de Bosnia. A fame, a sucidade, o frío, o alcohol, a crueldade, a brutalidade, a violencia, a morte foron experiencias que abriron en Alberte unha ferida desas que non sollan, a da marca profunda do medo, esa cicatriz pola que supura o suor da carraxe. Des que regresou daquel inferno, Alberte converteuse nun auténtico alieníxena, refractario a todo sentimento; dende entón, lembrar é a súa única manifestación de valentía.

09 novembro 2019

Scórpio de Ricardo Carvalho Calero

Esta novela longa do profesor Ricardo Carvalho Calero foi publicada na súa primeira edición por Sotelo Blanco (Santiago, 1987) e desde a súa aparición xa foi obxecto de numerosas reimpresións. A este éxito editorial non son alleos feitos como a concesión do “Premio da Crítica Española para narrativa en galego” na convocatoria do ano 1988, ou a extraordinaria acollida que tivo a obra entre o público lector e a crítica especializada. Sen ir máis lonxe, na entrada da GEG, Kathleen N. March considera que Scórpio é a súa obra maestra.Tres décadas máis tarde, a Através Editora publica de novo o libro.


TÍTULO: Scórpio
AUTOR: Ricardo Carvalho Calero

Trátase dunha novela ambiciosa e de delongada elaboración que, a partir de elementos claramente autobiográficos, constrúe o relato dunha época histórica perfectamente delimitada. Este período abrangue os vinteoito anos da vida de Rafael Martínez Pinheiro, alcumado “Scórpio”, desde 1910 ata 1938, deténdose principalmente nos anos da República e da Guerra Civil. O antes e o despois extradiexéticos son a penas referencias tanxenciais á narración. A historia transcorre nun espacio igualmente ben preciso, concretamente nas cidades de Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte, e na segunda coa acción localizada en Madrid, Valencia, Andalucia e Barcelona. Así pois, Scórpio ocúpase dunha importante etapa histórica para o noso País, aquela que vai desde principios de século ata a guerra civil española, sempre desde a perspectiva do propio biografiado, retratando a sociedade da época, as familias, as mulleres, os costumes universitarios e ata chegarmos aos aspectos parciais do conflicto bélico.
A novela tamén é útil para coñecermos o período que vai desde a infancia ata o remate da guerra civil española na vida do propio Carvalho. O propio autor, e á vez grande crítico literario, confesa que a novela é unha verdadeira saga, unha verdadeira narración épica que presenta o destino da xeración que fixo a guerra. Tamén engade que non se trata dunha novela autobiográfica no plano formal, senón dunha novela heterobiográfica, por seren os biógrafos de Scórpio persoas exteriores ao propio personaxe. Con todo, Carvalho admite que hai moitos aspectos autobiográficos no personaxe principal, sobre todo na narración das escenas de guerra en Madrid, pero tamén os habería en Salgueiro en relación coa súa actividade universitaria, ou en menor medida en personaxes como Barreiro e Casado, e inclusive habería cousas do autor en case tódolos personaxes masculinos e femininos que aparecen na novela.
A novela tamén podería ser interpretada desde unha perspectiva sociolóxica debido á impresionante galería de personaxes, ambientes e situacións que literaturiza. Ou nunha clave mítico-simbólica, podendo apreciar a historia de Scórpio como unha viaxe heroica en tres partidas, as dúas primeiras a Santiago e a Salamanca, con regreso, e a terceira sen regreso en dirección ao oriente mítico, ao leste, Madrid, Valencia, Andalucia e finalmente Barcelona (indicios suficientes para autorizar esta lectura simbólica do proceso heroico-tráxico do pobo galego).

Infamia de Ledicia Costas

TÍTULO: Infamia.

 AUTORA: Ledicia Costas.

EDITORIAL: Xerais

SIPNOSE:

Emma Cruz é avogada e profesora de Dereito Penal. Trasládase a Merlo para impartir clases na Universidade, sen saber que ese lugar está marcado pola desgraza. A súa chegada coincide co 25 aniversario da desaparición das irmás Giraud, dúas nenas ás que semella que tragou a terra. Emma axiña descubrirá que os habitantes de Merlo gardan segredos inconfesables, algúns deles imposibles de dixerir. Que foi das irmás Giraud? Están mortas? Se é así, quen as asasinou? Onde están agochados os seus corpos?Infamia é un thriller psicolóxico onde nada é o que parece. Unha novela de ritmo vibrante que agarra o lector e o conduce aos sumidoiros da condición humana. Unha historia de amor, odio e loucura. Fiel á súa escrita, Ledicia Costas é quen de explorar o máis recóndito da alma humana ofrecéndonos unha novela poderosa e adictiva.

Os días felices de Benvido Seixas: Eduard Velasco

 TÍTULO: Os días felices de Benvido Seixas.

 AUTOR:Eduard Velasco.

 EDITORIAL: XERAIS

 Sinopse:
Bienvenido queda sen tabaco e acaba nun centro sociocultural contrario aos seus intereses de clase. Un home coma el nunca entraría nun sitio coma ese, pero tampouco acabaría pasando a noite con Mariña, a camareira activista que lle serviu a primeira copa de moitas. Desenfreados pola paixón, durante un ano viaxarán por Galicia (das Rías Baixas ao Courel), explorarán os límites dos corpos e as fronteiras das súas conviccións e xogarán coas identidades ata transformárense en persoas insospeitadas nas súas vidas anteriores, para incomprensión e hilaridade do seu círculo máis próximo. Pero quen non estaría disposto a traizoar a memoria familiar para seguir a chamada do desexo? "Os días felices de Benvido Seixas" é unha novela retranqueira, irónica, divertidísima, que enreda cos tópicos da cultura galega para facer un brinde a favor do humor.

30 outubro 2019

Historias de Oregón


                                                 
AUTOR: DIEGO AMEIXEIRAS.
TÍTULO: HISTORIAS DE OREGÓN.
EDITORIAL: XERAIS.
FICHA EDITORIAL: Diana Maroto, unha moza brasileira de vinte anos, desaparece en Oregón. A policía búscaa sen éxito ata que un equipo de mergulladores atopa o seu corpo a tres quilómetros da ponte do Bibei, desde onde fora tirada ao río tras ser apuñalada. A súa compañeira, Camelia V.P. encóntrase unha vez ao mes cun construtor no motel Trópico. A doutora Carme M. T. esfórzase por atopar as palabras axeitadas cando Rafael B.D. se presenta na súa casa cun ramo de rosas para expresarlle a súa admiración. Aurora P.G., unha doante cero positivo, sofre cada noite a violencia do seu home. Os membros da brigada antiinciendios enfróntanse a esa nube sucia que percorre a ladeira do monte. Eis algunhas das historias que se mesturan nos límites de Oregón,  ese lugar sombrío debuxado pola precariedade e os proxectos truncados pola sorte adversa. Vidas cruzadas de personaxes que viven nas marxes, tramas paralelas que conforman un mosaico incompleto, aínda que representativo das maiores inxustizas e contradicións das sociedades urbanas do noso tempo.