09 novembro 2019

Scórpio de Ricardo Carvalho Calero

Esta novela longa do profesor Ricardo Carvalho Calero foi publicada na súa primeira edición por Sotelo Blanco (Santiago, 1987) e desde a súa aparición xa foi obxecto de numerosas reimpresións. A este éxito editorial non son alleos feitos como a concesión do “Premio da Crítica Española para narrativa en galego” na convocatoria do ano 1988, ou a extraordinaria acollida que tivo a obra entre o público lector e a crítica especializada. Sen ir máis lonxe, na entrada da GEG, Kathleen N. March considera que Scórpio é a súa obra maestra.Tres décadas máis tarde, a Através Editora publica de novo o libro.


TÍTULO: Scórpio
AUTOR: Ricardo Carvalho Calero

Trátase dunha novela ambiciosa e de delongada elaboración que, a partir de elementos claramente autobiográficos, constrúe o relato dunha época histórica perfectamente delimitada. Este período abrangue os vinteoito anos da vida de Rafael Martínez Pinheiro, alcumado “Scórpio”, desde 1910 ata 1938, deténdose principalmente nos anos da República e da Guerra Civil. O antes e o despois extradiexéticos son a penas referencias tanxenciais á narración. A historia transcorre nun espacio igualmente ben preciso, concretamente nas cidades de Ferrol, Santiago e Salamanca na primeira parte, e na segunda coa acción localizada en Madrid, Valencia, Andalucia e Barcelona. Así pois, Scórpio ocúpase dunha importante etapa histórica para o noso País, aquela que vai desde principios de século ata a guerra civil española, sempre desde a perspectiva do propio biografiado, retratando a sociedade da época, as familias, as mulleres, os costumes universitarios e ata chegarmos aos aspectos parciais do conflicto bélico.
A novela tamén é útil para coñecermos o período que vai desde a infancia ata o remate da guerra civil española na vida do propio Carvalho. O propio autor, e á vez grande crítico literario, confesa que a novela é unha verdadeira saga, unha verdadeira narración épica que presenta o destino da xeración que fixo a guerra. Tamén engade que non se trata dunha novela autobiográfica no plano formal, senón dunha novela heterobiográfica, por seren os biógrafos de Scórpio persoas exteriores ao propio personaxe. Con todo, Carvalho admite que hai moitos aspectos autobiográficos no personaxe principal, sobre todo na narración das escenas de guerra en Madrid, pero tamén os habería en Salgueiro en relación coa súa actividade universitaria, ou en menor medida en personaxes como Barreiro e Casado, e inclusive habería cousas do autor en case tódolos personaxes masculinos e femininos que aparecen na novela.
A novela tamén podería ser interpretada desde unha perspectiva sociolóxica debido á impresionante galería de personaxes, ambientes e situacións que literaturiza. Ou nunha clave mítico-simbólica, podendo apreciar a historia de Scórpio como unha viaxe heroica en tres partidas, as dúas primeiras a Santiago e a Salamanca, con regreso, e a terceira sen regreso en dirección ao oriente mítico, ao leste, Madrid, Valencia, Andalucia e finalmente Barcelona (indicios suficientes para autorizar esta lectura simbólica do proceso heroico-tráxico do pobo galego).

Ningún comentario: