Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 1º ESO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Lecturas 1º ESO. Amosar todas as publicacións

03 marzo 2021

A nena do vestido de flores de Manuel Fontemoura

 

Título: A nena do vestido de flores

Autor: Manuel Fontemoura.

Editorial: Aira.

Dania Vitoria é unha nena de once anos con dous ollos, dúas pernas, dous brazos, unha cabeza… vaia, o normal. Mais quen quere ser normal? Dania Vitoria é tamén unha nena Asperger. Asperger? Vaia palabra tan rara e tan mal entendida!
Velaquí a historia dunha nena dotada dunha grande imaxinación para quen todos os días teñen a súa propia aventura.
Unha novela tenra e chea de vitalidade que trata, coas ferramentas da ficción, as vivencias das nenas e nenos con Trastorno do Espectro Autista e das súas familias hoxe en día.
Coa compra deste exemplar fas unha doazón de 1 euro á Asociación Limisi para a promoción das persoas con diversidade funcional.
Ademais, doas tamén 1 euro para o Grupo de Teatro Aneis.
 
 
Aquí poderás ver a entrevista que lle fixeron a Maruxa, a rapaza que dá vida á protagonista desta novela, e ao seu autor.
 

24 outubro 2020

PEPE CARREIRO AUTOR DE BANDAS DESEÑADAS E A NORMALIZACIÓN DO GALEGO (II)

 

COMPOSTELA, A HISTORIA DUNHA LENDA.

Autor: Pepe Carreiro.

Editorial: ToxosOutos. Galicia, 2003
Textos en galego, castelán, inglés, francés

 

Historia da capital de Galicia "desde os albores da suposta descoberta do sepulcro do Apóstolo Santiago até o alzamento militar de 1936". Obra de Pepe Carreiro co asesoramento histórico de Clodio González Pérez.

PEPE CARREIRO AUTOR DE BANDAS DESEÑADAS E A NORMALIZACIÓN DO GALEGO (I)

 PEPE CARREIRO É AUTOR DE BANDAS  DESEÑADAS:

“Se se fai ben, o cómic pode ser un cabalo de Troia para introducir o galego en ambientes hostís”Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/04/2018 | Actualizada ás 08:35 (Entrevista).

 Pepe Carreiro traballou de debuxante e director de arte en varias axencias de publicidade de Vigo, fundou con outros socios unha axencia e ten un estudo propio desde os anos 90. Fundou as revistas Can sen Dono e XO! "; publicou dous libros de humor gráfico: Fraga na Galiza (Laiovento) e Mellor que onte, pero mellor que mañán (Fervenza).

Definese como humorista gráfico e ten publicado viñetas e tiras en numerosos medios. Como debuxante e guionista de banda deseñada publicou tres álbums da serie Os Barbanzóns: Baroña ou morte, Non solpor da prehistoria e A noite de Samaín; un álbum sobre Galicia nas guerras napoleónicas: A retirada de Sir John Moore e Historia de Compostela (Toxosoutos).

O seu maior éxito foi a creación da serie infantil Os Bolechas editada primeiro por A Nosa Terra e actualmente por Bolanda Edicións e Marketing e que deu o salto do papel a outros múltiples formatos, como espectáculos para teatro, discos, unha serie de televisión e agora está xa no mercado portugués. De feito, grazas a esta serie, milleiros de nenos  e nenas tiveron o seu primeiro contacto co galego. “O galego penetra mesmo en lugares onde non é ben recibido, pero para iso ten que estar ben escrito e o cómic tratar temas e debuxos que nin o máis recalcitrante españolista poida resistirse a ver”, asegura.

 

Os Barbanzóns:Baroña ou morte

Editorial ToxosOutos.
 

Primeira entrega da saga dos Barbanzóns, de ecos asterixianos e ambientada no Castro de Baroña, Nela, o personaxe Con, contra a tranquilidade do clan, decide concienciar aos seus do perigo de posibles invasións. A mellor defensa é o ataque, e a mellor defensa contra o ataque é unha boa festa.

 

 

 

 


Os Barbanzóns:No solpor da Historia

Editorial ToxosOutos.

Nesta nova aventura, Os Barbanzóns realizan unha accidentada viaxe a terras irlandesas, onde se encontrarán cos Moloney, unha familia moi peculiar. Por esta vez, o protagonismo tamén vai recaer sobre Son, o fillo máis vello de Con e Guinness, que co seu idealismo vai tentar revolucionar Eirín. 

 

 


Os Barbanzóns: A Noite de Samaín.

Editorial ToxosOutos.

Segundo os vellos costumes celtas e seguramente tamén os castrexos, o ano pártese en dúas estacións: verán e inverno. Non reparan e máis matices. E o paso dunha estación a outra exactamente na noite que vai do último día de Outono ao primeiro día de Santos. Pero a noite de Samaín ademais de separar o ano, confunde o mundo do máis alá co noso munto terreal. E iso si xa é outra historia. Precisamente a historia que viven neste novo libro os coñecidos habitantes do castro de Baroña: Os Barbanzóns. 

 

FONTE: http://culturagalega.gal/bd/ficha.php?id=381&busca=barbanzons

A retirada de Sir John Moore de Pepe Carreiro

 A retirada de Sir John Moore de Pepe Carreiro.


 

É a primeira entrega da serie "Galicia nas Guerras Napoleónicas". Teixugo é un arrieiro galego que no Bierzo tropeza co exército inglés baténdose en retirada para A Coruña, coa cabalería francesa pisándolle os talóns. Ubícase ao lector no escenario histórico da ocupación francesa mediante uns textos de presentación e despois aborda con humor os feitos históricos que desembocaron na batalla de Elviña.

Está publicada pola Editorial Xerais. 

 

21 xuño 2017

Memorias dun neno labrego

Memorias dun neno labrego fala dun neno chamado Balbino que vive na Galicia da primeira metade do século XX, cando os galegos emigraban a outros países, normalmente a América. Este rapaz é pobre e ten que traballar na leira do Señor. Balbino goza coas súas aventuras na aldea.
O libro está distribuído en capítulos nos que se contan historias da vida do protagonista. Balbino dálle a volta ó feito de non ser un adulto, de non poder emigrar a América. A pesar da súa idade, pensa no mundo, no futuro, no Señor, en Manolito, en Eladia (que queda olvidada finalmente por mor de Flora), en querer emigrar a América…
Autor: xosé Neira Vilas.
Editorial Galaxia.

A Odisea contada aos nenos.

Neste fermosísimo relato nárranse as aventuras que vive Ulises -coñecido como Odiseo en Grecia- navegando polo mar Mediterráneo. Enormes tempestades azoutan a súa nave porque o deus do mar, Poseidón, quérelle facer mal. Non obstante, protéxeo a deusa da sabedoría, Atenea. Ulises ten que enfrontarse a un xigante monstruoso dun só ollo, a unha maga que converte en porcos os seus compañeiros e a moitos outros perigos.
Autora: Rosa Navarro Durán.
Ilustrador: Francesc Rovira
Editorial Rodeira.

Viaxes dun can de palleiro

En primeira persoa preséntasenos “Eu son un can de palleiro, un can de aldea. Coma quen di, un ninguén. O meu nome non importa. O realmente importante desta historia é a historia mesma. Unha aventura popularmente coñecida como A Odisea.” Este comezo, homenaxe a Balbino a as súas Memorias dun neno labrego, xa nos sitúa no reescritura dun vello relato que anda entre nós desde os tempos antigos. Pero agora, cambiámoslle a voz -é un can quen nos conta- e o lugar -xa non damos voltas querendo volver a Itaca senón que temos a casa no Barbanza. Todo nos é próximo: o Olimpo está no Courel.
Autor: Pere Tobaruela.
Editorial Xerais.

Alaia e a deusa

Alaia, unha moza da tribo dos nerios, ten que abandonar o seu castro natal para ir traballar á cidade de Thaladé, construída enriba do bravo Mar Poñente. Alí coñecerá a crueldade dos amos e as contradicións da mal chamada civilización, mais tamén descubrirá o maior dos segredos que gardan os seus túneles ancestrais. Así e todo, a mais grande aventura de Alaia será coñecer ese prodixioso misterio que se agocha no corazón do ser humano: o amor verdadeiro.
Autor: Tomás González Ahola.
Editorial Urco

O neno inverno

O neno inverno é a historia dun neno albino, Alberte,  que está acostumado a ser diferente e de  que isto provoque a mofa por parte dalgún compañeiro. É consciente das súas limitacións físicas e do especial coidado que debe pór en cada acción pois é extremadamente sensible a determinados axentes climatolóxicos, sobre todo a calor, por iso adora o inverno. Sabedor de todo isto atopa refuxio na biblioteca onde goza da tranquilidade, do silencio e da maxia da palabra escrita, ademais de saciar a súa curiosidade á vez que a ansia por aprender.
     Aquí, no seu acubillo é feliz  ata que un día aparece Álex, unha compañeira de clase, que lle gusta porque é intelixente, alegre e ten personalidade. Con ela descubrirá o verdadeiro significado da palabra amizade, ademais dun máxico poder oculto. 
Autora: María canosa.
                                                        Ilustradora: María Lires.
                                                        Editorial Galaxia, Colección Árbore.

Isha, nacida do corazón.

Isha está enfadada. O comentario dunha compañeira de clase causoulle un gran malestar. Non dubida do amor que lle profesan os seus pais, pero o feito de ser adoptada pona triste. Ante isto o api decide contarlle, en discurso  de conto, as peripecias, non exentas de dificultades, que tiveron que atravesar  para poder adoptala. 
Autora: Fina Casalderrey.
Editorial: Rodeira.

Volvo! O regreso de Usha

Na pequena aldea de Devastana, Usha e as súas amizades regresan das vacacións cos nervios do último curso da primaria, ao final do cal terán que enfrontarse á temida reválida. Mais axiña a reválida pasa a un segundo plano, porque na vida hai acontecementos moito máis intrigantes ca un exame. Para empezar, Deepak non aparece por ningures. A seguir, Lakshmi deixa de súpeto de ir á escola. Será Usha quen de endereitar as cousas que semellan revirarse? As amizades vellas e novas, de lonxe e de preto, terán que axudar a Usha a facer fronte a todo tipo de desafíos.
Autora: María Reimóndez.
Ilustrador: Iván Sende.
Editorial Xerais.

Nena e o mar

Porto Balea é unha vila mariñeira na que todos os seus anciáns habitantes perderon a esperanza. Só Otto, o último home novo da vila, segue a saír ao mar a diario mentres deixa a Nena, a súa filla e orfa de nai, ao coidado dos habitantes da vila acantilada. Mais un día Otto non regresa, tras naufragar nos dominios da Illa das Sereas. Dende entón, Nena loitará contra a desidia e cansazo dos seus vellos habitantes e con toda a forza de vontade, o empeño e a valentía que lle collen no seu corpo miúdo, emprenderá nun bote pequeno unha aventura temeraria e fantástica para rescatar ao seu pai.
Autora: Érica Esmorís.
Ilustrador: Dani Padrón.

As meigas de Lupa

María colleu un avión a Santiago de Compostela, onde a esperan os seus curmáns Pablo e Martiño, para pasar unha semana de vacacións coa avoa Berta. Unha sorpresa agarda aos tres rapaces na casa de Santa Cruz de Ribadulla: deberán compartir a estancia con varias amigas da avoa, que veñen participar nun congreso de meigas. Tras a desaparición dunha vella chave da avoa e tras a presenza daquelas mulleres agóchase a historia dun segredo milenario, que foi gardado xeración tras xeración, que pasou de bocas a oídos, unha e outra vez, e que nunca se contou a quen non era merecedor de sabelo.Unha emocionante novela de intriga no século XXI. 
Autora: María Solar.
Editorial Xerais.

A lagoa das nenas mudas


Amina vaise vivir a un lugar remoto do que descoñece ata o idioma. Un día chega ao seu novo colexio e decátase de que todas as nenas visten coma ela, peitéanse coma ela…, son de súpeto cuspidiñas a ela. A profesora de inglés fai unha impresionante revelación que Amina vai descifrando grazas ao debuxos da súa amiga Ío, unha rapaza xordomuda. Pero Ío desaparece misteriosamente. A lagoa das nenas mudas de Fina Casalderrey, ilustrado por Patricia Castelao, é o relato da emigración, o rexeitamento e as dificultades que sofren moitos emigrantes. A amizade de Amina e Ío amosa que, tantas veces, a posibilidade da comunicación está por riba das palabras.
Autora: Fina Casalderrey.
Ilustradora:  Patricia Castelao.
                                     Editorial Xerais.

Memorias dun raposo

Afonso Alfonso é un raposo que vive entre a Pena da Roca e o Pombeiro, entre As Fiosas e o Padornelo. Afonso naceu no Morollo da Golpilleira. Hai quen lle chama Pedro, ou Perico, porque se parece moito a un seu avó. Outros, coma se fose o demo, chámanno O das zapatillas, polo lixeiro e silandeiro que anda. A Golpilleira, a casa grande dos raposos, é case toda ela dos homes.Pero é moito máis aínda. Se estades espertos, se poñedes a orella, escoitaredes todo o que se move, todo o que vive, anda, corre, dorme, o que medra e o que morre.
Autor: Antonio Reigosa. 
Editorial Xerais.

Xoeliki, As aventuras dun ciberpirata

 Xoeliki. As aventuras dun ciberpirata, con texto e ilustracións de Maties Segura e Abraham Carreiro.
Aventuras moi actuais, tecnoloxicamente falando, dun neno de once anos que bota de menos ao seu pai morto e que é moi afeccionado aos videoxogos, mantendo unha relación de amizade virtual e véndose envolto nun conflito co que de nin de lonxe podería soñar.
Conta coa súa propia páxina web, www.xoeliki.com., onde poderemos acceder a cada un dos personaxes,  coñecer aos autores, saber como e por que, e mesmo convidarannos a formar parte dun foro e sermos da súa Rede Social Tesouros Piratas.
Editorial Sotelo Blanco.

O misterio de Portomarín


Catro irmáns veñen veranear a Portomarín e van investigar un misterio que todos coidaban esquecido, como a vila que descansa debaixo das augas do encoro. Durante séculos aquela vila anegada tivo os seus (terribles) segredos ben gardados. Mais agora van saír á luz...
  
Autora: Antía Yáñez Rodríguez.
Editorial galaxia, Colección Árbore.

16 febreiro 2017


Autora: Fina Casalderrey
Isha está doída. O comentario dunha compañeira de clase sobre a súa nai, de pel branca e tan diferente á súa, de cor canela, causoulle un gran malestar. É diferente ás demais, porque non saíu da barriga da súa nai actual, senón que saíu do seu corazón. Non dubida do amor que lle profesan os seus pais, pero o feito de ser adoptada  provocou problemas de relación cos demais. Para calmala, César, o seu pai, decide contarlle unha vez máis a historia da súa vida na India. Con el, trasládanse a moza e os lectores a un mundo máxico e de fantasía.

30 xaneiro 2017

O álbum de Garrincha

Autora: Beatriz Maceda Abelleira
Garrincha foi un futbolista brasileiro medio coxo, ou coxo completo, coa columna vertebral como unha interrogación. Ninguén pensou nunca que chegaría gañar o Mundial e ser un dos mellores futbolistas de todos os tempos. A historia de Garrincha é a que ten sempre en mente o protagonista, Joao, un neno que chega a Galicia procedente do Brasil, porque os seus pais herdan unha casa e queren ofrecerlle unha vida con mellor futuro. Deixa atrás as súas vivencias americanas: as favelas, as excursións ao mato Grosso co seu avó, os partidos do Botafogo…e terá que asumir a nova realidade, algo que non vai ser sinxelo. Pelexas, problemas cos compañeiros, a dificultade de facer amigos non farán doada a integración.

Tonecho de Rebordechao

Autor: Breogán Riveiro
 
A historia trata dun neno chamado Tonecho que naceu na cidade pero mudouse para a aldea cos seus avós. A aldea está na provincia de Ourense. Rebordechao é unha aldea que queda alá por... chegando á... O certo é que non é doado atopar Rebordechao, nen sequera aínda que a busques Os seus avós teñen animais e a vila está rodeada de montes. Neste lugar perdido vive Tonecho, o neno máis bo e máis guapo, o mellor de todos, porque en Rebordechao... non quedan máis nenos ca el, a súa imaxinación...as súas aventuras.