Amosando publicacións coa etiqueta DENUNCIA. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta DENUNCIA. Amosar todas as publicacións

29 setembro 2019

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 3

 Na Rebusca... febreiro de 2018:«A lingua de signos axuda aos nenos»


Cristina González Abelaira ,  filóloga nada en Castroverde, logo de completar os estudos na Facultade de Humanidades de Lugo e de ter unha estancia no Colegio de España en París, puido comprobar como faltaban estudos científicos, salvo algúns feitos desde a Universidade de Vigo, sobre a lingua de signos e a súa inclusión no sistema educativo galego. Esta profesora no CPI San Tomé do Carballo de Taboada acaba de defender en Lugo a súa tese -dirixida polos profesores da USC Modesto Rodríguez e María Luz Zas- sobre a planificación lingüística da lingua de signos na educación en Galicia. O traballo foi recoñecida con sobresaínte cum laude. Fala con paixón sobre un traballo que fixo grazas a unha bolsa predoutoral da Xunta entre os anos 2013 e 2016. 
Aquí recollemos algúns fragmentos da súa entrevista en "La Voz de Galicia"  24/02/2018. se queredes lela toda tedes o enlace na fonte de información.
(...)
-En que aspecto desta lingua se quixo centrar?
-Pois foi un enfoque émico, coa intención, xa digo, de darlles voz ás persoas xordas, e para iso foi importante documentarse con eles, graveinos, escoiteinos, coa idea de saber que pensan, e así podelo transmitir na tese. Creo que desde as Administracións non os escoitan. Por exemplo, eu son profesora de Secundaria, e chama a atención como a Lomce e os reais decretos permiten o emprego nas aulas da lingua de signos, pero no caso de Galicia non aparece, porque o que redactou o decreto non o sabía. Creo que as Administracións deben articular plans para a formación en lingua de signos dos profesionais que traballan con alumnado xordo, e fomentar maior presenza de intérpretes no centros.
-Hai moito descoñecemento...
-É que seguen a falar de conceptos como ‘xordomudo’ ou ‘linguaxe de signos’, e as persoas xordas non son mudas, emiten sons.
-Que lle pode achegar a lingua de signos a un rapaz?
-Saber conceptos de calquera lingua sempre serán positivo e mellora as competencias dos alumnos, sobre todo as comunicativas. Trátase dunha lingua visual que non aproveitamos. A de signos non é só dos xordos, non é propiedade destas persoas, senón que debería interesarnos a todos e axuda a todos os nenos.
-E é unha lingua universal?
-En España só está recoñecida a española e a catalá. Foi unha mágoa que non se intentase recoñecer a lingua de signos galega, pero desde a federación de xordos non quixeron no seu momento, cando a lei do 2007 si recoñeceu as outras dúas. En Galicia hai signos propios pero cando se aprobou a lingua española dixeron desde Madrid iso de que os signos eran feos e «pailáns». Acabaron reproducindo o mesmo que pasou coas persoas que falaban galego fronte aos castelán falantes. Por iso, agora, en Galicia, houbo un proceso de substitución lingüística. Cando fixen a tese puiden falar con informantes de idade avanzada que ao viviren en contornas illadas e que estudaron en colexios de xordos signos en galego, aínda teñen as expresións propias.
(...)

Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lugo/lugo/2018/02/24/span-langgl-lingua-signos-axuda-aos-nenosspan/0003_201802L24C12991.htm

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 2

 CONTINUAMOS:
"SITUACIÓN DE RECESIÓN"
Pero a situación de involución da lingua de signos galega non debería sorprender agora a ninguén. González Abelaira lembra que xa "no ano 2008, no que se edita a revista As nosas mans, un ano despois do recoñecemento oficial de dúas linguas de signos españolas, a LSE e a LSC, xa se considera a situación de recesión á que está condenada a LSG, pola crecente presenza da LSE en todo o ámbito estatal e dentro da comunidade xorda e polo seu recoñecemento por parte da comunidade oínte".
Ademais, o asociacionismo dende Galicia con outros colectivos xordos de España determinou "unha maior uniformidade lingüística, en detrimento das formas de cada territorio", aporta a profesora da USC.
En Galicia existiu unha lingua de signos diferente a outras na Península Ibérica e aínda que todavía é unha lingua viva, pódese considerar en perigo de extinción. O certo é que nós, tras facer unha busca en Google sobre "lingua de signos galega" só recibimos 702 resultados no maior motor de busca de información que existe; unha proba máis da precaria saúde da LSG.
Himno galego en lingua de signos galega:



  González Abelaira, C. (2016). Unha lingua de signos galega? Estud. lingüíst. galega, 8, pp. 89-106. DOI: http://dx.doi.org/10.15304/elg.8.3065
FONTE: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/33312-lingua-signos-galega-condenada-desaparecer

A lingua de signos galega non debe desaparecer!! PARTE 1

“A lingua de signos galega está condenada a desaparecer”, este era o titular que publicaba Galicia Confidencial o 12/08/2016. 

Reproducimos parte do contido da publicación: 

Cristina González Abelaira, profesora da Universidade de Santiago, alerta de que "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento" e explica o proceso de imposición do sistema en español. Pola contra, en Cataluña gozan da súa propia lingua de signos, recoñecida oficialmente.

 No Estado español só existen dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente: a castelá e a catalá. Logo dunha reivindicación histórica por parte do colectivo xordo, a lexislación admitiu a existencia destas dúas linguas de signos. A Lei 27/2007, do 23 de outubro, recoñece estas dúas linguas e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, así como o dereito a aprendelas e usalas xunto con outros medios de comunicación orais. Porén, o galego segue inédito no sistema de linguas de signos recoñecidas oficialmente. Por isto, Cristina González Abelaira, profesora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pregúntase se é posible o recoñecemento oficial dunha lingua de signos galega (LSG) e alerta de que esta variedade "está condenada a desaparecer" pola falla de apoio. (...)

González Abelaira sentenza que se pode afirmar que "o que sucedeu en Galicia coas linguas orais, entre o castelán e o galego, reproduciuse coas linguas de signos, xerando así unha relación asimétrica entre a lingua de signos maioritaria, a española, e as outras variedades, neste caso, a galega".(...)  "Os signos propios da lingua de signos galega ou LSG foron considerados signos antigos e foron desprezados fronte a outros máis innovadores chegados da capital",
"A oralización en castelán foi froito dunha planificación que tiña como eixo principal o monolingüismo e como protagonistas os educadores e outros profesionais, na súa maioría oíntes. Nunha segunda fase, é o colectivo xordo o que se erixe como protagonista do proceso, pero en Galicia séguese a proposta que a CNSE [Confederación Estatal de Personas Sordas] lidera en Madrid", explica a autora do artigo.
Entre os criterios que conducen á recesión da variedade galega, sitúa en primeiro lugar o cambio de modelo educativo que se desenvolveu en Galicia, ó igual que no resto de España, a partir da publicación da LOXSE en 1990. "A inclusión do alumnado xordo en centros ordinarios supuxo a súa dispersión en diferentes colexios e, polo tanto, a desmembración da comunidade signante formada ó redor das escolas. Este factor e, en xeral, o proceso planificador descrito foi o que ocasionou a súa recesión". (...)

O caso galego contrasta coa boa saúde da que goza a lingua de signos catalá, oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir da publicación do seu Estatuto de Autonomía. Ademais, foi reforzada coa Lei 17/2010, de 3 de xuño, da lingua de signos catalá (LSC). "Porén, nin no ámbito autonómico, nin no estatal se recoñeceu oficialmente unha lingua de signos galega", advirte Cristina González Abelaira.
"Todo apunta a que a diferenciación soamente de dúas linguas de signos no Estado español non atende a criterios lingüísticos internos, senón máis ben políticos e sociais", denuncia a profesora de Lingüística, baseándose nunha análise histórica e émica do proceso de planificación lingüística en Galicia a través dunha metodoloxía etnográfica, o cal "permite observar como se organizou a diversidade lingüística na comunidade e lévanos a concluír que tras a oralización en castelán do colectivo xordo, buscouse unha uniformización lingüística que conduciu á falta de recoñecemento das diferentes variedades lingüísticas, entre elas a galega.
Segundo esta experta, a oficialidade que a Lei 27/2007 outorga á LSE en Galicia e no resto de España, agás en Cataluña, "deu lugar á asimilación lingüística das variedades minoritarias, entre elas a galega, á variedade lingüística española, a cal acadou un novo status e maior prestixio".
CONTINÚA...

31 xaneiro 2019

A Xunta sen PuntoGal

Unha vez máis agradecemos á xente de "Carta Xeométrica o seu compartir: https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/01/a-xunta-sen-puntogal.html



Neste vídeo do alumnado do IES Pontepedirña (Santiago) baixo o paraugas da feliz proposta de 21 días co galego e máis defende con bos argumentos un dominio.gal que está moi próximo aos 5000 rexistros.
Claro que un, como profesor, intenta descubrirlle ao alumnado e a quen lle toque,  un dos maiores males do ensino, e da sociedade en xeral: a hipocrisía. Quen fixo divulgación deste audiovisual foi a Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), e fixo ben. Tan ben que eu tamén o fixen,  pero fíxeno preguntándome como é posible que unha institución que forma parte do goberno da Xunta, como é a SXPL, ten o santo morro de estar por unha banda gabando o dominio.gal mentres que pola outra xustifica o inxustificable, que 4 anos e medio despois da posta en marcha do dominio, aínda haxa unha chea de organismos oficiais que circulan por outros camiños.
Co engadido de que neste último portal o galego está desaparecido.



11 outubro 2018

O galego no ensino

 O galego no ensino: dez anos dunha "posverdade" incómoda
Hai agora dez anos Galicia iniciaba o segundo curso escolar no que estaba en vigor o decreto 124/2007 polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo. A norma fora aprobada polo Goberno galego a mediados do ano anterior e trouxera consigo un dos desencontros máis sonoros ata o momento entre as forzas que sustentaban o Executivo, PSdeG e BNG, e o partido da oposición, o PP. Dez anos despois de que aquela controversia estourase ata tornar nunha das claves da posterior campaña electoral galega, o contido daquel decreto e a súa orixe seguen presentes na contenda política. Así sucedeu, por exemplo, no debate de política xeral que se desenvolve esta semana no Parlamento. Pero, de onde viña e que dicía aquel decreto?
O PP non sempre estivo en contra daquela norma. Ben ao contrario, o 22 de febreiro de 2007 compartiu mesa ante a prensa coa daquela conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, e mais cos representantes de PSdeG e BNG para anunciar que, tras cinco intensas xuntanzas, existía un acordo unánime para activar a nova regulamentación do galego no ensino. Segundo a representante principal dos populares nas xuntanzas, a ex-conselleira Manuela López Besteiro, o texto acordado combinaba "galeguismo", "equilibrio entre as dúas linguas oficiais" e "respecto á lingua materna". Pero ademais, indicaba López Besteiro, desenvolvía o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, "instrumento esencial para avanzar na promoción da lingua galega" que o Parlamento aprobara por unanimidade en 2004, tamén tras intensas negociacións.
 O PXNL estaba, precisamente, na cerna do decreto. Nas medidas concretas dedicadas ao ensino -páxina 56 do apartado do plan dedicado á educación, familia e mocidade- aquel documento fixara un vieiro claro a seguir. En Primaria, "que, como mínimo, o alumnado reciba o 50% da súa docencia en galego" e, ademais das áreas de coñecemento de medio natural, social e cultural, que xa se impartían en lingua galega, "fomentarase que se impartan nesta lingua materias troncais en toda a etapa, como as matemáticas". Na ESO tamén se fixaba ese mínimo do 50% e apostábase por que "se impartante neste idioma as matemáticas e a tecnoloxía", alén das xa "establecidas legalmente". O limiar "mínimo" do 50% era tamén o criterio par Bacharelato e FP.

Nesta liña, o texto final do decreto fixou o mínimo do 50% de materias en galego, incluíu as matemáticas e outras áreas técnicas entre as áreas a impartir en lingua galega e agregou que o alumnado debería rematar cada nivel educativo con "competencia nas dúas linguas oficiais". A Consellería inzara o texto de mencións ao Plan Xeral de Normalización e, a xeito de aclaración adicional, incluíu no decreto un anexo no que transcribía o apartado do PXNL sobre educación. Isto é, ía aplicar o texto que recibira os votos a prol de PP, PSdeG e BNG no pleno do Parlamento do 21 de setembro de 2004 tras un prolongado proceso de elaboración e participación de persoas e expertas e entidades de todos os ámbitos.



Pero o que xurdira dunha unanimidade só comparable á que abeirara o nacemento da lei de normalización lingüística en 1983 pasou a ser poucos meses despois para o PP unha ruptura do "consenso" por non "garantir os dereitos lingüísticos" e "abrir a porta a un modelo monolingüistico". Ao tempo, saltaban ás páxinas dalgúns xornais galegos as reclamacións dun colectivo liderado por unha docente dun instituto vigués que prometía "dar mucha guerra" no nome da "libertad lingüística". Facíanse chamar Galicia Bilingüe recollendo os preceptos dun manifesto divulgado a través de internet baixo o título Tan gallego como el gallego e xunto a eles acabaría manifestándose a cúpula do PPdeG -agás Feijóo, de viaxe en Sudamérica- o 8 de febreiro de 2008, ás portas da campaña electoral. Se Feijóo gañaba, afirmaban, habería "una casilla en el sobre de matrícula" para que as familias decidisen o idioma do ensino.

As teses básicas daquelas protestas foran utilizadas polos populares no seu retorno á Xunta para derrogar o decreto 124/2007 e substituílo polo vixente, que tivo que ser modificado parcialmente por orde xudicial. O novo conselleiro de Educación e actual alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, mantivo en público que detectaran unha presenza maioritaria do galego nas aulas, se ben tres anos despois admitiran formalmente nunha resposta parlamentaria que o que detectaran fora xusto o contrario, que o maioritario era o castelán. Unha década despois recentes informes da Real Academia Galega e do Consello da Cultura constatan que a escola está actual como axente "desgaleguizador" da rapazada e que os prexuízos sementados a respecto dunha suposta "imposición" do galego aceleraron este proceso.
Así e todo, o presidente da Xunta vén de volver empregar o principal debate parlamentario do ano para axitar dalgún xeito as pantasmas daqueles anos "nin aqueles que afirman que o castelán desapareceu de Galicia nin aqueles que queren impoñer o galego coñecen realmente Galicia", proclamou Feijóo nun discurso no que afirmou tamén que "nunca promovín nin promoverei conflitos". Quen o acusan de atacar o galego están instalados na "posverdade", afirmou o presidente noutro treito do debate retrucando á líder do BNG, que tamén empregara ese termo. Mentres, nas redes sociais, un destacado dirixente do PPdeG afirmaba que "o que acabou co consenso" foi o decreto 124/2007, o que transcribía o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade parlamentaria en tempos de Manuel Fraga.

Fonte: 
http://praza.gal/politica/17632/o-galego-no-ensino-dez-anos-dunha-posverdade-incomoda/

23 setembro 2018

Ataque institucional contra a Normalización Lingüística

A política lingüística da Xunta contra a normalización lingüística

 Unha restra de agravios protagonizan a política lingüística da Xunta neste verán

(...) Como mostra disto podemos comenzar co enésimo acto de descuberta de placa de conmemoración de uso do galego nun xulgado, neste caso do da Estrada, mentres nese mesmo xulgado a lingua galega fica excluída na súa práctica diaria. Lembremos que é imposible usar o programa de tramitación xudicial na nosa lingua porque a Xunta de Feijóo nunca o considerou prioritario, e van alá xa 7 anos.
Durante este verán tamén se publicou a resolución bianual de axudas ás tradución. Nótese que é unha resolución bianual, polo que a dotación orzamentaria hai que dividila por dous. Ademais mestúrase nunha mesma convocatoria a tradución ao galego (da que estamos tan necesitados) coa tradución do galego a outras linguas. Sobre este particular cómpre ler o informe que realizara no 2014 a editorial Hugin e Munin, denunciando as irregularidades e trapicheos destas convocatorias (por certo, na resolución deste bienio nomean a esta editorial como *Huguen e Munin e, nun alarde de transparencia non especifican as cantidades asignadas a cada un dos beneficiarios). Un dos maiores alardes de cinismo é o da divulgación do Festival Resurection Fest como actividade coparticipadora na normalización do segmento máis desgaleguizado da sociedade, o da mocidade. A Xunta aportou 77.000 euros ao festival, e de volta temos o cartel en castelán (e inglés)
Tamén se publicou neste verán a resolución das axudas aos concellos para a promoción da lingua galega., dotada unha cantidade ridícula, 245.000 €, para repartir entre máis de 100 concellos (hai outros 200 que quedan a cero). Con todo, se só miramos para aqueles que reciben algunha esmola por esta vía, conviña que, polo menos unha vez, o secretario xeral de política lingüística explicara que clase de políticas vai poder levar a cabo un concello con 1.300 €. Pero o panorama aínda pode volverse máis negro...
Hai dous anos, ProLingua denunciaba que a SXPL estaba disposta a participar nun premio no que o galego podía estar ausente. Demencial, non?  Parece ser que ProLingua estaba moi ben informada pois neste mes de xullo a SXPL anunciaba o seu apoio á convocatoria do I premio de novela "Camiño de Santiago", as bases, indican que se outorgará un premio de 6.000 € a unha novela que non ten por que estar escrita en galego.
A principios de agosto publicouse a resolución das subvencións para materiais curriculares en galego. Ademais da escasa dotación orzamentaria, esencia dunha política de redución do uso do galego, estas resolucións caracterízanse por excluir a posibilidade de elaborar materiais de matemáticas, fisíca, química e tecnoloxía en galego. Estamos, xa que logo, ante un ataque á lingua, disfrazado baixo a capa de "subvención para a dinamización". Tal é o desprezo que polo uso do galego no ensino hai nos corredores de San Caetano que nin tan siquera se fixo anuncio da resolución no apartado de Novas do portal da SXPL. Aínda peor, como pode comprobar calquera que lea o DOG dese día, verá como os motivos de denegación da subvención están escritos en castelán (no DOG en galego):
 
 Tanto na prensa, como nas RRSS ou no propio portal da SXPL puidemos ver referencias a que case 1500 rapaces participaron nun programa de campamentos de verán en galego. Pola contra, anunciárase que a Xunta ofrecera 10.000 postos para campamentos de verán. Unha pregunta xurde naturalmente: que pasa coa lingua das outras 8.500 prazas? O 15% é o que a Xunta lle reserva ao galego? Un dato, só o 18% dos nenos aprenden a falar en galego.
A última argallada do departamento da Xunta encargado da cousa da lingua foi o de programar durante este mes de setembro un total de 11 proxeccións de películas en galego O resultado, xa o adianto, vai ser un fracaso total.  O problema é que non hai películas en galego, polo que terán que proxectar filmes xa vellos e, polo tanto, nada gorentosos. Pensemos que na miña vila, A Estrada, cada semana hai máis do dobre de proxeccións cada semana, todas en castelán, por suposto, porque non hai outra alternativa. Velaquí repetida a imposición do español, mil e unha veces.
Para finalizar, unha pregunta que me leva proendo desde que se publicou, hai máis dun mes: que ten que ver isto coa normalización?