Amosando publicacións coa etiqueta QUEREMOS SABER. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta QUEREMOS SABER. Amosar todas as publicacións

21 abril 2021

Descúbreas

 'Descúbreas': o espazo para que as mozas ocupen o lugar que lles corresponde no mundo da música: https://descubreas.com/

Nesta web falamos de música e de artistas, sonidistas, produtoras, profesoras, deseñadoras, managers, axentes, programadoras de eventos, riders… Compartimos a túa paixón.


 Descúbre-as é un programa da Deputación de Pontevedra que busca visibilizar a todas as mulleres que traballan na industria musical: artistas, pero tamén sonidistas, produtoras, representantes ou programadoras. A plataforma permite intercambiar experiencias, compartir coñecementos e buscar sinerxías, a partir da "colaboración, o compañeirismo e a diversión".

FONTE: https://praza.gal/cultura/descubreas-o-espazo-para-que-as-mozas-ocupen-o-lugar-que-lles-corresponde-no-mundo-da-musica

 

28 marzo 2021

aRi[t]mar 2021

 aRi[t]mar 2021: Mellores cancións de 2020

 https://aritmar.gal/edicion-2021/

GALIZA                                              PORTUGAL

Mellor canción:                                  Mellor canción:                                    

Cólico de Guadi Galego                            Quase Dança de Cláudia Pascoal 



Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2021.- Os máis de cinco mil votos do público emitidos no certame aRi[t]mar galiza e portugal promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela determinaron que as gañadoras polo mellor tema musical publicado na Galiza e en Portugal en 2020 son, respectivamente, Guadi Galego, con Cólico e Cláudia Pascoal, con Quase Dança. Estes premios, xunto cos de poesía, e o do embaixada da amizade, entregaranse a artistas e poetas gañadores na Gala aRi[t]mar 2021 en outono.

Os seguintes temas máis votados, nos segundos postos, foron os de Xoana (GZ) por Anceios e Outras Línguas, de Bárbara Tinoco; e os terceiros Os D’Abaixo (GZ) por Pasei pola túa porta e Miguel Araújo (PT) con A Incrível História de Gabriela de Jesus.

aRi[t]mar galiza e portugal é un proxecto didáctico-cultural, desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que ten por obxectivo divulgarmos a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegarmos a cultura e a lingua dos dous países, no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. 

Máis información:  https://aritmar.gal/proxecto/

21 febreiro 2021

INICIATIVA POLO GALEGO COMO LINGUA OFICIAL NO PARLAMENTO EUROPEO: 4º de ESO do CPI O Cruce de Cerceda

Un colexio de Cerceda inicia a súa propia loita pola oficialidade do galego no Parlamento Europeo: O alumnado de 4º de ESO do CPI O Cruce de Cerceda lanza unha campaña a través da plataforma Change.org para acadar o seu obxectivo. Este xurdiu porque este ano son escola "embaixadora" da institución europea.

As e os estudantes idearon esta proposta de integración lingüística porque o centro é “embaixador” da administración europea este ano. A acción case coincide no tempo co Día da Lingua Materna.

No escrito colgado na páxina web engaden que queren que todas as “linguas cooficiais estean representadas” na Unión Europea.

FONTE: https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/loita-pola-oficialidade-do-galego-parlamento-europeo-colexio-primaria/20210219201651116255.html

 

 

IMPLÍCATE, XA LEVAN MÁIS DE 3.000:  https://www.change.org/p/european-parliament-conseguir-que-as-l%C3%ADnguas-cooficiais-sexan-representadas-no-parlamento-europeu?utm_content=cl_sharecopy_27381851_es-ES%3A4&recruiter=1181203264&utm_source=share_petition&utm_medium=copylink&utm_campaign=share_petition

 

09 novembro 2020

"#OGalegoNonMata".

 "#OGalegoNonMata"e #RemoveTheLimitations"

Esta é a mensaxe que está a circular por Whatsapp e otras redes sociais.

 Centos de persoas piden a Feixoo que non combata a lingua porque "O galego non mata"

Campaña #OGalegoNonMata, en Twitter, como crítica a Feixoo e o seu ataque ante a Enmenda aprobada no Congreso da reforma da Lomloe, coñecida  como a lei Celaá. 

Se a emenda aprobada polo Congreso di que "Hay que garantizar el conocimiento y la competencia en las dos lenguas cooficiales y adoptar medidas para compensar las carencias que pudieran existir en cualquiera de ellos" preguntámonos, con cal das dúas premisas non está de acordo Núñez Feijóo? 

Lembremos que  o Consello de Europa xa chamara en decembro a atención ao goberno de Feijoo respecto do galego e da, citamos, "necesidade de protexer e normalizar a nosa lingua que ficou relegada das materias científico técnicas e dalgunhas etapas como infantil, educación especial, formación profesional ou ensinanzas de réxime especial como consecuencia do Decreto de Plurilingüismo aprobado por Feijóo en 2010 ).

Información para contextualizar este tema que inflúe na Normalización do noso idioma:

O Relatorio da Comisión de Educación do Congreso, grupo de traballo que analiza, debate e vota as emendas ao proxecto de reforma da lei educativa, votou a favor este xoves de eliminar que o castelán sexa considerada unha lingua vehicular no ámbito educativo e unha lingua oficial do Estado. 

A emenda conxunta do PSOE, Unidas Podemos e ERC (que saíu adiante por 20 votos a favor, fronte a 16 en contra e 1 abstención) suprime da lei educativa (Disposición Adicional 38) a referencia ao castelán como "lingua oficial do Estado", así como de linguas "vehiculares" tanto ao castelán como as demais linguas cooficiais. 

O texto, quedaría así: "As Administracións educativas garantirán o dereito dos alumnos e as alumnas a recibir ensinos en castelán e nas demais linguas cooficiais nos seus respectivos territorios, de conformidade coa Constitución Española, os Estatutos de Autonomía e a normativa aplicable". Deste xeito, a emenda pretende introducir a posibilidade de que as comunidades autónomas poidan determinar cal é a lingua vehicular do seu territorio no ámbito educativo.  Un paso para o recoñecemento do plurilingüismo e da plurinacionalidade do estado español.

A Mesa pola Normalización Lingüísitica insta a Xunta a aproveitar a modificación da LOMCE -que, segundo foi anunciado, eliminirá algunas das restricións ao galego- para implementar a Proposta de bases para a normalización do galego no ensino en Galiza que realizaron o pasado mes de xuño a entidade de defensa da lingua e as ANPAS, organizacións sindicais e movementos de renvación pedagóxica.

“O goberno galego non só se debe mostrar favorábel a estas modificacións”, asegura o presidente da Mesa, Marcos Maceira, “senón que debe actuar no seu propio marco legal para cumprir co sinalado polo Comité de ministros do Consello de Europa, derrogando o decreto contra o galego no ensino” ( Decreto de 2010). Maceira recorda que “a mestura da LOMCE ( Ley Wert 2013 https://praza.gal/movementos-sociais/o-rexeitamento-a-lei-wert-preve-un-berro-historico-e-unanime-este-24-o) co decreto derivou nun cóctel explosivo que na Educación Secundaria aumenta significamente a carga horaria das materias onde está vetada a presenza do galego. e que, na Educación Infantil, o uso do galego no conxunto do país está relegado a un mísero 8%”.

A entidade pola lingua solicitou unha reunión co conselleiro de educación, para presentarlle o documento elaborado conxuntamente por diversos axentes da comunidade educativa e que propón un modelo de sistema educativo no que o galego sexa a lingua vehicular e de aprendizaxe. Ten en conta aspectos básicos como a formación do profesorado e do persoal do centro e a implicación de familias e alumnado nun proceso ao que ninguén pode ficar alleo. Esta implicación concrétase na participación da comunidade educativa tanto nas equipas de normalización como na súa actividade.

Coa súa Proposta de normalización do galego no ensino en Galiza, A Mesa, movementos de renovación pedagóxica, ANPAS e organizacións sindicais queren garantir o ensino en galego e dunha perspectiva galega que, ao tempo, contribúa a mudar a situación na sociedade. O documento recolle achegas de todas as organizacións asinantes e conta cun amplo acordo para conseguir que o galego sexa a lingua vehicular do noso sistema educativo.

 Nós, como cada día                                            


                                                                                                        As linguas suman

28 outubro 2020

ORGULLO GALEGO, UNHA COMUNIDADE NA REDE

 ORGULLO GALEGO, UNHA COMUNIDADE NA REDE

 


Orgullo Galego é a comunidade en galego máis grande da rede. Atención ó dato: son máis de 295 mil nas redes sociais! A equipa de Nós Televisión desvela quen está detrás da xestión deste proxecto que une a tantas persoas a través da nosa lingua. Polo orgullo galego na rede

FONTE:  https://www.youtube.com/watch?v=ZCVINirKevE 

DE  NÓS TV : https://nostelevision.gal/

 

 

20 outubro 2020

Alba Cid, Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández 2020

 A poeta galega Alba Cid foi galardoada co "Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2020" pola súa obra Atlas, segundo informou o Ministerio de Cultura e Deporte, que concede este galardón, dotado con 20.000 euros.

O xurado elixiu esta obra "por constituír unha reflexión sobre como a literatura elabora mapas da realidade e sobre o valor moral que pode ter a literatura como problematización do mundo".

"É poesía tanto do coñecemento como da emoción, e presenta unha nova cartografía na que se funden o mapa do corpo co do planeta, a memoria e o enigma", sinala o xurado que destacou que é unha obra "escrita coa lóxica do asombro e chea de referencias culturais que se contemplan desde unha mirada excéntrica que fermenta en rebeldía".

 Alba Cid (Ourense, 1989) é poeta e investigadora en poesía contemporánea. Participou en volumes como Poética dá casa (2006) e na antoloxía de Apiario No seu despregar (2016).

FONTE: https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/alba-cid-premio-nacional-poesia-xoven-2020/20201020141218107294.html

Compartimos un video feito polas Letras Galegas 2020.


 

 Tamén publica textos de creación e recensións nas revistas Grial, Luzes, Tempos Novos e Dorna, e é colaboradora da Radio Galega; ilustra e mantén un “Gabinete de curiosidades”. Os seus poemas foron traducidos para o castelán, o grego, o inglés e o portugués, e apareceron en Oculta Lit, The Offing e Poem-a-Day, serie web da Academy of American Poets. Na actualidade, encárgase do John Rutherford Centre for Galician Studies, da Universidade de Oxford.

17 outubro 2020

Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía

 A galega Olga Novo gaña o Premio Nacional de Poesía

O xurado elixiu a obra Feliz Idade, da poeta orixinaria da Pobra do Brollón, "por tratarse dun relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo". 


 Esta distinción súmase ao recente Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega e ao Premio Gala do Libro Galego 2020. O xurado destacou que se trata dun “relato vitalista que celebra o amor e a existencia máis aló do tempo”, relacionando “a maternidade e a morte cunha fonda presenza crítica da memoria histórica”.

 Así, o eixe de «Feliz Idade» é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cunha intensa implicación sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

FONTE: https://www.kalandraka.com/blogk/post/feliz-idade-premio-nacional-de-poesia-2020

Poema:

 “Tríscele”:

Eramos tres: meu pai, eu e a vida.

Eramos tres: meu pai, eu e a agonía.

Eramos tres: meu pai, eu, e o meu amor que viña.

 

 OUTRO POEMA:

 

“Agora

 eu mírote extasiada mentres dormes 

e disólvome no costro fulgurante 

coma unha estrela que lle dera de mamar

 fósforo ao ceo. 

E falo na linguaxe que non serve

 na linguaxe da sílaba primeira: 

deséxoche que sexas amada tolamentee 

que ningún poder poida 

amainar nunca

 a túa 

Feliz 

Furia”.

 

 


14 outubro 2020

Mira quen fala galego

Mira quen fala galego

 Unha vez máis, grazas á https://cartaxeometrica.blogspot.com/   

coñecemos a xente que ama e respecta a nosa lingua e a usa... USA!

Este  mestre do estado de Nova York, nos Estados Unidos, explica as razóns polas que se interesou pola nosa lingua e se botou a falala. Comenta que lle dá moita mágoa ver a falta de aprecio polo galego dalgúns cidadáns. Conta o  caso dun veciño da Coruña que se puxo en contacto con el para ter un compañeiro de conversa. El escribiulle en galego, e o coruñés reprochoullo. "Sentinme moi insultado", comenta o mestre. 

Ten unha canle en youtube: https://www.youtube.com/channel/UCzl3jvhyLbmrfBx8-WZG7PA

09 outubro 2020

 ‘O que arde’, preseleccionada para representar o Estado español nos Oscar

O filme de Oliver Laxe é un dos tres escollidos.

 

 O que arde rexistrouse nos Ancares. Elexía e homenaxe ao mundo rural, relata en 85 minutos a historia de Amador Coro e a súa nai. Coro acaba de saír de prisión despois de ser condenado por provocar un incendio. As relacións humanas e o paseniño ritmo cotián da montaña, a cultura campesiña que se esvae e os desaxustes producidos polas mudanzas, valéronlle á peza de Laxe un bo feixe de premios e galardóns nestes meses. 

Nunha entrevista https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/son-galego-non-estou-separado-da-natureza/20191002165515084659.html, Oliver Laxe manifestaba: "Son galego, non estou separado da natureza. Non estou nunha dialéctica coa ela. Fixen este filme de maneira natural. Non foi “quero facer un filme no que a natureza sexa importante”. Estou disolto nela. Sempre fago filmes no rural. E sempre que podo vivo no rural, na natureza. E iso nótase. De feito, estou habitado por esa natureza, por aquel val. Desde pequeno, é un espazo que me habita, tenme secuestrado. Son unha expresión máis dese val, unha ferramenta del. Unha raíz invertida. Hai raíces que van cara á terra e hai raíces que son os seres humanos, unha extensión máis".

 

02 febreiro 2020

O que arde de Óliver Laxe I

QUEREMOS SABER:

O que arde, arte universal arraigada no local galego

Por Maka Arca Camba, membro de ProLingua , 2019-11-30 11:46:00

 O que arde, terceira película de Óliver Laxe, terceira presentada no festival de Cannes, e terceira galardoada, neste caso co Premio do Xurado na sección Un certain regard, eleva a lingua galega ao rango de lingua de cinema, premiada en varios festivais internacionais, a un nivel parello ao que tiña acadado o catalán en 2011 con Pa negre de Agustín Villaronga ou en 2017 con Estiu de 1993, de Carla Simón[1].

Non entraremos a valorar aquí as calidades estéticas do filme, sobradamente ponderadas por personalidades diversas. Centrarémonos só en agradecerlle a Óliver Laxe a súa coherencia persoal porque O que arde é, ante todo, a expresión dun mundo que desaparece, nun lugar concreto do territorio galego, onde Benedicta, Amador, Helena e todos os veciños viven e falan nunha lingua de seu. Afastados dos grandes núcleos de poboación, cunhas condicións de vida case idílicas para o espectador urbano, pero durísimas para quen as ten padecido, os personaxes d´O que arde falan no galego lugués, cos seus trazos característicos; así observamos, entre outros, o uso das formas léxicas mae por nai ou meco no canto de mimo; o emprego do artigo diante don nomes propios (O Amador) ; os pronomes persoais tu e vosoutros... aínda que tamén se rexistran formas propias do galego oriental que corresponde xustamente co territorio dos Ancares, onde se sitúa a historia, coma o plural en –is de camiois (e non camións), as formas muito e cuando ou a terminación –ín de camín no canto do común camiño.
Profundamente galegas resultan tamén a retranca e a maneira de responder unha pregunta con outra. Durante o enterro, un mozote rodeado de amigos vai acender un cigarro e pregúntalle ao incendiario “Amador, tes lume?, con retranca acompañada dunha gran dose de malicia. Cando Benedicta intenta atopar un traballo para o seu fillo e solicita a colaboración de Ignacio “Inacio, e o Amador non podería traballar con vós?”. O Ignacio nin afirma nin nega, limítase a inquirir “ E il quere?”
A preocupación polo mundo rural, en vías de extinción, non é nova. La lluvia amarilla do leonés Julio Llamazares constituíra xa en 1988 unha punxente chamada de atención. Situada nunha aldea do Pirineo aragonés, abandonada por mor do éxodo ás grandes urbes, a novela constitúe o monólogo do derradeiro habitante que, ás portas da morte, evoca os seus veciños.
E a nostalxia da Galicia que ten as súas raíces na terra mesma, coa que se identifican plenamente os personaxes principais, figura tamén na novela Todo o tempo do mundo de David Pérez Iglesias, Premio Merlín 2016. Moitos son os paralelismos entre esta última obra e a película de Óliver Laxe:
1. A importancia das árbores[2] e a consideración destas coma seres vivos, que senten e padecen cando son derrubadas polas forzas do home ou sorprendidas polo lume. As primeiras imaxes d’O que arde resultan estarrecedoras: o espectador asiste átonito á caída de altísimos eucaliptos, abatidos por unhas monstruosas máquinas en medio dun ruído abouxante. Igual de sobrecolledoras se presentan as escenas do incendio final.
2. O carácter taciturno dos principais personaxes masculinos. Homes de poucas palabras establecen, emporiso, unha profunda comunicación coa natureza, á salvagarda da cal dedican os seus esforzos[3], Valente dende sempre e Amador dende a volta á casa. E patente tamén a sensibilidade deste no trato cos animais (o can, as vacas) e, por suposto, con Benedicta, a súa nai. A comunicación non verbal (miradas, silencios, xestos) fai innecesario un longo discurso. Todo está dito de antemán. Por iso, cando o fillo volta dunha longa estancia na cadea, abóndalle con saudar cun “Mae, ola, mae!” a muller que o estivo agardando, silandeira, tanto tempo. E ela responde, obviando a dor pasada, cun tenro “Tes fame?” que lle podería preguntar ao seu neno ao voltar da escola.
Tanto Valente como Amador reservan a súa dozura para os escasos personaxes femininos que lles tocan de preto: a neta, no primeiro caso; e a nai e Helena, a veterinaria, no segundo. Nas poucas palabras que intercambian Amador e Helena, a primeira vez que se atopan, son evidentes tanto a retranca coma un interese especial e mutuo por esa persoa coa que non teñen coincidido nunca. E Amador, tan pouco coidadoso coa súa aparencia física, estreará mesmo un par de zapatos o día no que pensa ver de novo a moza en Navia, co pretexto dos coidados da súa vaca. Mais os dixomedíxomes dos veciños frustrarán esa incipiente amizade, anegando de dor o corazón do mozo e de bágoas os seus ollos. Mentres conduce de volta á casa e no parabrisas do coche se reflicten as imaxes das árbores coas que se cruza e que, horas despois, devirán en cinza, a tristeza asolágao por completo e non deixa, pensamos, nin unha mínima posibilidade de levar a cabo a acción da que despois o acusarán arbitrariamente.
3. O terceiro trazo que, na nosa opinión, achega as dúas obras, ten que ver co despoboamento rural. Valente conserva as chaves das casas de todos os veciños que marcharon, nunha aldea da que el é o derradeiro morador. E a súa neta decide explorar un día aqueles recantos de vida abandonados. Coma ela, os bombeiros, que acoden a intentar salvar os últimos habitantes que se resisten a abandonar a terra, penetran nestes recunchos de intimidade, onde se refuxian as cabras, que triscan fotos antigas, recordos de tempos idos.
Óliver Laxe crea unha obra de arte con valor universal partindo do particular, Galicia, simbolizada na terra dos Ancares, co galego como idioma que conforma esta obra de arte.
O feito de que O que arde estea expresada no noso idioma non constitúe unha pexa para que os espectadores e espectadoras doutras terras e doutras linguas poidan gozar do filme. Todo o contrario: a película está a ser galardoada pola crítica en diferentes festivais internacionais de cine e apreciada por milleiros de persoas en países tan diversos como España, Francia, Arxentina, Grecia...


[1] Unha ollada rápida á Wikipedia permítenos comparar o número de páxinas consagradas ao cine en cada unha desas linguas vernáculas: 17 engalego, 122 en catalán. Parece evidente que o apoio institucional ao idioma varía dunha comunidade a outra.
[2] Valente, protagonista de Todo o tempo do mundo, ensínalle á súa neta Ariadna a linguaxe das árbores.
[3] Resulta conmovedor neste sentido o empeño de Valente en enfrontarse ás máquinas que pretenden perforar as terras dun lugar sen nome (facilmente identificable co Courel) para estableceren alí unha canteira a ceo aberto.

09 xaneiro 2020

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra.

O 17 DE DECEMBRO DE 2019  A Unión Astronómica Internacional anuncia que a HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar.

 A estrela de Rosalía (HD 149143) nunha imaxe de telescopio.

 Rosalía de Castro converteuse este martes 17 de decembro en universal ao anunciar a Unión Astronómica Internacional (IAU) que a estrela HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán a partir de agora o nome da escritora galega e do río Sar a carón do cal viviu e escribiu as súas obras. A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, e apoiada por multitude de persoas e institucións en Galicia, chegou a bo porto e conseguiu ser a máis votada a nivel estatal, polo que gañou o dereito a figurar a partir de agora no mapa do Universo.

A noticia anunciouse nunha rolda de prensa convocada en París pola IAU, na que se deu conta dos resultados da iniciativa Name ExoWorlds, lanzada pola organización científica co gallo do seu centenario, e que involucrou a máis de 110 países. Nos Museos Científicos da Coruña, onde Ío organizou unha xuntanza para seguir o anuncio, a alegría foi notoria ao saber a nova. Na votación española tamén participaban outros dous nomes con especial vinculación con Galicia, Breogán e Ith, propostos polos investigadores da Universidad Autónoma de Madrid Asier Castrillo e Isabel Rebollido (orixinaria de Boiro).

Se miramos cara a constelación de Ofiuco, o encantador de serpes, e atopamos a estrela que a partir de hoxe é xa a estrela de Rosalía, veremos unha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780, pois este sistema planetario está a case 240 anos luz da Terra. E durante boa parte do ano, se os ceos están despexados e nos afastamos da contaminación luminosa, poderemos observar, coa axuda dun telescopio, e mesmo con só uns prismáticos, a HD 149143.
A estrela de Rosalía forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, unha colección de datos estelares compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard, nos Estados Unidos. Pola súa parte, o planeta que o acompañará nese recuncho do universo, Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler. Ten un tamaño algo maior ca Xúpiter e xira moi preto do seu ‘sol’, facendo unha órbita completa arredor del cada catro días.
Máis información na FONTE DA NOTICIA:  https://www.gciencia.com/ciencia/ver-estrela-de-rosalia/

08 decembro 2019

aRi[t]mar

O que é o aRi[t]mar ?

aRi[t]mar Galiza e Portugal é um projeto didático-cultural, desenvolvido inicialmente pela Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, pertencente à Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que tem por objetivo divulgar a música e a poesia galego-portuguesas atuais, aproximando a cultura e a língua dos dois países, no enquadramento e desenvolvimento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do português e vínculos com a Lusofonia.
Com a organização da Equipa de Dinamização da Língua Galega e os departamentos de galego e de português do centro, ao longo do ano letivo trabalhamos de forma didática os textos e as músicas com os nossos alunos e, posteriormente, são escolhidas mediante votação online as melhores canções e poesias editadas na Galiza e na Portugal no ano anterior.
O certame consta de quatro categorias:Melhor tema musical galego, Melhor tema musical português,Melhor poema galego, Melhor poema português.

Poemas premiados 2019




Galiza
Ganhador
Susana Aríns com "E isso é o amor"
2º posto
Emma Pedreira com "Lista da compra da viúva"
3º posto
Andrea Nunes e María Rosendo com "Polinizándome"



Portugal
Ganhador
Marta Chaves com "FACHADA"
2º posto
Alice Vieira com "É com palavras que te vou guardar"
3º posto
José Luís Barreto Guimarães com "Nómada"

 Prémio especial do júri à Embaixada da amizade galego-lusófona: Uxía


PORTUGAL      
Música mais votada:
Os Azeitonas com Efeito do Observador
GALIZA
Música mais votada:
Tanxugueiras com Que non mo neguen

 


 

20 novembro 2019

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS NA IGUALDADE

QUEREMOS SABER... PARA EDUCARNOS 
NA IGUALDADE

 Glosario de termos
Feminismos: movemento teórico, social e político que busca, desde diferentes formas, rachar coas desigualdades e inxustizas relacionadas co sistema sexo-xénero. Noutras palabras, busca a igualdade entre as persoas, o que supón unha toma de conciencia colectiva e a súa mobilización para transformar a sociedade.

Sexo: Habitualmente fai alusión á herdanza xenética que forman as persoas con certas anatomías e aspectos, unha vez máis dividíndonos en dúas opcións, home e muller. Na actualidade, esta perspectiva sobre o sexo está sendo rebatida, xa que non é posible afirmar que o sexo exista separado da cultura. Ademais, hai constancias de que hai diferentes culturas na que non existen só dous sexos.

Xénero: Termo utilizado para delimitar o que entendemos por masculino e feminino. É a construción cultural que fai unha sociedade nun momento histórico e cultural determinado a partir das diferenzas coñecidas como sexo, que no noso caso se dividen en dous.

Identidade de xénero: Fai referencia á identificación co sexo asignado no nacemento e que confronta co que se espera socialmente, tipicamente dentro de dúas opcións: muller e home. Se a persoa non se identifica co sexo asignado, será “trans” e se se identifica co sexo asignado, esta persoa será “cis”.

Transexual: É un termo de orixe médica que diagnosticaba un comportamento de xénero atípico. Hoxe úsase para referirse ás persoas que se desmarcan do xénero que se lles asignou ao nacer. Son persoas que cruzan as fronteiras que son construídas pola súa cultura para definir os patróns que son propios para os homes ou para mulleres. Como identidade, engloba unha heteroxeneidade de experiencias de persoas transexuais, transxéneros, e outros termos que sinalan a transgresión das normas de xénero binarias.

Estereotipos de xénero: Son aqueles que crean expectativas sociais, actitudes, roles que atribuímos a un grupo determinado, neste caso, ao colectivo de homes e de mulleres.

Roles de xénero: Sons construcións culturais da nosa sociedade que esperan das persoas certos comportamentos. Asignan aos homes a masculinidade e as mulleres a feminidade, para o caso das sociedades occidentais. Non todas as culturas perciben os mesmos roles de xénero, nin son necesariamente fixos, nin están ligados á lóxica binaria (muller/home).

Heterosexismo: Consiste en asumir a heterosexualidade como a orientación social maioritaria e normalizada. É o motor da transfobia e da homofobia desde as que se considera que o castigo á transgresión dos roles de xénero tradicionais forma parte inherente da aprendizaxe social.
 
FONTE: Contra a violencia machista, UNIDADE DIDÁCTICA para traballar nas aulas de SECUNDARIA o 25N. (ASPG E CIG-ENSINO)

13 outubro 2019

As razóns do galego

AS RAZÓNS DO GALEGO na Facultade de Bioloxía da USC.

Unha vez máis, grazas ao blog https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/10/as-razons-do-galego-facultade-de.html podemos compartir doadamente campañas normalizadoras e dinamizadoras do noso idioma:



O SNL da USC proponnos unha nova campaña de sensibilización para o uso do galego. Trátase de visibilizar os prexuízos que impiden usar esta lingua. Neste primeiro vídeo o alumnado da Facultade de Bioloxía expoñen as razóns para utilizaren (ou seguiren utilizando) o galego habitualmente na súa actividade académica.
No segundo vídeo tócalle a quenda ao profesorado da mesma facultade. 

Temos o dereito, a necesidade e a obriga ética e moral, de transmitir coñecementos no noso idioma, do contrario, as carencias  serán o herdo que lle deixemos ao noso futuro.

Como mentir coas estatísticas do galego.3

Se Queremos saber a manipulación non terá as mans tan cheas!

Como mentir coas estatísticas do galego.3
 Información recollida no blog:https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/10/como-mentir-coas-estatisticas-do-galego3.html
Este cartel foi difundido polo secretario xeral de política lingüística nas redes sociais. Nel preséntanse seis cifras, todas elas son enganosas. Nun principio cabería esperar que os valores foron obtidos do estudo sobre o galego do IGE (2018) e que as variacións correspóndese á comparación co anterior enquisa do IGE (2013). Xa explicamos que o que se presenta como incremento na lectura en galego (+3,95%)  non é tal, senón a cifra absoluta da porcentaxe dos que len máis en galego ca en castelán. Os incrementos no trato cos superiores e cos clientes, foron obtidos sumando as pocentaxes de "só en galego" con "máis en galego", porén  o +2,71% é a cifra de incremento de uso exclusivo do galego cos comerciantes. Se neste caso non se lle engadiu a de "máis en galego" foi porque esta porcentaxe era negativa. Velaí, que segundo conveña a Xunta escolle ben uns datos, ben outros, e así manipula todos os valores.
Pasemos a explicar as dúas últimas cifras que aínda non se analizaron.
Lemos no cartel publicitario da Xunta o seguinte anuncio: un 48% emprega o galego nas redes sociais. Consultamos a fonte. 



As cifras non coinciden. Que sucede? De onde sae ese 48%? Aquí conviña que o lector investigase nos datos e intentase pescudar como obter esa cifra dun 48% antes de seguir lendo. A resposta é para nota.
      ..................................................................................................................................................
      ..................................................................................................................................................
A cifra obterémola cando sumemos as as porcentaxes correspondentes ao ítems "en galego sempre", "máis galego ca castelán" e... "máis castelán ca galego"!: 8,25 +18,03+21,65=47,93, que, redondeando, nos dá ese misterioso 48% . As mesmas razóns servirían para sumar un 92% ("en castelán sempre"+"máis castelán ca galego"+"máis galego ca castelán") de internautas que e empregan o castelán nas redes sociais. Nin este valor, nin o ofrecido pola Xunta son realmente informativos. Se o propósito fose o de facer unha análise seria e rigurosa para adoptar as medidas acaídas ao que reflicten os datos sociolingüísticos non se manipularían os datos.

Consideremos agora a cifra de +4,48%. O cartel foi publicado xusto despois de facérense públicos os datos do IGE sobre o uso do galego no 2018. Todo o mundo entende, polo contexto, que respecto do anterior estudo, do 2013, houbo un aumento dun 4,48% do uso do galego na internet. No seguinte gráfico temos todos os datos desta epígrafe.




Un exercicio moi ilustrativo consistiría en obter, a partir dos datos aquí expostos, o valor destacado pola Xunta: +4,48%. Aposto a que prácticamente ninguén é capaz de obtelo. Con todo, conviña pararse un momento a intentalo antes de continuar lendo. Outra vez a pescuda é para obter unha nota alta, pois a deturpación é ben retorta.
     ......................................................................................................................................................

Vou dar a solución: ー4,48= 69,47-73,95. Efectivamente, houbo un decrecemento dun 4,48% na navegación exclusivamente en castelán no período 2013-2018. A manipulación non é pequena, a Xunta toma, sen xustificación algunha, este decrecemento do castelán como un crecemento do uso do galego. Que manda truco! Basta mirar á esquerda do diagrama de barras para ver que a porcentaxe dos que navegan sempre en galego é ridícula e que, neste caso, se houbo aumento, nin sería prudente indicalo pois prácticamente queda subsumido no erro que se lle permite cometer aos datos do IGE.
É imposible que alguén con algo de vergonza se atreva a divulgar que houbo un incremento dun 4,48% no uso do galego en internet, sabendo que a cifra dos que navegan nesta lingua é dun 1,29%.

Como mentir coas estatísticas do galego.2

Se Queremos saber a manipulación non terá as mans tan cheas!

Como mentir coas estatísticas do galego.2 
 Información recollida no blog: https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/10/como-mentir-coas-estatisticas-do-galego2.html

Seguimos co estudo da manipulación que fai a Xunta dos datos obtidos polo Institituto Galego de Estatística (IGE) sobre o estado da lingua galega e seguimos tamén co mesmo cartel.

Ámbito laboral
Nesta ocasión botarémoslle un ollo aos datos marcados e que fan referencia a dúas grandes áreas do estudo do IGE, as correspondentes ao ámbito social e laboral. Con respecto ao segundo grupo recóllense dous datos neste cartel, un incremento de +3,11% na lingua empregada cos superiores e outro +2,29% na utilizada cos clientes. O que non se di é que estas cifras obtivéronse de sumar os ítems "en galego sempre" con "máis en galego ca castelán" polo que no anunciado incremento de uso do galego, vai incluída unha parte que podemos atribuir á outra lingua. En todo caso, para obter estes resultados houbo que facer sumas de porcentaxes moi pequenas. Sacar conclusións triunfalistas disto é polo menos aventurado. Veremos a razón.
Para facer unha enquisa cómpre escoller unha mostra. Os datos obtidos son os resultados da mostra, non os da poboación. Así e todo, se somos prudentes, podemos tirar determinadas conclusións sobre esta última. Esa prudencia consiste en ter sempre presente que os valores que ofrecemos non son exactos; poden estar sometidos determinados erros. A ventaxa, neste caso, é que o estudo do IGE pode abarcar unha mostra enorme, duns 23.000 individuos, polo que o erro para datos de toda a poboación galega nunca debería superar, con bastante seguridade, 土 0,65%. Velaí que o máis prudente sería consignar que nos últimos cinco anos houbo un estancamento na situación, sobre todo se acompañamos dunha visión máis ampla.
No ámbito laboral o IGE ofrece tamén resultados sobre a lingua usada cos compañeiros e cos empregados. En todos os casos vemos un panorama con porcentaxes moi semellantes para 2013 e 2018. Que sentido ten buscar cifras irreais e descontextualizadas?




 Ámbito social
Quédanos aínda un valor por comentar, ese +2,71% na epígrafe "con comerciantes". Aquí si, a cifra é correcta e fai referencia á evolución do ítem"en galego sempre". Nesta ocasión non se lle sumou a correspondente diferenza ao ítem "máis en galego ca castelán", posiblemente porque aquí houbo unha pequena redución de -0,38%. Polo tanto, se tivesen a honestidade de colocar sempre a mesma cifra, no canto dun +2,71 deberían ter posto +2,33. Unha forma ben miserable de manchar as mans. Total, por unhas décimas. A prepotencia é o que ten.
Outra vez non se dan as outras cifras do ámbito social: na relación cos amigos, o médico, a banca ou a Administración os resultados do 2018 prácticamente repiten os do 2013. Tamén se oculta a variación máis grande de todo o ámbito social e que se dá na lingua con que se fala cos profesores dos fillos. Neste caso os que só usan o castelán aumentan nun +4,02%. Ben curioso a Xunta oculte  o maior de todos os incrementos.
Ficou claro. A Xunta mente. Ademais no tema da lingua faino decote. Ten que ofrecer unha visión triunfalista e deturpada da situación da lingua para xustificar unha atroz política lingüística.
Se somos serios e honrados non creo que de todos estes datos se poida extraer outra conclusión de que o declive do galego freouse nestes dous ámbitos durante estes últimos cinco anos. Isto lévanos a enxergar que hai unha masa social resistente que está disposta a apostas pola nosa lingua. Xa que logo, debemos aproveitala. Outra lección que sacamos destes datos é o fracaso de todos eses agoreiros da morte inmediata do galego.
Agora ben, o retrato xeral non é bo. Nos ámbitos social e laboral houbo dun decrecemento de uso do galego de entre un 11% e un 13% no transcurso dos últimos 15 anos. Se abrimos o foco, o panorama neste intervalo é como o do seguinte gráfico, co galego (liñas azuis) en descenso e o castelán (liñas vermellas) superando ás azuis.



FONTE: https://cartaxeometrica.blogspot.com/2019/10/como-mentir-coas-estatisticas-do-galego2.html

Como mentir coas estatísticas do galego. 1

Se Queremos saber a manipulación non terá as mans tan cheas!

Manipular, do latín manipulare, "todo o que se pode operar coas mans" . Formado  a partir do manipulus "mans cheas". 
Os sentidos figurados están ben acaídos para o tema que nos ocupa: " Tratar [un asunto] da maneira que máis convén aos propios intereses, sen ter en conta os dereitos dos demais"
 " Realizar diversas  operacións ou manobras de forma oculta para alterar ou falsear [unha cousa]". Fonte: https://portaldaspalabras.gal/dicionario/procura/manipular

 Como mentir coas estatísticas do galego. 1

 Nunha serie de entradas vannos mostrar a adulteración que, desde o goberno galego, se fai dos datos obtidos polo IGE na enquisa quinquenal de coñecemento e uso do galego

Nesta ocasión comenzaremos coa última cifra deste cartel, divulgado desde as altas instancias da Secretaría Xeral de Política Lingüística. aos poucos días de publicarse os datos do IGE. Parece que se fai referencia a que houbo un aumento, +3,95%, da lectura en galego. Polo contexto enténdese que as cifras indican incrementos dos resultados da enquisa do IGE do 2018 respecto da anterior, do 2013. Se facemos a comparativa entre os datos destas dúas enquisas sobre a lingua dos libros que lemos os galegos, vemos que non houbo cambios. O máis prudente sería afirmar que neste aspecto a situación segue igual. Entón, de onde sae esa cifra de +3,95%? Non se trata de ningún incremento, fai referencia á porcentaxe de persoas que len máis en galego que en castelán (datos 2018). A gráfica explica moi ben tanto a mentira do cartel como a febleza do mundo editorial en galego, moi condicionado por unha lei zombie, que frustra o seu potencial.
 En todo caso o mellor é ir á fonte limpa e consultar os datos da porcentaxe de persoas segundo a lingua que usan para ler libros:

12 outubro 2019

Coñecemento e uso do galego 5

Coñecemento e uso do galego 5

Do xornal  Praza Pública recollemos tamén  o artigo baixo o lema común de "As cifras do galego": A quebra na transmisión xeracional do galego certifica a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua
(...) A transmisión do galego das xeracións maiores ás máis mozas sufriu unha evidente creba nos últimos anos e todo semella indicar que unha eventual recuperación do uso habitual do galego pasa pola poboación neofalante. Isto é, por quen tiveron o castelán -ou outro idioma- como lingua materna ou inicial, pero co paso do tempo optan por empregar maioritariamente o galego na súa vida cotiá.
(...)  Na poboación menor de 40 anos xa son minoría as persoas ás que, durante a infancia, os seus pais e nais lles falaban só ou maioritariamente en galego. 
Poboación á que que pais e nais lle falaban durante a infancia só ou maioritariamente en galego, por idades:



(...) O fenómeno do neofalantismo é estudado dende hai tempo como "crucial no presente e no futuro das linguas minorizadas". Desta base parten os estudos do proxecto de investigación NEOS da Universidade de Vigo, que aborda O neofalante como suxeito social: o proceso de conversión lingüística en Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano no marco do grupo de investigación GRADES.
Co obxectivo de presentar os estudos máis recentes na materia e tamén de "abrir espazos para esta reflexión", os vindeiros 17 e 18 de outubro celébrase na Facultadade de Filoloxía e Tradución da UVigo o simposio internacional NEOS. Nel, explican dende a organización do encontro, reflexionarase "sobre os pasos necesarios para que, máis aló do impacto académico, poidamos acadar unha repercusión real e efectiva na recuperación das linguas minorizadas nas que as persoas neofalantes supoñen un motivo para a esperanza".
Durante dúas xornadas o programa do simposio inclúe a abordaxe, mediante persoas que estudaron a fondo cada caso, a situación e impacto da poboación neofalante en Galicia, Euskadi, a Comunitat Valenciana ou Aragón. A conferenciante plenaria do simposio é a doutora Jacqueline Urla, da Universidade de Massachusetts Amherst.

07 outubro 2019

Coñecemento e uso do galego 4

Coñecemento e uso do galego 4
Do xornal  Praza Pública recollemos unha serie de artigos baixo o lema común de "As cifras do galego"

Máis da metade da audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego (Autor David Lombao @davidlombao 

Case catro décadas despois de que o Estatuto de Autonomía encomendase aos poderes públicos de Galicia "potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa", a lingua galega é minoría absoluta nos medios de comunicación. O galego só é o idioma de uso habitual, alén da CRTVG, nuns poucos xornais e publicacións periódicas, así como nalgunhas emisoras de radio. Así o acreditan os datos que vén de divulgar o Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao ano 2018. Así e todo, a oficina estatística pública tamén revela outro dato: máis da metade audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego, mesmo en maior proporción que hai media década, primeira vez que o IGE realizou esta pregunta. 

Pero neste, como en tantos outros casos, desexos e realidade non cadran nin de lonxe. O castelán é maioritario na consulta habitual de información en todos os soportes, especialmente na información en internet e nos xornais impresos. A maior proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión, segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia.
A respecto da anterior edición do estudo, en 2013, o único indicador que mellora para o galego é o da consulta de internet, onde aumenta a proporción de poboación que di facelo sempre ou maioritariamente en galego. Así e todo, a suma destes dous indicadores é absolutamente minoritaria e entre ambos apenas superan o 5%. 

Vigo é a cidade onde menos se fala galego; Lugo e Santiago, onde máis

(Autores: Miguel Pardo e David Lombao. Venres 27, setembro 2019)

O uso do galego varía moito segundo a área ou concello de Galicia que analicemos. Unha ollada aos datos achegados polo IGE amosa como as áreas da Coruña suroriental, que comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide, a Costa da Morte son as que presentan maior porcentaxe de poboación que ten o galego como lingua habitual sempre ou que a usa máis que o castelán, con cifras superiores ao 93% e ao 92% respectivamente. Pola contra, a área de Vigo é, con bastante diferenza, a zona onde menos se usa a lingua propia, seguida da da Coruña (que comprende a comarca coruñesa e a de Betanzos) e a de Ferrol-Eume-Ortegal.

Tendo en conta a evolución da porcentaxe de persoas que en cada área definida polo IGE fala "sempre" en galego ou "máis en galego que en castelán", o maior descenso no uso da lingua propia nos últimos cinco anos deuse na área de Ourense (-8,2%) e na de Vigo (-5,5%), mentres que os maiores incrementos tiveron lugar na da Coruña (+14%), Caldas-O Salnés (+14%) e Barbanza-Noia (+12%). 


O galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación

 (Autor: Miguel Pardo. Venres 27, setembro 2019)

O uso do galego estáncase. A precaria evolución na transmisión interxeracional, no ensino e no prestixio social provocan que a lingua propia manteña a día de hoxe os problemas que os datos revelaron hai xa cinco anos, sen mellora ningunha pero sen un grande empeoramento tampouco. O galego resiste, malia todo, como idioma maioritario da poboación galega pero segue a ser moi minoritario entre as xeracións máis novas. 

FONTE:  https://praza.gal/temas/as-cifras-do-galego