07 outubro 2019

Coñecemento e uso do galego 4

Coñecemento e uso do galego 4
Do xornal  Praza Pública recollemos unha serie de artigos baixo o lema común de "As cifras do galego"

Máis da metade da audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego (Autor David Lombao @davidlombao 

Case catro décadas despois de que o Estatuto de Autonomía encomendase aos poderes públicos de Galicia "potenciar o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa", a lingua galega é minoría absoluta nos medios de comunicación. O galego só é o idioma de uso habitual, alén da CRTVG, nuns poucos xornais e publicacións periódicas, así como nalgunhas emisoras de radio. Así o acreditan os datos que vén de divulgar o Instituto Galego de Estatística (IGE) referentes ao ano 2018. Así e todo, a oficina estatística pública tamén revela outro dato: máis da metade audiencia dos medios de comunicación desexa máis contidos en galego, mesmo en maior proporción que hai media década, primeira vez que o IGE realizou esta pregunta. 

Pero neste, como en tantos outros casos, desexos e realidade non cadran nin de lonxe. O castelán é maioritario na consulta habitual de información en todos os soportes, especialmente na información en internet e nos xornais impresos. A maior proporción de consumo de contidos en galego dáse na televisión, segundo o IGE, e non chega nin ao 20% da audiencia.
A respecto da anterior edición do estudo, en 2013, o único indicador que mellora para o galego é o da consulta de internet, onde aumenta a proporción de poboación que di facelo sempre ou maioritariamente en galego. Así e todo, a suma destes dous indicadores é absolutamente minoritaria e entre ambos apenas superan o 5%. 

Vigo é a cidade onde menos se fala galego; Lugo e Santiago, onde máis

(Autores: Miguel Pardo e David Lombao. Venres 27, setembro 2019)

O uso do galego varía moito segundo a área ou concello de Galicia que analicemos. Unha ollada aos datos achegados polo IGE amosa como as áreas da Coruña suroriental, que comprende as comarcas de Arzúa, Ordes e Terra de Melide, a Costa da Morte son as que presentan maior porcentaxe de poboación que ten o galego como lingua habitual sempre ou que a usa máis que o castelán, con cifras superiores ao 93% e ao 92% respectivamente. Pola contra, a área de Vigo é, con bastante diferenza, a zona onde menos se usa a lingua propia, seguida da da Coruña (que comprende a comarca coruñesa e a de Betanzos) e a de Ferrol-Eume-Ortegal.

Tendo en conta a evolución da porcentaxe de persoas que en cada área definida polo IGE fala "sempre" en galego ou "máis en galego que en castelán", o maior descenso no uso da lingua propia nos últimos cinco anos deuse na área de Ourense (-8,2%) e na de Vigo (-5,5%), mentres que os maiores incrementos tiveron lugar na da Coruña (+14%), Caldas-O Salnés (+14%) e Barbanza-Noia (+12%). 


O galego resiste como lingua maioritaria da metade da poboación

 (Autor: Miguel Pardo. Venres 27, setembro 2019)

O uso do galego estáncase. A precaria evolución na transmisión interxeracional, no ensino e no prestixio social provocan que a lingua propia manteña a día de hoxe os problemas que os datos revelaron hai xa cinco anos, sen mellora ningunha pero sen un grande empeoramento tampouco. O galego resiste, malia todo, como idioma maioritario da poboación galega pero segue a ser moi minoritario entre as xeracións máis novas. 

FONTE:  https://praza.gal/temas/as-cifras-do-galego

Ningún comentario: