12 outubro 2019

Coñecemento e uso do galego 5

Coñecemento e uso do galego 5

Do xornal  Praza Pública recollemos tamén  o artigo baixo o lema común de "As cifras do galego": A quebra na transmisión xeracional do galego certifica a importancia da poboación neofalante no futuro da lingua
(...) A transmisión do galego das xeracións maiores ás máis mozas sufriu unha evidente creba nos últimos anos e todo semella indicar que unha eventual recuperación do uso habitual do galego pasa pola poboación neofalante. Isto é, por quen tiveron o castelán -ou outro idioma- como lingua materna ou inicial, pero co paso do tempo optan por empregar maioritariamente o galego na súa vida cotiá.
(...)  Na poboación menor de 40 anos xa son minoría as persoas ás que, durante a infancia, os seus pais e nais lles falaban só ou maioritariamente en galego. 
Poboación á que que pais e nais lle falaban durante a infancia só ou maioritariamente en galego, por idades:



(...) O fenómeno do neofalantismo é estudado dende hai tempo como "crucial no presente e no futuro das linguas minorizadas". Desta base parten os estudos do proxecto de investigación NEOS da Universidade de Vigo, que aborda O neofalante como suxeito social: o proceso de conversión lingüística en Galicia, Euskadi, Aragón e País Valenciano no marco do grupo de investigación GRADES.
Co obxectivo de presentar os estudos máis recentes na materia e tamén de "abrir espazos para esta reflexión", os vindeiros 17 e 18 de outubro celébrase na Facultadade de Filoloxía e Tradución da UVigo o simposio internacional NEOS. Nel, explican dende a organización do encontro, reflexionarase "sobre os pasos necesarios para que, máis aló do impacto académico, poidamos acadar unha repercusión real e efectiva na recuperación das linguas minorizadas nas que as persoas neofalantes supoñen un motivo para a esperanza".
Durante dúas xornadas o programa do simposio inclúe a abordaxe, mediante persoas que estudaron a fondo cada caso, a situación e impacto da poboación neofalante en Galicia, Euskadi, a Comunitat Valenciana ou Aragón. A conferenciante plenaria do simposio é a doutora Jacqueline Urla, da Universidade de Massachusetts Amherst.

Ningún comentario: