Amosando publicacións coa etiqueta ROSALÍA DE CASTRO. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta ROSALÍA DE CASTRO. Amosar todas as publicacións

18 xaneiro 2020

"Tecín soia" da Banda da Loba

"Tecín soia" da Banda da Loba e outro tema do Álbum Fábrica de luz. Nesta ocasión a letra é do poema de Rosalía "Tecín soia a miña tea...(As viúdas dos vivos e as viúvas dos mortos de  FOLLAS NOVAS) :

 
   Tecín soia a miña tea,
   sembrei soia o meu nabal,
    soia vou por leña ó monte,
    soia a vexo arder no lar.
    Nin na fonte nin no prado,
    así morra coa carrax,
    el non ha de virme a erguer,
    el xa non me pousará.
    ¡Que tristeza! O vento soa,
    canta o grilo ó seu compás…;
    ferve o pote…, mais, meu caldo,
    síña te hei de cear.
    Cala, rula; os teus arrulos
    ganas de morrer me dan;
    cala, grilo, que si cantas,
    sinto negras soidás.
    O meu homiño perdeuse,
    ninguén sabe en onde vai…
    Anduriña que pasache
    con el as ondas do mar;
    anduriña, voa, voa,
    ven e dime onde está.

09 xaneiro 2020

24 de febreiro: Día de Rosalía



 Se Rosalía xa é unha estrela no Universo... ben pode ter o seu día o 24 de febreiro!!!








Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra

Rosalía de Castro xa ten estrela a 240 anos luz da súa terra.

O 17 DE DECEMBRO DE 2019  A Unión Astronómica Internacional anuncia que a HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán o nome da escritora galega e do río Sar.

 A estrela de Rosalía (HD 149143) nunha imaxe de telescopio.

 Rosalía de Castro converteuse este martes 17 de decembro en universal ao anunciar a Unión Astronómica Internacional (IAU) que a estrela HD 149143 e o seu exoplaneta HD 149143 b levarán a partir de agora o nome da escritora galega e do río Sar a carón do cal viviu e escribiu as súas obras. A campaña, impulsada pola Fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, e apoiada por multitude de persoas e institucións en Galicia, chegou a bo porto e conseguiu ser a máis votada a nivel estatal, polo que gañou o dereito a figurar a partir de agora no mapa do Universo.

A noticia anunciouse nunha rolda de prensa convocada en París pola IAU, na que se deu conta dos resultados da iniciativa Name ExoWorlds, lanzada pola organización científica co gallo do seu centenario, e que involucrou a máis de 110 países. Nos Museos Científicos da Coruña, onde Ío organizou unha xuntanza para seguir o anuncio, a alegría foi notoria ao saber a nova. Na votación española tamén participaban outros dous nomes con especial vinculación con Galicia, Breogán e Ith, propostos polos investigadores da Universidad Autónoma de Madrid Asier Castrillo e Isabel Rebollido (orixinaria de Boiro).

Se miramos cara a constelación de Ofiuco, o encantador de serpes, e atopamos a estrela que a partir de hoxe é xa a estrela de Rosalía, veremos unha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780, pois este sistema planetario está a case 240 anos luz da Terra. E durante boa parte do ano, se os ceos están despexados e nos afastamos da contaminación luminosa, poderemos observar, coa axuda dun telescopio, e mesmo con só uns prismáticos, a HD 149143.
A estrela de Rosalía forma parte do catálogo Henry Draper de estrelas, unha colección de datos estelares compilado a principios do s. XX pola astrónoma Annie Jump Cannon e os seus colaboradores do Observatorio de Harvard, nos Estados Unidos. Pola súa parte, o planeta que o acompañará nese recuncho do universo, Río Sar, foi descuberto en 2005 desde o Observatorio da Alta Provenza (Francia) coa técnica de espectroscopia Doppler. Ten un tamaño algo maior ca Xúpiter e xira moi preto do seu ‘sol’, facendo unha órbita completa arredor del cada catro días.
Máis información na FONTE DA NOTICIA:  https://www.gciencia.com/ciencia/ver-estrela-de-rosalia/

15 maio 2019

CARMEN REY "Galicia encantada"

Hoxe recuperamos este tema interpretado por Carmen Rey, recentemente premiada co Martín Códax na categoría de blues, funk e soul. A letra é dun poema de Rosalía:
CARMEN REY "Galicia encantada"


Poema de Rosalía de Castro musicalizado por Carmen Rey , arranxos de Nani Garcia. , Perico Sambeat (saxo), Nani García (piano), Antonio Brávo (guitarra), Alfonso Morán (contrabaixo), Fernando Llorca (batería), Javier Ferreiro (percusión).
 Concerto en directo dende Noia.( Desculpas pola calidade de imaxe).

A letra pertence á parte III e IV do poema que fai de prólogo poético de Cantares Gallegos " Has de cantar"
 (...)
III
Lugar máis hermoso
non houbo na terra
que aquel que eu miraba,
que aquel que me dera.

Lugar máis hermoso
no mundo n'achara
que aquél de Galicia.
¡Galicia encantada!

¡Galicia frolida!
Cal ela ningunha,
de froles cuberta,
cuberta de espumas.

De espumas que o mare
con pelras gomita;
de froles que nacen
ó pe das fontiñas.

De valles tan fondos,
tan verdes, tan frescos,
que as penas se calman
nomáis que con velos.

Que os ánxeles neles
dormidos se quedan,
xa en forma de pombas,
xa en forma de niebras.

IV
Cantarte hei, Galicia,
teus dulces cantares,
que así mo pediron
na beira do mare.

Cantarte hei, Galicia,
na lengua gallega,
consolo dos males,
alivio das penas.
(...)

28 febreiro 2019

MÚSICA PARA ROSALÍA

GUADI GALEGO: "Tecín soia a miña tea"



Letra :

Tecín soia a miña tea

Tecín soia a miña tea,
sembréi soia o meu nabal,
soia vou por leña ó monte,
soia a vexo arder no lar.
Nin na fonte nin no prado,
así morra coa carrax,
el non ha de virme a erguer,
el xa non me pousará.
¡Qué tristeza! O vento soa,
canta o grilo ó seu compás...;
ferve o pote..., mais, meu caldo,
soíña te hei de cear.
Cala, rula; os teus arrrulos
ganas de morrer me dan;
cala, grilo, que si cantas,
sinto negras soidás.
O meu homiño perdéuse,
ninguén sabe en ónde vai...
Anduriña que pasache
con el as ondas do mar;
anduriña, voa, voa,

ven e dime en ónde está.

MÚSICA PARA ROSALÍA

MJ PÉREZ: "Castellanos de Castilla"



Rosalía ft. Rosalía - MALAXENTE Cap.1: Castellanos de Castilla. Esta é unha COVER, unha versión da canción "Malamente", de Rosalía, fusionada co poema "Castellanos de Castilla" de Rosalía de Castro. Interpretada pola cantautora galega MJ Pérez, para celebrar o #DíaDeRosalía

Castellanos de Castilla

Castellanos de Castilla,
tratade ben ós gallegos;
cando van, van como rosas;
cando vén, vén como negros.

-Cando foi, iba sorrindo;
cando veu, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.

Aquel máis que neve branco,
aquél de dosuras cheio,
aquél por quen eu vivía
e sin quen vivir non quero.

Foi a Castilla por pan,
e saramagos lle deron;
déronlle fel por bebida,
peniñas por alimento.

Déronlle, en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos,
tendes corazón de ferro!

(...)

Seguir lendo: http://poemasderosalia.blogspot.com/2010/09/castellanos-de-castilla.html

MÚSICA PARA ROSALÍA

SON TRÍO: "Unha rosa"




Fonte: https://www.youtube.com/channel/UCa3OtCNGzJ-WSpZ7QwSAG6A

 Letra do poema:

Mais ve que o meu corazón

   Mais ve que o meu corazón
é unha rosa de cen follas,
i é cada folla unha pena
que vive apegada noutra.

   Quitas unha, quitas dúas:
penas me quedan de sobra;
hoxe dez, mañán corenta,
desfolla que te desfolla...

   ¡O corazón me arrincaras

MÚSICA PARA ROSALÍA

 DENDE O CONCELLO DA ESTRADA


FONTE: https://www.youtube.com/channel/UCTBs4R14jqH0Lbh1oQoun3A
O Concello e a veciñanza da Estrada renden a súa homenaxe particular á figura de Rosalía de Castro a través dun video clip gravado por boa parte dos músicos e bandas estradenses. Nesta ocasión, a homenaxe maniféstase a través dunha declaración de amor. Unha declaración de amor ao legado literario e vital da autora que se resume no lema Estás en min. A escolla deste lema non é casual; xa que se inspira na mítica composición de Ben. E. King Stand by me (Conta comigo). No ano 2005, o productor e enxeñeiro musical Mark Johnson puxo en marcha o proxecto Playing for change, que trataba de conectar todo o planeta a través da música. Como metáfora desta unión, na interpretación e gravación desta canción van participando músicos de todo o mundo, como un sinónimo de integración e convivencia intercultural. Este é o obxectivo do noso proxecto: Unir a artistas e bandas estradenses de distinta procedencia musical no reto de renderlle unha homenaxe a Rosalía. Tomando como base o video clip de Mark Johnson, bandas estradenses como Gabriel Estrada (Plan Siberia), Pablo Carracedo "Jasper" e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band) e artistas como Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira participaron na gravación e filmación do proxecto audiovisual. Pola súa banda, da dirección e realización do proxecto audiovisual encargouse o realizador estradense Lucas Terceiro, e da produción musical, Valentín Torrado.

18 febreiro 2019

24 DE FEBREIRO "DÍA DE ROSALÍA"

Día de Rosalía de Castro 2019

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2019

*Manifesta que escribe, escribe, escribe. E a escritura é unha acción.
*Manifesto eu que escribir ela así no seu tempo é unha acción contra os grillóns da escravitude. Libre o seu pensamento
*Manifesta o poema
o espolio                     dunha perenne miseria,
as violacións                a roupa de cote puñéronma en tiras,
a inxustiza social          sin abrigo tembra,
os desafiuzamentos      embargaránnos todo,
o abuso laboral            que se amargo pan vos ganan / dádesllo envolto en veneno
os éxodos                    en errantes hordas.
Do XIX ao XXI
*Manifesto eu que un poema con palabras da lingua que eu falo –que non é aquela que bastardean nas mais ilustradisimas provincias– aínda hoxe é un Manifesto. A miña infeliz patria tan desventurada
*Aqués que tén fama de honrados na vila. Galicia. Ano 2017. 82 agresións sexuais
raposos de sangre maldita. Galicia. Ano 2017. 6436 denuncias por violencia de xénero
vendéume a xusticia. manda, manda, manda, fato, rabaño
Dun golpe!
                                – Manifesta acción o poema
*Na xa vella baranda un corpo fala. Arrima o seu seo e no frío da reixa tatúa incisións. Traspasa as nosas carnes.
*Estas migallas de liberdade. Alertou. Tenteamos nós compracentes os rostros que nos cegan.
*Aquelas escuras e valerosas heroínas que viven e morren levando a cabo feitos marabillosos por sempre ignorados. – Manifesta que existen
*De humanos seres a compauta linea polas fronteiras pechadas en columnas nómades, en fronte o arame.
Do XIX ao XXI
*Escrito en medio de todos-los desterros. Manifesta que sabe que non a escoitan
*Do meu dor sin igual i a miña afrenta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran.
*Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra.
*Indóciles nos camiños desertos eses versos.
*Cantos de independencia e liberdade. Manifesto.
*Acción que se inunda e anega. Cantarte hei
Ana Romaní
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
#LibreOMeuPensamento_rdc_19

24 febreiro 2018

Rosalía musicada

ALGÚNS ENLACES PARA ESCOITAR A ROSALÍA MUSICADA



https://www.youtube.com/playlist?list=PLx_6GbFVSQJt0gNTvgqTvxGPWxhiEQFBf

http://sondepoetas.blogspot.com.es/search/label/Rosal%C3%ADa%20de%20Castro


Lembrando o día de Rosalía

No 2014 o alumnado do IES J. Prieto Nespereira celebrou reivindicando  así o Día de Rosalía.





 


24 de Febreiro, Día de Rosalía

Un 24 de Febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro.
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) celebra e propón desde 2010 á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo.

Cada ano a AELG encomenda a un autor/a o texto do manifesto que se propón ler en cada un dos actos que calquera entidade ou colectivo queira organizar para celebrar o Día de Rosalía de Castro. Este ano foi María Reimóndez a encargada da elaboración do seguinte
Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2018: Abride a fiestra
Nun mundo de fiestras pechadas, buscamos o refacho de vento que as abra de vez. Nun mundo que busca facer as comunidades e as persoas máis pequenas, os cartos e a cobiza máis grandes, precisamos forza e profundidade, emoción e pensamento. Ante as fiestras pechadas contra a vida, contra as voces das mulleres, das desprazadas e das nosas outras cómprenos unha palabra firme e abranguente que nos guíe. No bater das fiestras que cheiran a couza do pasado, a mentiras que repetidas mil veces queren chegar a ser verdades, a fala que se nos rouba e aire que nos falta precisamos a bravura das mareas e o salvaxe das montañas. Precisamos todo do que falou e todo o que foi Rosalía de Castro.
Ela é o refacho que busca abrir as nosas fiestras. Un refacho que chega dende o pasado para nos falar do futuro. Un refacho que quere abrir a fiestra para que poidamos navegar. Coa forza das baleas, da que busca novas fillas do mar, da que se ri dos papeis de xénero e nos anima a redefinilos como literatas. Un refacho que trae a voz de todas as meniñas gaiteiras que están por chegar. Un refacho que canta a vida e transforma todo dende as raíces.
Mais para que o refacho entre, precisa da nosa vontade. Pídenos, imperiosa: Abride a fiestra!
E na nosa man está abrir a fiestra. Abrila para vermos a muller, a escritora, a irredutible. A voz que nos une ás rebeldes do mundo, que fascina coa súa luz por onde pasa, que nos ofrece a súa clarividencia para tecermos novas alianzas, a que sempre está do lado da xustiza, do noso lado, a que sempre está aínda por descubrir. Porque en todos os recunchos do mundo, mais sobre todo aquí, en Galicia, hai rosalías que cantan e que falan, alancando con brillantes e destemidas botas azuis entre a lama.
Rosalías que abrimos a fiestra saíndo á rúa contra o espolio da terra que ela cantou, ecolóxica antes de que existise nin o termo. Cada vez que nos negamos a seguir converténdonos en plantación de eucaliptos, minas, xeriátrico e mercadoría, reivindicando a paisaxe que ela utilizou politicamente coma ninguén. Cada vez que pulamos polo público, a sanidade, o transporte, as axudas a quen está na marxe e ela puxo sempre, dende o afecto e a transgresión, no centro. Cada vez que desfacemos o discurso que sustenta a violencia de tantos
Pedros mediante a escrita e a acción feminista, contra todos eses que seguen ladrando mentres nosoutras camiñamos.
Abride a fiestra para as viaxes interiores, para a coraxe dos afectos, para sermos das que non temos medo de pensar e de sentir simultaneamente, de recoñecernos mulleres con palabra e voz propia, herdeiras e compañeiras daquela que en cada dedicatoria se recoñecía nas súas iguais.
Abride a fiestra á afouteza e ao abraio, á redefinición do que a historia dos homes fixo de mulleres irreverentes coma ela.
Abride a fiestra porque Rosalia de Castro é o mundo que está por facer. Un mundo que se abre se o abrimos.