07 outubro 2019

Coñecemento e uso do galego 3

Coñecemento e uso do galego 3
Nas dúas entradas anteriores recollemos datos obtidos do IGE  . Hoxe imos incorporar a opinión deses  resultados aparecidos en medios de comunicación galegos, RESALTAMOS TITULARES E FONTES:
  
Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2019 |

Debate sobre o futuro do galego: A Xunta asegura que se consolida como “lingua maioritaria” en Galicia
Tras a publicación por parte do IGE dos datos sobre o seu uso, A Mesa (Mesa pola Normalización) di que se constata “a falta de liberdade para vivir” neste idioma e a súa conversión "nunha lingua estranxeira no propio país".
 
Os datos que o Instituto Galego de Estatística (IGE) fixo públicos este venres sobre o coñecemento e uso do galego da Enquisa estrutural a fogares de 2018 están dando moito que falar, tanto, que as valoracións son completamente diverxentes en función de quen as emita. Así, mentres que para a Consellería de Cutlura as cifras amosan que o galego se consolida como “lingua maioritaria” de Galicia, para a Mesa  “constatan a falta de liberdade para vivir en galego”. Así, di que o informe do IGE apunta a unha perda continuada de falantes, especialmente no ámbito urbano, e mais a diglosia nas relacións sociais, cunha importante baixada do número de persoas que empregan só o galego en servizos docentes (23,48%), sanitarios (27,88%), administrativos (29,30), bancarios (28,72%) ou comerciais (30,27%). 
"Unha situación favorecida", denuncia o presidente da Mesa pola Normalización, Marcos Maceira, "pola vulneración de dereitos lingüísticos e pola exclusión do idioma de Galiza de grande parte dos ámbitos de uso e pola imposibilidade de devolución, oral ou escrita".
"Esta nova enquisa do IGE proporciona un novo dato aterrador sobre as consecuencias do mal chamado decreto de plurilingüismo", recorda Maceira a través dun comunicado. No tramo de idade no que se aplica o decreto, entre 5 e 15 anos, o 30,04% recoñecen non saber escribir galego, o 18,32% non saber lelo e o 23,9 % non saber falalo, o que supón un incremento do 8,42%, do 4,06%, e do 7,6% (respectivamente) sobre os datos recollidos no 2008..

FONTE: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/104991-debate-futuro-galego-xunta-asegura-se-consolida-lingua-maioritaria-galicia

Segundo a edición dixital do xornal Sermos Galiza (Daniel Salgado 27 setembro 2019)  "O 23,90% das galegas e galegos de entre 5 e 14 anos non saben falar galego". Segundo o autor do artigo "É rechamante que sexa a faixa de menor idade a que presenta menos coñecemento do idioma. Porque ademais se trata de persoas escolarizadas xa co polémico Decreto do Plurilingüismo, a primeira norma lexislativa na historia da Autonomía que reduciu a presenza do galego nas aulas. (...)

Segundo se avanza en idades, caen as porcentaxes de descoñecemento: o 9,84% entre 15 e 29 anos -que se corresponden con promocións anteriores ao retroceso normativo da etapa Feixoo-; o 12,21% entre 30 e 49 anos; o 11,69% entre 50 e 64 anos; o 8,84% de 65 ou máis anos. A media é dun 11,95% de galegas e galegos que saben “pouco ou nada” de galego. (...)

No que atinxe ao “ámbito educativo”, afirma que “o 59,57% das persoas que estudan na Galiza recibe a mesma proporción de clases en galego que en castelán”. Entre a poboación de a 16 anos, esa porcentaxe é do 72,72%, e baixa ao 36,03% na poboación de 17 ou máis anos, que recibe o 46,48% das clases en castelán. Estas cifras casan mal co coñecemento do galego entre as persoas menores de 15 anos: unha de cada catro non sabe falar galego.

FONTE:https://www.sermosgaliza.gal/articulo/lingua/cada-catro-menores-15-anos-non-saben-falar-galego/20190927125637084503.html

 

 

 

 

Ningún comentario: