29 setembro 2019

TERRA - Videoclip en lingua de signos

Á REBUSCA!!!
O día 27 de maio de 2014 a comunidade educativa do IES de Chapela (Redondela-GALIZA), despois dun longo proceso que comezou co inicio do curso escolar, rematou a gravación do Videoclip en Lingua de Signos TERRA. TERRA, con música do grupo galego DAKIDARRÍA, é un canto de amor a Galiza, ás súas aldeas, barrios, vilas e cidades, ao seu mar e ao seu campo... á Terra. O canto ceibe dun pobo que chama a mocidade activa a berrar e a facer camiño. Unha música que como o vento rebelde que vén de lonxe, clama por unha sociedade aberta que saiba ESCOITAR, APRENDER e COMPARTIR. Foi este o lema que engaiolou á comunidade educativa do IES Chapela e que conseguiu xuntar as enerxías do IES Audiovisual de Vigo no proxecto "Escoitando a Terra", seleccionado neste curso como "excelente" pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.




Cando un grupo de alumnas e alumnos do IES Chapela propuxo ao EDLG do Centro a realización dun videoclip en Lingua de Signos, todo confluíu. A música, Galiza, a lingua galega, os dereitos das persoas xordas. TERRA pretende achegar á mocidade de Chapela e da comarca de Vigo unha lingua que día a día perde falantes entre a xente nova, mais tamén quere visibilizar a realidade dun sector da poboación que non oe, pero que escoita, e sobre todo quere ser escoitado. Na defensa da nosa lingua, por unha sociedade que teña en conta as nosas diferenzas en busca da igualdade, aquí está TERRA. Na gravación implicáronse activamente máis de 250 persoas. Son alumnado, profesorado, persoal non docente, nais e pais... que quixeron neste VIDEOCLIP apoiar os dereitos das persoas xordas e dar alento a unha lingua, a galega, que hoxe e no futuro... precisa de nós. No making-of do videoclip (http://youtu.be/HuNzW9iLKzg) podes ver o traballo de preparación e gravación do vídeo e a implicación que tivo toda a comunidade educativa do IES de Chapela. AVANTE COS DEREITOS DAS PERSOAS XORDAS! AVANTE COA LINGUA GALEGA! Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES Chapela Chapela, 24 de xuño de 2014 http://oberete.blogaliza.org

Por ti recuperei este tesouro!! 

Ningún comentario: