09 novembro 2019

‘Libro das Invasións’: a lenda de Breogán

Chega a Galicia o ‘Libro das Invasións’: a lenda de Breogán: 

Así é o manuscrito medieval que narra como os Gaels dende Brigantia conquistaron (PorEduardo Rolland-

O Libro de Leinster (Lebor Laignech) é un manuscrito medieval irlandés datado arredor do ano 1160. O manuscrito foi producido por Áed Ua Crimthainn, quen foi abade do mosteiro de Tír-Dá-Glas en Shannon, hoxe no condado de Tipperary.
A obra é capital para a xenealoxía e a mitoloxía irlandesa, xa que contén os textos fundacionais da súa identidade, como o Lebor Gabále Erenn  (‘Libro das Invasións’) e o Táin Bó Cuailnge (‘O roubo do touro de Cuailnge’). Pero o máis destacado para Galicia é o Lebor Gabále Érenn, literalmente o ‘Libro da toma de Irlanda’, coñecido como o Libro das Invasións. Aquí atopamos por primeira vez unha mención a Breogán, líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda dende o Faro de Birgantium. Séculos máis tarde, o historiador Manuel Murguía incorporaría a lenda de Breogán a tradición cultural e identitaria de Galicia. O Libro das Invasións reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

Breogán e a suposta conquista de Irlanda polos galaicos aparece en dous dos libros do Lebor Gabále Érenn.  No segundo libro, que narra a ‘Historia temperá dos Gaels’, aparece ao final Breogán, que é descendente dos primeiros Gaels. Tras vagar polo Mediterráneo xunto ao seu pobo, conquista Iberia e funda unha cidade chamada Brigantia, onde constrúe unha alta torre. Dende ela, o seu fillo Íth consegue albiscar Irlanda. Unha vez máis, estamos ante a ‘terra prometida’.
Nos seguintes capítulos da obra, os autores esquecen a Breogán e pasan a contar a historia de Irlanda en sucesivas invasións cos seus reis e dinastías. Pero o caudillo de Brigantia regresa triunfal no oitavo libro, titulado ‘Milesians’. Segundo os estudosos, este nome provén do latín ‘Miles Hispaniae’, ou ‘soldados de Hispania’ e supón un engadido dos escritores cristiáns que redactaron o ‘Libro das Invasións‘. Porque, en realidade, a obra trata de unir dous mundos: o das tradicións ancestrais gaélicas coas do orbe latino e cristián.

 Agora, a lenda de Breogán e dos Gaels que une Galicia con Irlanda regresa á terra de Brigantia. Oito séculos máis tarde, o ‘Libro das Invasións‘ volve a Galicia e, dende o vindeiro 14 de novembro, poderá verse en Compostela.

FONTE: https://www.gciencia.com/historias-gc/xa-esta-en-galicia-o-libro-de-leinster-a-lenda-de-breogan/?fbclid=IwAR2TzYDm9GuyHW-YCX-YBnuUV90xabA_ntGkZdHprpKNh747ZSV1Jk9NPcE

Ningún comentario: